Últimas Novas (526)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

13 de xuño

Comezou o conferenciante facendo algunhas precisións sobre o termo castrexo, para referirse despois ao traballo desenvolvido sobre esta cuestión polo Seminario de Estudos Galegos, mencionando especialmente o de Florentino López Cuevillas e a súa publicación Las joyas castreñas. Fixo un repaso de catálogos e mencionou que dos 276 achados de torques inventariado en Europa, 200 pertencen ao Noroeste da Península ibérica, o que demostra a importancia da ourivería galaica no contexto atlántico onde se observa unha unidade cultural con Portugal e Irlanda. Mencionou que o coñecido como Tesouro das Silgadas (Caldas de Reis), estaba composto orixinalmente por diversas pezas de ouro que pesaban uns 30 quilos.

Luns, 29 Mai 2023 07:31

Viaxe a Viana do Castelo

20 e 21 de maio

Dentro do ciclo sobre Patrimonio Industrial que fixemos no ano 2019, o día 17 de maio estivemos en Ilhavo, e entre as visitas realizadas estivo o Museo Marítimo de Ílhavo (MMI), dado que esta localidade tivo unha gran relación coa pesca do bacallau que no ano 2001 pasou a contar co navío-museo Santo André, antigo arrastreiro bacalloeiro que tamén visitamos como complemento do museo. Pero o socio e etnógrafo Xosé Manuel González Reboredo recomendou ver noutra ocasión o Navio-Hospital Gil Eannes en Viana do Castelo, e con este fin organizamos a viaxe.

Comezamos a visita as 11,15 horas seguindo a explicación do guía que contratamos. O barco construíuse en 1955 nos estaleiros de Viana do Castelo para substituír ao Lahneck, incautado por Portugal aos alemáns na Primeira Guerra Mundial (1916). Transformouse en corveta e en 1927 foi adaptado como barco hospital en estaleiros dos Países Baixos para dar apoio médico aos barcos bacalloeiros que permanecían varios meses illados nas augas de Terranova e Groenlandia.

9 de maio
O doutor en Historia da Arte comezou a súa conferencia sinalando que trataría a  desaparición de edificios singulares nas cidades de Lugo e Mondoñedo durante a segunda metade do século XX período no que España experimentou un paulatino crecemento económico e demográfico que tivo importantes consecuencias en moitos dos centros históricos das súas vilas e cidades máis renombradas, traducíndose en reformas e desaparicións de edificios moi singulares que, apenas pasadas unhas décadas e baixo a nosa perspectiva actual, parécennos cuestionables nalgúns casos cando non unha perda lamentable e irreparable.
Deste contexto non conseguiron escapar os núcleos urbanos de Lugo e Mondoñedo, que perderon varios dos seus edificios máis significativos por múltiples razóns escusadas no manido termo da “modernización”. A mellora dos servizos prestados polo Estado, a especulación urbanística, unha política que apostaba por renovar as rúas e prazas co afán de facilitar a circulación dun parque automobilístico cada vez maior e, por suposto, a mentalidade de non apreciar o suficiente a conservación do patrimonio histórico-artístico, levaron a que en Lugo e Mondoñedo desaparecesen algúns edificios singulares, caso do chalé do Arquitecto Nemesio Cobreros na capital lucense, deseñado por el en 1888, ou do Sanatorio Alonso-Pimentel, ideado por Eloy Maquieira en 1930 e reformado por este arquitecto anos despois, pero demolido en 1985.

Martes, 02 Mai 2023 11:55

Viaxe ao Vigo romano

22 de abril
Despois da conferencia do arqueólogo Felipe Arias Vilas, desprazámonos a Vigo para ver os achados romanos, as salinas, o castro do Museo do Mar, e as seccións de arqueoloxía do mesmo e do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, acompañados polo profesor da Universidade de Vigo Eduardo Méndez Quintas.
Comezamos a visita no centro de interpretación Salinae na rúa Rosalía de Castro, onde recibimos as explicacións do profesor que para contextualizar o achado comezou falando do proceso arqueolóxico desenvolvido na cidade nos últimos anos, e xa relacionado co xacemento recuperado en parte, todo o relativo á produción e os diversos usos que se lle daba ao sal, como a obtención de tinturas, elaboración de salsas e especialmente para o salgado do peixe destinado á exportación..

11 de abril

O arqueólogo e museólogo Felipe Arias Vilas, comezou dicindo que Vigo é unha cidade que identificamos deseguida coa modernidade contemporánea pero que ten unha longa historia con moi vellas raíces que expuxo ao longo da disertación.

Logo dunha breve introdución sobre as fontes de coñecemento, que son as textuais e documentais pero, sobre todo, as proporcionadas pola arqueoloxía, moi desenvolvida nas últimas décadas pero en débeda con figuras senlleiras como Xosé María Álvarez Blázquez, comentou os problemas da identificación do seu nome orixinal (Vicus Scaporum / Caporum (?), Burbida ?, como mansión discutida da Vía XX (ou da XIX -?-) do chamado Itinerario de Antonino.

