Últimas Novas (526)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio

Mércores, 01 Xullo 2015 00:00

VIAXES DE XULLO E AGOSTO 2015

4 de xullo, sábado

ROTEIRO guiado Por Felipe-Senén (Arqueólogo e Museólogo)

Saída do Instituto Lucus Augusti ás 8,30 h.

ARTISTAS DA PEDRA: ARREDOR DE ANTONIO PALACIOS

Trátase de furar e entrar na significación da pedra, como osamenta de Galiza: chan, casa, altar, campa... especialmente farase a través do arquitecto Antonio Palacios Ramilo (1976 Porriño -1945 Madrid)

Despois de deixar o ribeiro do Miño, a Cañiza, entraremos en terras de grandes monstros de pedra coroando a paisaxe, tamén de Músicos, Pontareas, para comenzar a viaxe guiada por:

1- Mondariz, a gran Fonte da Gándara (punto de encontro para os que veñan doutros sitios...logo trasladaranse a Porriño, onde os deixaremos finalmente ó remate da xeira)

2.- Porriño: obras xuvenis galegas de Palacios...e a súa sepultura, as canteiras de Atios

3.- Baiona, a súa Historia de Mar e Pedra e a Virxe da Rocha

4.- A casas galegas de Antonio Palacios en Praia América. O “brutalismo”arquitectónico

5.- O Templo Votivo do Mar en Panxón, summa teolóxica das pedras, os canteiros e as arquitecturas galegas. O Monte Ferro.

6.- O Plan  Palacios para Vigo

 

Do 9 ao 13 de xullo

O PORTUGAL TEMPLARIO E A FESTA DOS TABULEIROS

Saída o día 9, xoves, ás 9 h. do Instituto Lucus Augusti

 

8 de agosto, sábado

En lembranza de Irene Vergara Vilariño, viaxe a Lóuzara e O Incio


Irene deixounos hai uns días e trátase de facerlle un humilde e sentido recoñecemento á súa obra e hospitalidade que sempre tivo con LugoPatrimonio.


Foi a voz do poeta irmán, Fiz Vergara, cando el non se podía expresar directamente, batalladora incansábel polo noso idioma, cultura e país, sen descanso e desde a grandiosa humildade que sempre a caracterizou. O seu sorriso e sosego ficarán connosco para sempre.

Saída de Lugo (Instituto Lucus Augusti) ás 9 h, con destino a Lóuzara, onde estaremos na casa deSantalla e no cemiterio para lle facer a Oferenda na compañía tamén da súa familia. Nese pequeno circundo tan cantado e andado pola Irene e polo Fiz, miraremos a Casa, o Muíño, o río Lóuzara e os montes apertados que gardan os seus xogos, risos e dores.

Despois sairemos para ver o Parque Arqueolóxico de Santa Mariña, lugar único polas corenta mámoas e tres gravados rupestres que conserva. Arredor das 13 h. chegaremos a Vilasouto onde, ao pé da igrexa románica e nas ribeiras do encoro, pasaremos o resto do día con xantar a base de empanadas, viño, doces e a copa de licor que tanto nos anima. E como o día o vai permitir, darémonos o baño de rigor nas augas mornas do río Mao.

Anotacións durante todo este mes de xullo no tfne. 676 800 227

Lugo, xullo do 2015

No día 30 de maio, un grupo de asociados e asociadas de LugoPatrimonio,  desprazouse a Vilasouto (O Incio), para celebrar cos veciños e veciñas e mais co Vicepresidente da Deputación de Lugo,  Antonio Veiga Outeiro, o remate da primeira fase de rehabilitación da igrexa románica de San Mamede, o cal foi loado e agradecido polos presentes, pois significa a salvación dunha igrexa que estaba a piques de esboroarse. Os presentes, aparte dos agradecementos, reclamaron xa e solicitaron o estudo e execución da segunda fase das obras que consisten no uso e rehabilitación final para a consolidación exterior da igrexa  e adaptación do interior como Centro de interpretación da historia de Vilasouto e comarca con especial focamento da súa importancia: monumental, grande riqueza dos petróglifos  e área arqueolóxia de Santa Mariña que garda 40 mámoas e tres gravados rupestres e co obxectivo tamén de que o futuro Centro sirva como dinamización da economía e turismo da comarca.

Os asistentes desprazáronse posteriormente aos outeiros de Trasmonte onde un dos veciños e activo dinamizador do patrimonio da zona, así como integrante da plataforma que conseguíu esta primeira fase da rehabilitación de San Mamede, Xosé Antonio Corujo lles mostrou os impresionantes petroglifos que cobren os Penedos da Ferradura.

 

Martes, 12 Mai 2015 00:00

Galego, garantía de futuro

O galego  garantía de futuro, ten pasado e presente. É a máis grande obra colectiva do pobo galego. Galiza, o galego, non desaparecerá mentres non deixemos de usalo, mentres nós reivindiquemos a súa normalidade e actuemos no noso día a día para revitalizalo.O galego ten presente porque malia o decretazo contra o galego, as reformas na administración, a limitación de recursos que permitan usalo na xustiza, na sanidade; malia a continua utilización de toponimia deturpada no transporte e sinalización en estradas, vilas e cidades; malia a súa exclusión da igrexa ou de empresas que reciben abondosas axudas públicas; malia todas as dificuldades e exclusións forzosas que nos limitan para vivirmos nel con absoluta normalidade, usámolo sempre, en todo e para todo, facéndoo por nós útil e vivo.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO