Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
XANEIRO
Día 7
Viaxe a Santiago e A Coruña para visitas guiadas ás exposicións "Francisco Asorey, unha recuperación necesaria", na Cidade da Cultura (Santiago) e "Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)", na Fundación Barrié (A Coruña).
Día 27, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de María Xosé Porteiro García e Pilar García Negro sobre “Begoña Caamaño”, persoeira do Día das Letras Galegas 2026.
De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe ao Alentejo dos días 3 ao 9 de maio. Visitas: Entre outros lugares, Lugo, Santa María da Feira, Evora, Monsaraz, Evoramonte, Vilaviçosa (Palacio Real e museos), adega de Vidigueira, Elvas, Olivenza, Badajoz e Mérida (Museo Nacional de Arte Romano) Lugo. Por razóns de economía pode que se reduza un día. Anticipo 100 € que se poden pagar en efectivo ou ingresar na conta de Lugo Patrimonio no Banco de Sabadell ES07 0081 5223 1000 0140 7841.
FEBREIRO
Día 10, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Santiago catalán Tobía e Ángeles Porto Porto sobre “A arquitectura racionalista en Lugo. O arquitecto Eloy Maquieira Fernández".
De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe do día 21 de marzo para ver o centro de interpretación das minas de volframio de San Finx de Lousame e a central hidroeléctrica do Tambre, obra do arquitecto Antonio Palacios. Prezo 45 €.
7 de xaneiro
“Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”
O motivo da viaxe foi ver as exposicións dedicadas ao escultor “Francisco Asorey, unha recuperación necesaria”, no Museo Centro Gaiás en Santiago, pola mañá, e a do pintor “Fernando Álvarez de Sotomayor, 1875 – 1960”, na Fundación Barrié de na Coruña, pola tarde.
A casualidade de que coincidisen temporalmente estas exposicións dedicadas ao escultor e ao pintor “da raza”, con moi diversa e abundante obra, deu lugar a que se organizase esta viaxe á que foron 45 socios, tendo que facer dous grupos para as visitas guiadas.
13 de decembro
Como é habitual no mes de decembro, coincidindo coa asemblea anual, este ano celebrada o día 12, fixemos unha xuntanza cun xantar de confraternidade onde tivemos a ocasión de ver a asociados que por varias circunstancias non puideron asistir con regularidade ás actividades desenvolvidas.
O lugar escollido foi o Balnerio de Lugo. O presidente, Adolfo de Abel Vilela, deu as grazas aos asistentes e animounos a continuar apoiando a Asociación. Na sobremesa houbo un concerto de música e canto cunha selección de obras clásicas e contemporáneas.
Rematada a reunión baixamos ver os baños romanos, como actividade incluída nas visitas aos xacementos arqueolóxicos da cidade. Foron explicadas na parte histórica polo presidente, e no que atinxe a actividade do Balneario, pola directora do establecemento, Martina Gandoy Fernández, facendo con ela e o persoal técnico un percorrido por todas as instalacións co fin de coñecer os tratamentos que ofrecen.
9 de decembro
A catedrática de Hidroloxía da Universidade da Coruña, comezou a súa conferencia dicindo que para entender o papel que as termas xogaron na vida dos romanos había que referirse aos avances na práctica médica da época, pero sobretodo ás referencias sobre a súa cultura no campos dos cuidados do propio corpo e da saúde pública en xeral.
Para os romanos cada conquista que realizaban os seus exercitos conlevaba un enriquecemento do seu acerbo cultural. E así foronse xerando usos e costumes que chegaron a formar parte do noso modus vivendi occidental. A hixiene, o urbanismo e o mesmo concepto de benestar son aspectos, en gran parte herdados da cultura romana.
Destacou que as termas romanas foron moito máis que simples instalacións para o baño: constituíron auténticos centros neurálxicos da vida urbana, onde se combinaban hixiene, saúde, ocio e cultura. Estes espazos, inspirados nas tradicións helénicas, evolucionaron desde modestos balnea ata grandiosos complexos imperiais, que podían acoller miles de persoas simultaneamente.
