Últimas novas da asociación LugoPatrimonio
O 21 de marzo de 2017 o profesor de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, fixo unha disertación sobre "A pintura renacentista en Galicia", analizando a través de imaxes a evolución da pintura mural ao longo do século XVI, ata culminar coas da capela de San pedro da catedral de Santiago, por ser as de maio calidade. Tamén se referiu á pintura sobre táboa, especialmente ado coñecido como Mestre de Sobrado, e ás murais recen restauradas do mosteiro cisterciense de Meira.
4 de marzo de 2017
Acompañados polo conferenciante Javier Raposo Martínez, comezamos ás 10.30h. na praza do Obradoiro diante da fachada do Hospital Real. Este edificio rexio merece un único e importante apartado pola súa ubicación e funcións, así como, polo traballo de diversos artistas casteláns, franceses e holandeses que chegan a Santiago da man da Corte.
Despois visitamos o claustro, o salón mudéxar, a igrexa e comentou a fachada do colexio de Santiago Alfeo ou Fonseca, matriz da futura Universidade de Santiago de Compostela promovida polo arzobispo Fonseca III, xoga un papel fundamental coa influencia clara da maneira de compoñer " á salmantina". Pasamos a analizar as trazas dos mestres Juan de Álava e Rodrigo Gil de Hontañón na catedral compostelana.
Pola tarde, despois do xantar, trasladámonos diante da fachada da igrexa do mosteiro benedito de San Martín Pinario. Raposo centrouse na igrexa, sacristía, claustros procesionais mailo impoñente oratorio de San Felipe Neri. Xunto a éste San Agustín e San Paio de Antealtares, onde tamén indagamos no nacemento da organización e decoración urbana renacentista en Santiago.
Rematamos cun paseo polas rúas do casco histórico pata botar unha ollada a varios edificios do ámbito civil. No noso tour pola cidade non podíamos deixar de lado outros exemplos de arquitectura vinculada a este estilo. Miramos detalladamente: os pazos (como o da rúa Tras Salomé), as escalinatas e reixas (como as da fachada do Obradoiro), as porterías de Hospitais como o de San Roque, o antigo edificio do Concello na praza do Campo, Pan ou Cervantes e os colexios de San Clemente de Pasantes, hoxe instituto Rosalía.
Domingo Luís González Lopo
7 de febreiro de 2017
O Ciclo que este ano dedicamos ao Renacemento, foi aberto por Domingo Luís González Lopo, profesor de Historia Moderna da USC. Versou sobre "A reforma tridentina en Galicia: métodos e consecuencias". Na disertación fixo un balance da situación relixiosa en Galicia a comezos do século XVI, pouco menos que un lugar de misión, segundo expresión da época, cun clero de baixa formación e moi pouca asistencia ao culto por parte dos fieis. O impulso dado por Trento fixo posible a fundación de confrarías e santuarios, estimulando a relixiosidade e o fervor que terá o seu punto álxido nos séculos XVII e XVIII no período do Barroco.
Javier Raposo Martínez
21 de febreriro de 2017
A segunda conferencia foi impartida por Javier Raposo Martínez, licenciado en Historia da Arte Antiga, Moderna e Contemporánea, e doutorando na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago. Estivo dedicada á "A arquitectura renacentista en Galicia". Fixo un percorrido polas obras deste estilo más sobranceiras e explicou a razón das influencias portuguesas, castelás e italianas que mostran os estudios máis recentes. Completouse na parte práctica coa viaxe a Santiago de Compostela o día 4 de marzo.
O día 17 de xaneiro de 2017, o profesor da Universidade de A Coruña, Uxío Breogán Diéguez Cequiel, doutor en Historia pola Universitat de Barcelona e especialista en Historia do nacionalismo galego, abriu o curso deste ano cunha conferencia sobre "As Irmandades da Fala" cono motivo do centenario da súa creación. Despois de ser presentado pola vicepresidenta Branca Rodríguez Pazos, abordou a orixe destes colectivos que nun primeiro momento reivindicaban a lingua, para falar despois dos persoeiros que as promoveron e dotaron de esencia política, así como a súa preocupación polo ensino en galego. Fixo mención as diversas asembleas, entre elas a primeira celebrada en Lugo en novembro de 1918 na se sentaron as bases ideolóxicas do futuro nacionalismo galego presentadas nun manifesto.
O día 10 de xaneiro de 2017 celebrouse a asemblea anual ordinaria na que o presidente Adolfo de Abel Vilela fixo o balanzo das actividades desenvolvidas ao longo do ano 2016: catro ciclos de conferencias dedicados ao poeta Manuel María, ao Camiño Primitivo, a San Froilán e á Ribeira Sacra. Houbo unha xornada de reflexión e debate sobre o estado e destino do Cuartel de San Fernando e unha mesa redonda conmemorativa dos 30 anos de escavacións sistemáticas na cidade de Lugo. En total houbo 17 conferencias, participando 20 conferenciantes, houbo un concerto de A Quenlla, fixéronse 9 viaxes e 3 mesas redondas.