Domingo, 26 Marzo 2023 21:15

Viaxe ás Terras do Carballiño

25 de marzo

Acompañados polo arqueólogo e museólogo Felipe Senén López, os 54 viaxeiros comezamos a viaxe visitando o Mosteiro cisterciense de Oseira, renacido no século XX grazas ao labor dos frades que o reconstruíron. Acompañados por Yolanda iniciamos a visita no claustro renacentista chamado dos medallóns. Comezou dicindo que o topónimo de Oseira procede do latín ursus (oso), en referencia a o lugar agreste onde foi fundado pola Orde do Cister no ano 1137, dependendo de Claraval, fundación promovida por Afonso VII, debido ao parentesco que seu pai Raimundo de Borgoña tiña con San Bernardo.

Como ocorre neste tipo de edificios centenarios ten arquitecturas de diferentes épocas.

14 de marzo

Previamente á viaxe do día 25 de marzo o arqueólogo e museólogo Felipe Senén López deu unha disertación sobre “O monacato en Galicia e a humanización dos ribeiros”. A erudición do conferenciante fai que chame a unha gran cantidade de público e que ao mesmo tempo tamén concite algunhas diverxencias sobre o que di, pero ambas as dúas peculiaridades fan que o auditorio o siga con especial atención.

Na seu interese por divulgar o concepto de Galicia como país, comezou facendo alusión ao centenario que se celebra este ano da fundación do Seminario de Estudos Galegos, para despois incidir varias veces no concepto de realismo máxico aplicado á historia deste país, fixándose na teorización de dous dos fundadores, Florentino López Cuevillas e Vicente Risco, que se miraba en Irlanda, ambos membros tamén da Xeración Nós, e das Irmandades da Fala, unha xeración de aristócratas ilustrados vinculados co europeismo.

14 de febreiro

O doutor en Historia Contemporánea e profesor da Universidade da Coruña, na que é director da Cátedra de Memoria Histórica, falou sobre Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, facendo na súa disertación unha aproximación a unha figura notable da nosa historia en clave republicana e nacionalista.

Naceu Francisco Fernández del Riego en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913, nunha familia numerosa de clase media, seu pai estivera emigrado en Cuba e tiña unha tenda de tecidos. Fixo os primeiros estudos na súa vila natal pasando en 1927 a facer o bacharelato ao Colexio dos Escolapios de Monforte, onde xa publica os primeiros artigos sendo na súa traxectoria un escritor prolífico.

Anque quería estudiar Filosofía e Letras, en 1929 pasou a estudiar Dereito na Universidade Central de Madrid na época da chamada ditablanda do xeneral Dámaso Berenguer, onde coñece a varios compañeiros cos que desenvolverá a dinámica política en Galicia. Frecuenta a biblioteca do Ateneo e lee varias das obras de Vicente Risco, especialmente El problema político de Galicia e a Teoría del nacionalismo gallego, que foi divulgado no xornal A Nosa Terra.

Sábado, 11 Febreiro 2023 21:52

Viaxe a Pontevedra

28 de xaneiro

Esta viaxe foi complemento da conferencia impartida o día 24 por Carmen Salinero Corral, directora do Centro Fitopatolóxico de Areeiro dependente da Deputación Provincial de Pontevedra creado en 1981 coa finalidade de prestar asesoramento aos labregos no relativo ás pragas e enfermidades que afectan a determinados árbores e cultivos, así como a análise de solos para facer as correccións axeitadas a cada cultivo. A este asesoramento engadíronse as seccións de cultivos froiteiros, ornamentais e laboratorio de loia biolóxica.

A visita, que comezou ás 10,30 horas e estivo centrada exclusivamente nas camelias, iniciouse tomando un té verde producido na finca a partir da Camellia sinensis, explicando a directora a forma de facelo, como o tempo que debe ter a folla, no máis dun ano, temperatura á que debe estar a auga, 70 º, desbotar o primeiro té, e tomar os seguintes, ata cinco, sendo os últimos os mellores. Tamén comprobamos o efecto sobre a pel do aceite que se obtén da camelia.

24 de xaneiro

A doutora en Bioloxía e directora do Centro Fitopatolóxico de Areeiro (Pontevedra), comezou a conferencia dando o nome científico da planta arbustiva e arbórea orixinaria das rexións tropicais e subtropicais de Asia sudoriental, China e Xapón, a Camellia, posto por Carl von Linné en 1735 no seu Systema Naturae, por ser o descubridor o botánico e misioneiro xesuíta do século XVII Georg Josephus Kamel, coñecido como Camellus, que a debuxou nunha viaxe a Filipinas. Os ingleses documentárona en 1740.

Non se sabe cando se trouxo a Europa a chamada “Rosa de China”, pero debeu ser no século XVI polos navegantes portugueses e españois que traían diversos produtos entre os que estaban os obtidos da planta, como as sementes, o aceite e o té. O certo é que aparece representada como elemento decorativo nunha pía da auga bendita da igrexa romana de Santa María sobre Minerva, nunha capa de viático da época de Felipe II, en azulexos portugueses, en cerámica de Talavera e na decoración de arcas. En 1830 veñen as primeiras camelias importadas de Xapón.

No século XIX xa se debuxan os centos de especies, estando moi divulgada, como se pode ver en retratos de mulleres que as levan como adorno no pelo e nos vestidos.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO