Últimas Novas (526)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Mércores, 27 Decembro 2017 07:07

CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Por acordo da Asemblea Xeral Ordinaria celebrada o día 16 de decembro de 2017,  convócase Asemblea Xeral Extraordinaria para o día 16 de xaneiro, martes, ás 19,30 horas en primeira convocatoria e ás 20 horas en segunda, no salón da Deputación Provincial, Praza de San Marcos, coa seguinte

Orde do día

1. Lectura e aprobación, se procede, da acta da asemblea anterior.

2. Toma de acordo sobre a integración na Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, de acordo co previsto no Artigo 21, 3 dos Estatutos.

                                                              Lugo, 18 de decembro de 2017

                                                              Adolfo de Abel Vilela

                                                              Presidente

Mércores, 27 Decembro 2017 07:02

FESTA DOS SOCIOS

Como ven sendo habitual, o 16 de decembro celebrou a Asociación a Festa dos Socios coa que se da remate ás actividades do ano. Celebrouse na Fortaleza, en Conturiz (Lugo), e asistiron medio cento de asociados.
Previamente celebrouse a Asemblea Ordinaria na Galería Sargadelos para aprobar as contas e o plan de actividades para o ano 2018, no que haberá dous ciclos, un dedicado ao Mudéxar e outro aos Pazos. Completase o programa con dúas conferencias e dúas viaxes sobre etnografía e outras dúas dedicada ás Irmandades da Fala con motivo do centenario do Manifesto de Lugo.

Domingo, 12 Novembro 2017 21:19

EDADES DEL HOMBRE. Reconciliare.

Os días 28 e 29 de outubro viaxamos a Cuéllar e Valladolid para visitar a exposición Las Edades del Hombre este ano co tema Reconciliare. De camiño paramos en Olmedo onde fixemos unha visita guiada polo recinto histórico vendo o que queda da muralla, as igrexas mudéxares de Santa María del Castillo, San Miguel e San Andrés, a torre do reloxo da Real Chancillería, diversos palacios e casas de arquitectura tradicional, o placio dos condes de Bornos onde se instalou o que chaman "Palacio Caballero de Olmedo" na praza de San Julián, personaxe da obra de Lopez de Vega. Despois de xantar no restaurante La Cueva de Fabia, preto da Porta de San Juan, continuamos viaxe a Cuéllar onde tiñamos concertada a visita guiada para as 17,45 horas.

Antón Costa Rico

O catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, que  foi un dos primeiros investigadores deste tema e que centra o seu traballo nos campos da política educativa en Galicia, pechou o ciclo de conferencias e viaxes dedicadas aos Indianos, abordando o tema da súa implicación educativa, como dixo ao iniciar a súa disertación "Cando a Galicia de alén mar sementou de escolas o país".
No mapa de Galia a maior parte de fundacións atópanse na Mariña oriental (Ribadeo). Ocupouse tamén de mencionar os galegos que se ocuparon da educación en América nos séculos XVII e XVIII. Conta o final do século XIX e primeiro tezo de XX, uns trinta foron profesores en diversos países americanos, especialmente en Arxentina e Uruguai, pero tamén en México e Cuba, que elaboraron libros de texto, moitos deles vinculados á corrente innovadora da Institución Libre de la Enseñanza.
Como xa se apuntou por outros conferenciantes, esta emigración masiva a América, máis homes que mulleres, comezou no século XIX para mudar a vida, como o fixeron os escoceses, irlandeses, alemáns e italianos, Estas correntes migratorias foron impulsadas non só por factores económicos senón tamén por motivos políticos, culturais e relixiosos. Estes colectivos, que maioritariamente proceden do medio rural, descobren sociedades urbanas, democráticas, libres e con oportunidades, pero tamén a oportunidade do papel da educación. No sexenio que comprende o destronamento de Isabel II, o breve reinado de Amadeo de Saboia e a I República (1868-1874). houbo cidadáns federalistas e de tendencia republicana, de espírito libre, algúns dedicados ao periodismo, que coa Restauración borbónica e a restricción das liberdades, decidiron emigrar. Estas persoas iniciaron actividades de divulgación creando cabeceiras de xornais e revistas, de máis o menos duración, máis de setenta en Cuba, publicacións que se distribúen entre unha parte da poboación emigrante que se forma ideolóxicamente.