Tamén se someteu a aprobación a programación para o ano 2017. Haberá dous ciclos, un dedicado ao Renacemento, con viaxes a Santiago de Compostela, Úbeda e Baeza, e outro aos Indianos, con viaxes pola Mariña lucense, e Asturias. Esta previsto viaxar a Cuéllar para visitar a exposición "Reconciliare" de Las Edades del Hombre. Como actividades soltas hai programadas unha conferencia sobre As Irmandades da Fala. o pintor Xesús Corredoyra, con visita guiada á exposición "Xesús Corredoyra eo simbolismo na pintura galega", e ao médico, escritor e poeta Xesús Rodríguez López no cen aniversario da súa morte.
Na asemblea extraordinaria procedeuse á modificación nos estatutos do domicilio da Asociación e a elección de tesoureiro por renuncia de José Ángel Lence Iglesias. Resultou elixida María Julia Cantalapiedra Álvarez.
Como xa é habitual, o 17 de decembro celebramos a festa anual cos socios para pechar as actividades do ano 2016. Nesta ocasión viaxamos ao concello de Láncara, onde visitamos a casa de Ángel Castro Argiz, pai dos presidentes de Cuba Fidel e Raúl Castro, a ponte medieval de Carracedo e a área recreativa. A reunión tivo lugar na Casa gran
Adolfo de Abel Vilela
Presidente de Lugo Patrimonio
Por fin xa o conseguiron, ou o conseguimos entre todos. O 6 de outubro de 2015 alertábase desde estas páxinas dos actos vandálicos que sufría a fonte de San Vicente, o icono turístico de Lugo, ilustrado con fotografías facilitadas por un veciño que manifestaba "Ata que tiren con San Vicente e esmaguen a fonte non van parar", e así ocorreu. O dano causado é irreparable e xa que logo chegou a hora de buscar aos culpables da acción e da omisión.
Da acción, porque o que o fixo, ou os que o fixeron, son delincuentes por cometer un delito contra o patrimonio, contemplado no artigo 324 do Código Penal.
Da omisión os responsables somos todos, por crear unha sociedade conformista, silenciosa e excesivamente permisiva que deu lugar a unha mocidade sobreprotexida que con actos como este demostra non ter sentido cívico, cultura e responsabilidade. Non ten xustificación que uns mozos que desde o parvulario ata os 18 anos reciben unha formación, teñan estes comportamentos. Estamos ante un fracaso colectivo que debería facernos pensar porque ocorre isto.
Reitero o que escribín o 30 de xuño deste ano sobre o problema das pintadas, a rotura de cristais e as mexadas na contorna da catedral. Ademais do anterior é un problema de falta de vixilancia da Policía Local e Nacional as noites dos xoves, venres e sábados, entre a 1 e as 7 da mañá.
Algúns dos cidadáns que estamos fartos destes comportamentos esperamos unha explicación, á que creo que temos dereito, dos responsables dos corpos mencionados. É da súa responsabilidade tomar as medidas coordinadas que consideren oportunas para evitar a repetición destes actos vandálicos e delictivos. Non se debe seguir mirando para outro lado.
E a oposición municipal, que todos os días denuncia deficiencias ou carencias que nunha empresa mediana non pasaría do xefe de mantemento, e o Concello é unha empresa grande, faría ben en sentar co grupo de goberno e consensuar o que se debe facer, porque por riba do interese partidario está o colectivo ao que todos se deben.
O día 26 de novembro de 2016 fíxose a segunda viaxe á Riberira Sacra, na parte do Miño, nos concellos de Taboada e Chantada, coa que se rematou o ciclo, que contou como guía a membro da directiva Carolina Casal Chico. A primeira visita foi a igrexa románica de San Pedro de Bembibre, de fins do século XII, onde se puido admirar a arquitectura, restos de pinturas murais e o sepulcro monumental onde foi enterrado en 1681 Xoán Taboada Ribadeneira e Figueroa, primeiro conde de Taboada.
Despois pasamos a Santa María de Nogueira, cun miradoiro excelente da ribeira do Miño desde o cemiterio. Anque ten elementos barrocos,como a fachada principal e a torre, conserva a estrutura do corpo principal, coa porta sur, e a ábsida, chamando a atención os canzorros, así como unha anguía e un peixe e seis peixes que están labrados en dúas pezas da cornixa. O máis rechamante son as pinturas murais renacentistas do último terzo do século XVI que a modo de tapiz cobren as paredes laterais da nave central, que substituíron a outras anteriores, como se pode comprobar debaixo da representación de san Sebastián. Vanse a recuperar e restaurar as que hai na capela maior.
Rematada a visita trasladámonos a Belesar para visitar a viña e a adega de Mario Vázquez Carballo, onde se elabora o viño da variedade mencia "Ora et Labora". O deán da catedral de Lugo deu unha explicación sobre a contorna desde o punto de vista da produción vitivinícola e dos traballos que ao longo do ano se fan na súa viña, pasando despois a facer unha cata. Entregou aos asistentes unha separata do seu artigo "As raíces do viño: influencia do cristianismo na viticultura e na Ribeira Sacra". Pola súa parte LugoPatrimonio en agradecemento a súa hospitalidade agasallouno cun porta viático.
Pola tarde despois de xantar nunha casa rural da zona, visitamos a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, a obra emblemática desta zona tanto polo seu privilexiado emprazamento como pola súa arquitectura, sendo o mellor exemplo de igrexa da tipoloxía de Portomarín. Tamén admiraron o conxunto escultórico da Epifanía e a magnífica portada, seguindo a explicacións iconográficas que deu Carolina Casal.
O día 11 de novembro, tivo lugar no Salón de actos da Deputación Provincial, a última conferencia do ciclo dedicado á Ribeira Sacra, que estivo a cargo de Sonia Fernández Pérez, investigadora da USC., Departamento de Historia da Arte. Baixo o titulo "Difusión artística do románico na Ribeira Sacra 2.0". A conferenciante foi presentada por Carolina Casal Chico, membro da xunta directiva da Asociación.
A convidada falou da orixe da corrente estilística e tipolóxica das igrexas románicas que tomando como modelo a de San Nicolau de Portomarín, os mestres do obradoiro de Santiago, difunden pola ribeira do Miño a partir do último terzo do século XII desde o foco da catedral de Ourense.
Os días 5 e 6 de novembro de 2016, LugoPatrimonio viaxou a Toro para ver a exposición Aqua de Las Edades del Hombre, visita guiada que fixeron pola mañá do primeiro día en dous grupos. Despois de xantar fixeron un percorrido pola cidade de María de Molina acompañado da guía Chiara, facendo un percorrido polas rúas máis importantes, a colexiata polo exterior, os mosteiros de Sancti Spiritus, co seu museo de arte sacra, e o de Santa Sofia, onde está a orde das premostratenses, coa igrexa de Santa María. Rematou cunha visita á igrexa mudéxar de San Lorenzo el Real onde estaban expostas pezas tan coñecidas como a celebre pintura de La Virgen de la Mosca.
O día 6 estivemos en Zamora comezando a visita pola Porta da Traición ou da Lealdade, o castelo pasando despois a visitar a catedral, e os magníficos tapices, facendo a continuación un percorrido pola Zamora románica, especialmente nas igrexas de San Pedro e San Ildefonso, onde están os restos de san Atilano compañeiro de San Froilán, e a da Magdalena onde se conserva un magnífico sepulcro anónimo que se relaciona coa obra do coro do mestre Mateo de Santiago de Compostela. Visitamos pola mañá o Museo de Zamora, xantando e las Aceñas de Pinilla no río Douro, e rematamos a viaxe cunha visita guiada ao Museo Etnográfico de Castilla y León, moi ben montado.
O día 17 de outubro no Salón de actos da Deputación Provincial tivo lugar unha nova conferencia do ciclo dedicado á Ribeira Sacra, "Talleres mateanos na Ribeira Sacra" que foi pronunciada por Ramón Yzquierdo Perrín Catedrático de Historia da Arte Universidade da Coruña. Foi presentado por Carolina Casal Chico que ademais de dar a coñecer o seu traballo investigador mostrou a súa admiración polo traballo do profesor o cal na súa disertación centrouse nas igrexas da ribeira do Miño, comezando por la de San Nicolau de Portomarín, que serviu de modelo para as de Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi e outras de menor entidade, sendo a primeira a que máis influenzas amosa de mostre Mateo, tanto desde o punto de vista arquitectónico como da decoración dos elementos que conforman as columnas e as portadas.
O día 14 de outubro de 2016, tivo lugar no salón de actos da Deputación Provincial unha "Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando" que foi aberta por Adolfo de Abel Vilela, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e Pilar García Porto, delegada da área de Cultura, Patrimonio Histórico e Artístico e Deseño e Artesanía da Deputación Provincial de Lugo. Tanto a alcaldesa como a deputada comprometéronse para conseguir a colaboracións das dúas institucións e conseguir a rehabilitación por fases do edificio así como a facer as xestións necesarias para que a Xunta de Galicia asuma o seu compromiso de crear o Museo da Romanización.
A continuación Adolfo de Abel Vilela, que foi presentado por Julia Cantalapiedra Álvarez, pronunciou unha conferencia sobre a historia do edificio sinalando que O chamado Cuartel de San Fernando foi un dos tres hospitais de inhábiles que houbo en España e que mandou facer Carlos III para que servisen de lugar de retiro aos inválidos do exército, construído con cartos da provincia entre 1779 e 1790. O 28 de maio de 1761, os Inhábiles quedan organizados en vinteseis compañías: oito en Sevilla, sete en Lugo, tres en Toro e oito en San Felipe (Valencia).
O día 8 de setembro de 2016, Carolina Casal Chico, licenciada en Xeografía e Historia na especialidade de Arte Medieval, e membro da xunta directiva de LugoPatrimonio, abriu o ciclo coa conferencia titulada "Ryvoyra Sacrata... divinita inspirata...".
O día 17 do mesmo mes desenvolveuse a parte práctica coas visitas realizadas na súa compañía aos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina e Pombeiro. Neste lugar o arquitecto Xan Rodríguez explicou as características e recuperación dos socalcos onde se fan os cultivos tanto de horta como das vides.