María Dolores Dopico Cainzos, “O Museo Universitario Domus do Mitreo”
11 de setembro
María Dolores Dopico Cainzos, profesora Titular de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela e desde o ano 2019, Directora do Museo Universitario Domus do Mitreo (Lugo), participou no ciclo conmemorativo dos 50 Anos do Bimilenario de Lugo, coa conferencia sobre o Museo Universitario Domus do Mitreo, cualificado pola profesora como un museo arqueolóxico de sitio que toma o seu nome de dous elementos sobresalientes do seu xacemento.
Sinalou que en primeiro lugar, temos os restos dunha domus romana dos ss. I-III dC da que se escavaron uns 600 m2, da que se conservan parte das súas dependencias (peristilo, oecus, algunhas habitacións e, dentro da área de servizo, a cociña). A excepcional altura dos muros permite ver o seu importante programa decorativo, con frescos en todos eles, ademais puidéronse analizar as súas infraestruturas hidráulicas, o sistema de protección antihumedades, descrito por Vitrubio, ou os materiais construtivos, entre outros.
Clara María Ramos Taboada, “E ti ¿de quen ves sendo?”. Lucus Augusti como espello das relacións familiares na antiga Roma
14 de outubro
A conferenciante presentou a charla con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira dedicouse a contextualizar o mundo familiar en Roma. Nun primeiro comentario tratou de forma sucinta as liñas de investigación enfocadas nas relacións familiares durante a República romana, profundamente ligadas ao trato das elites e ao contexto político tardorrepublicano, poñendo a figura de Fulvia como exemplo desas redes familiares.
Centrouse despois no trato da familia romana durante o Alto Imperio. Este enfoque débese a que para este período (S. I – S. III d.C.) a cantidade e variedade de fontes é moito maior: desde as fontes literarias, a principal para coñecer a familia republicana, ata as xurídicas e epigráficas que amplían o espectro de tipos e clases de familia, tratando xa aos grupos populares ou “xentes do común”. Neste momento centrouse fundamentalmente no rexistro epigráfico, mostrando diferentes tipos de monumentos e textos do Occidente imperial para demostrar a riqueza documental deste tipo de fontes.
Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela
16 de setembro
Para dar conta do que supuxo no seu momento a celebración do Bimilenario de Lugo, entre finais de 1975 e todo o ano 1976, organizouse unha mesa redonda con Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela, que participaron na organización e desenvolvemento de algunhas das actividades que se programaron.
Adolfo de Abel manifestou que só viven cinco persoas que estiveron implicadas na organización da efeméride, o que foi comisario, José Luis Hernangómez Sastre; o que era alcalde, Tomás Notario Vacas; o arquitecto de Belas Artes, Antonio González Trigo, e eles dous. Comezou facendo unha síntese da orixe e desenvolvemento das actividades programadas. A idea partiu do que era alcalde Fernando Pedros Roldán que fora convidado como alcalde dunha cidade romana ao Bimilenario de Badalona. Despois da viaxe, o 5 de maio de 1973 expuxo na Comisión Provincial de Patrimonio a idea de que se podía facer tamén a conmemoración da fundación de Lugo, o que foi aceptado. Para iso solicitou información ao catedrático de Latín da USC, Manuel Cecilio Díaz e Díaz, que aportase algunha noticia sobre o particular, o que non foi posible.
12 de setembro
O profesor da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de A Coruña, comezou dicindo que o latín, lingua itálica da familia indoeuropea, foi traído á Gallaecia polos colonos, funcionarios e soldados romanos.
O seu proceso de imposición e adopción xeral por parte da populación debeu de corresponder a un proceso relativamente lento e pode darse por iniciado coa expedición de Décimo Xunio Bruto no ano 137 a.d.n.e., que costuma entenderse como o inicio do enfrontamento bélico dos galaicos con Roma.
Co andar do tempo, o idioma evoluiría mercé a diversas causas, tales como o tipo de latín importado, a súa procedencia, a acción de substratos, o efecto dos superestratos altomedievais ou o isolamento do territorio por mor da queda do Imperio Romano.
PROGRAMACIÓN PARA O SEGUNDO SEMESTRE DO ANO 2025
SETEMBRO
Día 12, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, profesor titular na UDC sobre “O galego-portugués herdeiro do latín”.
Día 16, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Que foi o Coloquio Internacional do Bimilenario de Lugo. Felipe Arias Vilas e Adolfo de Abel Vilela.
Días 23, 24 e 25
Viaxe a Chaves e Braga. Saída ás 8 horas.
21 de xuño
A viaxe encadrouse dentro do ciclo dedicado ao mundo romano, e tivo por finalidade visitar a Torre de Hércules e o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Nestas dúas visitas acompañounos o arqueólogo e museólogo Felipe Senén López, que comezou as explicacións no centro de interpretación da Torre, ante a escultura de Hércules obra de Leiro, para comprender a evolución do faro vendo as maquetas e os planos, continuando despois coa visita ao monumento, desde as escavacións na base da torre ata a terraza superior.
4 de xuño
Na conferencia o profesor González García desenvolveu tres aspectos básicos que, ao mesmo tempo, permiten coñecer a historia da Torre de Hércules e marcan a súa singularidade como monumento histórico:
En primeiro lugar tratou sobre os motivos que levaron á construción dun faro, na época antiga, nestas paraxes do litoral galaico. Analizou o posible papel desenvolvido por este sector da costa coruñesa, e do litoral galego en xeral, nas liñas de contacto marítimo que, dende a Prehistoria, uniron ás distintas rexións da Europa atlántica e, mesmo, a estas co Mediterráneo.
Do 5 ao 10 de maio de 2025
Dentro do ciclo dedicado ao Mundo Romano con motivo dos 50 anos de celebración do Bimilenario de Lugo, fixemos a viaxe para ver, no que respecta a arqueoloxía romana, Zaragoza capital e Tarragona na cidade e algún xacemento da provincia.
Dada a distancia organizamos o desprazamento facendo paradas en lugares que nos permitisen ver algún monumento interesante doutros períodos históricos, antes de xantar.
Visitas ao Mueso e Castro de Viladonga e a Sal Porta Miñá
22 de marzo
Nun día de auga fixemos pola mañá a viaxe ao Museo e Castro de Viladonga dentro do ciclo dedicado ao mundo romano. Despois de ver un vídeo explicativo o presidente da Asociación Adolfo de Abel Vilela fixo uns comentarios relacionados coa historia evolución do xacemento e das instalacións. O interese polo castro comeza en 1911 ao aparecer un torques de ouro, comezando as escavacións na década dos anos 70 baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, contando coa presenza do arqueólogo Felipe Senén López, descubríndose un gran número de estruturas pertencentes a casas e abundante material de entre os séculos II a V d.C., pertencente á cultura galaico-romana. Desde o ano 1982 os traballos arqueolóxicos fixéronse baixo a dirección de Felipe Arias Vilas.
Viaxe a Astorga
26 de abril
Dentro do ciclo romano viaxamos a Astorga onde desde os anos 80 acométense escavacións arqueolóxicas sistemáticas, ao igual que se fixo en Lugo, e desde esa data concluíron case douscentos de intervencións en solares urbanos.
Fixemos unha visita guiada a catro xacementos arqueolóxicos recuperados en varias escavacións, dous deles aparecidos ao facer uns edificios para vivendas, por riba da muralla. Un é unha parte do recinto defensivo do primitivo campamento, do que se conservan dúas liñas de fosos paralelos feitos pola Legio X Gemina onde despois se fundou a cidade de Asturica Augusta, por riba destes achados había unha domus que se eliminou por considerar de maior interese os que había debaixo.
Cara ao primeiro terzo do século I d.C. o foso interior xa esta inutilizado e iníciase sobre el a construción dunha muralla de pedra. Este muro completábase con torres semicirculares, unha das cales aparece cimentada no foso. Na segunda metade do século I d.C., esta primeira fortificación foi abandonada e a cidade estendeu a súa superficie pechada por outra muralla da que se conserva unha parte.