16 de setembro de 2017

A última viaxe do Ciclo dedicado aos Indianos, foi a Ribadeo e ás localidades da súa ría, Figueras e Castropol. Comezou a xornada na Devesa onde ao longo da estrada se poden ver numerosas casas de indianos, sendo unha delas a da Sociedad de Instrucción y Recrero, Círculo Habanero de la Devesa, que visitaron sendo recibidos polo presidente Manuel Fernández Fra. O edificio principal alberga o teatro na planta baixa e o local social, coa biblioteca na primeira, conservando algunha das mesas de xogo antigas. Na parte posterior do edificio hai dous edificios que estiveron destinados a escola de nenas e nenos, con escusado no medio.

Nesta viaxe estivemos acompañados do José María Lombardero, autor de varias publicacións sobre os indianos na zona. Pasamos despois a visitar o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal "Pedro Murias", antiga Escola Agraria da Fundación Pedro Murías, dependente desde 1993 da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia percorrendo as instalacións acompaño do director José López Fernández. Alí vimos unha peza histórica relacionada coa perda de Cuba, a bandeira española arriada no Real Arsenal da Habana o 1 de febreiro de 1898, que foi entregada polo Exército español a Pedro Murias.

Martes, 05 Setembro 2017 08:07

ACTIVIDADES PARA O 3º TRIMESTRE DE 2017

SETEMBRO

Día 12 de setembro, martes

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Ana Cabana, profesora do departamento de Historia Contemporánea da USC, "Facer as Américas: Pedro Murias".

De 19 e 20 h. anotacións para as viaxes do día 16 de setembro á Ría de Ribadeo, e do 28 e 29 de octubre a Las Edades del Hombre (Cuellar) e Valladolid.

Día 16 de setembro, sábado

Viaxe á Ría de Ribadeo (A Devesa, Ribadeo e Figueras).

Saída ás 8,30 horas.

OUTUBRO

Día 13 de outubro, venres

ás 20 horas

Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Manuel Ferreiro, catedrático da UC, "Eduardo Pondal e a súa obra"

De 19 e 20 h. anotacións para a viaxe a Ponteceso e comarca.

Venres, 21 Xullo 2017 17:39

VIAXE Á ASTURIAS INDIANA

17 e 18 de xullo de 2017

Día 17

Ás 8 horas saímos de Lugo 28 socios da Asociación, para iniciar unha viaxe de dous días a Asturias, complementario do ciclo de conferencias dedicadas este ano a "Os Indianos". Ás 10,30 horas paramos en Pravia para tomar un café e recoller a dous socios que se atopaban en Asturias, Herminia Suárez Menéndez e Pedro Ferreiro Mazón, que nos acompañaron nesta primeira xornada. Despois trasladámonos á localidade de Somao para ver os edificios das escolas, o cinema, a igrexa e as vilas particulares, Casa de la Torre ou Casa Amarilla, chamada así por estar revestida con azulexos desta cor, obra modernista do arquitecto Manuel del Busto (1914) ; El Marciel; Villa Radis, de 1900, tamén con revestimento cerámico na fachada seguindo a tendencia do movemento inglés Arts & Crafts; La Casona, obra do arquitecto García Navas (1900) do mesmo xeito que o gran panteón con estilo de influencia do modernismo vienés Sezession, que se localiza no interior da leira.
Preto do límite con Cantabria, antes da comida en Colombres, visitamos o pequeno cemiterio da localidade, construído con diñeiro dos indianos, onde vimos algúns dos seus suntuosos mausoleos: como o da familia Fernández, ou do Conde de Rivadedeva e pola tarde visitamos o Museo da Emigración, da Fundación Arquivo de Indianos, instalado na Quinta Guadalupe de Iñigo Noriega, que ofrece unha ampla mostra tanto documental, como fotográfica, planos, obxectos, maquetas, estandartes, libros, etc, relacionados coa emigración asturiana e os seus centros sociais na América hispana. Tras esta visita percorremos El Redondo ou barrio alto da vila para ver os edificios máis representativos desta arquitectura, como a chamada Casa de Piedra, onde se atopa a Casa da Cultura, a Casa del Abuelo, a Casa Encarnada, etc.

