Pasamos despois á sala 1, dedicada aos xogos e deportes tradicionais, onde se expoñen a maioría dos enredos e entretementos para os nenos segundo avanzan en idade, os xogos tradicionais de Galicia, e doutras comunidades e países, así como algúns dos xoguetes que, con obxectos moi simples, elaboran os nenos dos colexios que fan a visita ao Museo.
Na sala 2, faise unha historia cronolóxica, desde a prehistoria ata os nosos días, da evolución histórica dos xogos e dos deportes a través dos tempos e das civilizacións antigas, destacando ademais os xogos e deportes modernos, así como os xogos olímpicos antigos e modernos.
Despois de xantar, o grupo trasladouse a San Pedro de Allo para visitar as chamadas Torres do Allo ou Casa dos Rioboo, un edificio cunha das torres do século XVI e a outra do XVII, semellante á primeira, cun corpo central que as une. O edificio foi abandonado na década dos anos 50 do século XX, polo que padeceu os efectos do abandono, que se pode apreciar no interior a pesar da rehabilitación feita pola Deputación Provincial de A Coruña que as mercou en 1998, instalando no interior unha exposición de fotografías así como algún obxecto de carácter etnográfico do lugar.
Rematada a visita visitamos polo exterior a igrexa que mandou construír Don Gómez de Rioboo Villardefrancos, señor das Torres do Allo, que se atopa algo máis distante. Construída na segunda metade do s. XVI, destaca a portada renacentista a modo de arco de triunfo, chamando a atención nos intercolumnios as figuras de Adán, á dereita, e Eva, á esquerda, aludindo ao pecado e á humanidade. Sobre as columnas están San Gabriel e a Virxe María, e no centro do frontón triangular partido, a figura sedente de san Pedro. No lateral meridional, sobre unha porta, hai un busto de san Pablo en altorrelevo. A espadana foi engadida no século XVIII.