Tamén fixo unha presentación do asentamento romano de Flavium Brigantium que se alzaba nunha parte do que hoxe é a cidade de A Coruña, prestando atención, a partir da análise da epigrafía latina alí descuberta, ás característica do seu poboamento e á súa integración dentro das rutas romanas de navegación entre o Atlántico e o Mediterráneo, como elemento, xunto a outros, que permite comprender a construción dun faro romano neste lugar.
Explicou o carácter que, na época medieval, acadou o monumento, á marxe da súa xa perdida funcionalidade como faro, como polo de atracción dunha serie de lendas que pretendían explicar a súa orixe ou o seu papel en determinadas feitos históricos. Analizou a importancia da mención ao faro de Brigantium por parte de Orosio, á influencia desta obra tanto na historiografía cristina como musulmá e a importancia que tivo esta última para o desenvolvemento posterior, na España cristiá, das lendas sobre a fundación da Torre polo heroe grego Hércules e doutras lendas vencelladas co noso monumento, como é o caso da historia sobre a existencia dun espello máxico na cima da torre, a invasión dos almuxuces, etc..
Por último falou da recuperación da súa funcionalidade como sinal marítima, acadada na época moderna; proceso que discorreu paralelo á substitución, nas tradicións historiográficas hispanas, de todas as lendas a ela vencelladas e á recuperación dunha auténtica explicación histórica para dar conta da súa orixe. Unha tendencia que se iniciou xa nalgunhas das producións historiográficas hispanas dos séculos XVI e XVII, como a Crónica General de España de Florián de Ocampo (publicada no 1544) ou a Historia General de España de Juan de Mariana (publicada entre 1592 e 1610) e que acadaría a súa consolidación no século XVIII como consecuencia da reforma levada a cabo no monumento, dende 1788, por Eustaquio Giannini e da publicación, en 1792, da Investigación sobre la fundación y fábrica de la Torre llamada de Hércules de José Cornide que devolveu aos romanos a autoría do monumento.