O día 4 de xullo interviñeron no Ciclo dos Indianos, os arquitectos Plácido Lizancos Mora e Óscar Castro García, profesores da Escola de Arquitectura de A Coruña. Comezou Lizancos facendo unha introdución ao tema dicindo que a casa indiana supón un cambio en relación coa arquitectura vernácula. Retrotraeuse 25.000 anos para mostrar unha choza cuberta con ramas na que se acubillaba un emigrante da época. A casa ou vivenda de planta circular e cuberta de palla tráena os celtas. A casa dos romanos xa é diferente porque introducen o esquinado e a tella. Isto é a achega doutros emigrantes. Despois de 1492, os emigrantes que volven de América traen novos productos, como o maiz ou millo, dando lugar á casa comunidade de produción. En 1898 coa perda de Filipinas e Cuba ten lugar o fin do impero español, e os que voltan fan unha arquitectura que procede do mundo urbano, xentes opulentas que tecnifican a casa utilizando na construción o formigón e dotándoa de electricidade, auga corrente, cociña económica e xardín, que utilizan un proxecto arquitectónico feito por un arquitecto ou copiado duns modelos, dando lugar a unha vivenda singular que se aparta do que había, botando fóra da casa o gando e o fume. En 1973 a casa do emigrante retornado de Europa, Faise universal, é de todos. Hai unha última casa, o chalé de estilo neovernacular, que non ten que ver co anterior, tamén opulenta, pero máis complexa na distribución. A partir deste momento no medio rural hai unha sociedade heteroxénea xa que non todos os que viven nel son labregos. Prodúcese unha ruptura no equilibrio económico, paisaxístico e social.

Mércores, 21 Xuño 2017 21:27

VIAXE A LUARCA

O 17 de xuño, viaxamos a Luarca para visitar a arquitectura indiana.
Comezamos cun almorzo no Hotel Palacio Arias, en Navia, un edificio construído entre 1925 e 1929 con planos do arquitecto Luís Menéndez Pidal por iniciativa de Luís Arias Martínez, un emigrado a Puerto Rico que se dedicou á industria do café, o que nos permitiu facer un percorrido polo interior do edificio, na planta baixa o comedor e sala de estar, e na planta principal a sala de billar, diversas salas e o oratorio.

Despois pasamos a ver o conxunto de vilas situadas en Villar: Villa Argentina, obra do arquitecto Juan Miguel de la Guardia, onde dimos un paseo polos xardíns; Villa Rosario, do arquitecto Julio Galán Carvajal, moi diferente da anterior na liña do modernismo do pavillón vienés da Secesión; Villa Cristina, Villa Teresa; Villa Barrera, edificio historicista abandonado proxectado por Juan Miguel de la Guardia y Villa Carmen, nome de Carme García Covián, filla do nutricionista Francisco Grande Covián e muller de Severo Ochoa, premio Nobel.

En Luarca estivemos na Mesa dos Mareantes, onde tamén se fixeron as primeiras reunións do concello, subimos a Atalaya para ver o cemiterio, con algún panteón de indianos e o enterrramento de Severo ochoa, así como gozar das magníficas vistas, a capela que se atopa no cumio a beira do faro, ao baixar pasamos por diante das escolas indianas e do hospital asilo, un dos pavillóns feito polo arquitecto lucense Nemesio Cobreros e Cuevillas.

Tralo xantar fixemos un percorrido por Luarca para ver edificios indianos, especialmente Villa Tarsilia e os seus xardíns, obra do arquitecto Juan Miguel de la Guardia, hoxe recuperado como edificio público da Seguridade Social; o edificio de Círculo Liceo de Manuel del Busto, o edificio do Concello, o da Banca Trelles e os modernistas da praza dos Pachorros.

Dentro do ciclo dedicado ao Renacemento, do 14 ao 17 de maio viaxouse a Jaén para ver ás dúas cidades Patrimonio da Humanidade polo seu conxunto monumental renacentistas. O grupo de 33 viaxeiros aloxouse no Hotel Palacio de los Salcedo de Baeza.
A primeira parada foi en Villagarcía de Campos (Valladolid) onde se fixo unha visita guiada á Colegiata de San Luís, fundada por dona Magdalena de Ulloa, muller de Luis de Quijada, mordomo de Carlos V e encargado de educar ao seu fillo bastardo Juan de Austria, para que lle servise de panteón, e de colexio noviciado dos xesuítas, deseñada por Rodrigo Gil de Hontañón, con modificacións de Pedro de Tolosa e do xesuíta Giusseppe Valeriano. Ademais das diversas salas do museo, o máis importante é a igrexa e dentro dela, o retablo de alabastro deseñado por Juan de Herrera e a capela das Reliquias.
Despois de xantar en Arévalo fíxose un descanso en Tembleque, para admirar a súa singular "Plaza blanca de corrala", do século XVII, porticada e deseñada para espectáculos de touros e comedias. Está porticada con columnas toscanas e nos antepeitos dos corredores están decorados coa cruz da Orde de San Xoán.
Ao día seguinte fixemos unha visita guiada a Úbeda, comezando pola "Sinagoga del Agua" recen descuberta, un exemplo de conservación do patrimonio por un particular que a atopou ao facer un novo edificio.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO