MILLÁN PICOUTO (Ourense, 1949). Poeta e dramaturgo.
Fundou o grupo teatral Auriense nos anos 70 e con el participou en varias edicións da Mostra de Teatro Abrente, de Ribadavia.
En 1978 publicou a traxedia «Silvania» (Editorial Barca de Caronte); en 1980, «Sonetos da lúa chea»; en 1984, «O poema dos lustros» (Concello de Ourense - Premio de Poesía Cidade de Ourense de 1983); en 1992, o libro de música «Cantigas e Madrigais para 2, 3 e 4 voces» (Concello de Ourense).
En 1994 e 1995, as traxedias «María Soliña» (edición do Concello de Ourense) e «Prisciliano en Tréveris», respectivamente. Estas dúas obras, cada unha nun prólogo e cinco actos con texto e partitura vocal e instrumental, mostraron por primeira vez reunidos os caracteres da súa obra dramática: devolución da palabra poética ao escenario; recuperación do coro para dotar de fondo cósmico a poesía, de reflexión o drama, de puntuación os actos, e o conxunto de personaxes, dunha voz colectiva; texto en verso (hendecasílabos brancos para as partes faladas, e versos de variados metros e ritmos para o recitado e o canto); incorporación da tradición musical galega, reelaborada, ao teatro (melodías populares ou propias, escalas modais e sintéticas, contrapunto e harmonía contemporáneos).
En 1997 publicou «Escola Coral de Poesía» e de Música (A Nosa terra - AS-PG).
En 2000 recolleu en «Obra lírica completa» (Edicións do Castro) a poesía lírica publicada até aquel momento.
En 2001 iniciou a publicación da súa obra dramática completa en Ediciones Linteo con «Ciclo de Venus», integrado polas comedias e traxedias “A fada e o cabaleiro”, “Nausícaa”, “Os espellos e a noite” e “Empédocles”.
Desde entón leva publicados en 2002 «Ciclo de Mercurio», que contén “Conto de abril”, “Silvania”, “A peso de ouro” e “Fisterra”; en 2006, «Ciclo da Terra», con “Prisciliano en Tréveris”, “Os corvos”, “As andoriñas” e “María Soliña”; en 2007, «Ciclo de Marte», que integra a “Triloxía da Illa de Páscoa”, “Os guerreiros celestiais” e “Asteroides”; en 2008 verá a luz «Ciclo de Xupiter», formado por “Péricles e Aspasia”, “Vercinxetórix, príncipe da Galia”, “Xulio César”, “Zenobia, raíña de Palmira” e “Lánser e Íngrid”.