O día 18 iniciamos a visita guiada polo casco histórico de Teruel, comezando na Plaza del Torico, onde nos fixeron unha introdución histórica e a lenda relacionada co Torico e a fundación de Teruel. Nesa mesma praza xa vimos dous exemplos de arqiuitectura modernista, a Casa delo Torico e a Casa de La Madrileña, a que seguiron a Casa Ferrán e a Bayo, feitos polo arquitecto municipal o tarraconense Pablo Monguió, un modernismo da escola de Gaudí e Montaner. Deste arquitecto tamén visitamos a escalinata que desde a estación da acceso a Teruel, obra de ladrillo, con azulexo, ferro artesán, e un relevo en mármore sobre os Amantes.
O mudéxar que alí é Patrimonio da Humanidade, admirámolo visitando as tres torres mudéxares, a de El Salvador, onde vimos un vídeo, San Martín e San Pedro onde está o mausoleo dos Amantes. Despois trasladámonos á catedral de Santa María de Mediavilla, sendo o máis destacado o artesonado mudéxar que vimos desde o ándito seguindo as explicación dunha guía da catedral.
Pola tarde fixemos unha visita a Albarracin, un pobo verdadeiramente notable non só pola súa situación, senón tamén polo conxunto de edificacións populares, palacios e igrexas. Aquí visitamos a Casa Museo da familia Pérez e Toyuela (s. XVII), que é propiedade de El Andador, axencia á que contratamos a guía.
O día 19 pola mañá desprazámonos a Rubielos de Mora, cun casco histórico interesante, entramos na Casa do Concello, un edificio renacentista do século XVI. Na antiga Colexiata de Santa María la Mayor, o máis notable é o retablo da Virxe na capela do Salvador, do século XV, de estilo gótico Internacional atribuído a Gonçal Peris, da escola valenciana de Pere Nicolau. De volta a Teruel pasamos a ver Mora de Rubielos, menos interesante desde o punto de vista monumental, pero cun gran castelo, onde expoñen maquetas de distintas armas medievais.
O día 20, xa de volta para Lugo, paramos en Guadalajara, visitando cun guía o panteón de arquitectura historicista da Duquesa de Sevillano, pasando despois á concatedral, e os palacios renacentistas de Antonio de Mendoza, dedicado a instituto, cun fermoso patio, e o gran palacio do duque do Infantado, que só puidemos ver polo exterior dado que por deficiencias estructurais actualmente non se permite a visita interior. Tamén vimos o Salón Chinés, no palacio de la Cotilla dos marqueses de Villamejor, un palacete do século XVII. Un dos salóns foi decorado no século XIX con papel de arroz pintado chinés. Tamén vimos unha exposición permanente do artista José de Creeft Champané.