O 17 de xuño, viaxamos a Luarca para visitar a arquitectura indiana.
Comezamos cun almorzo no Hotel Palacio Arias, en Navia, un edificio construído entre 1925 e 1929 con planos do arquitecto Luís Menéndez Pidal por iniciativa de Luís Arias Martínez, un emigrado a Puerto Rico que se dedicou á industria do café, o que nos permitiu facer un percorrido polo interior do edificio, na planta baixa o comedor e sala de estar, e na planta principal a sala de billar, diversas salas e o oratorio.
Despois pasamos a ver o conxunto de vilas situadas en Villar: Villa Argentina, obra do arquitecto Juan Miguel de la Guardia, onde dimos un paseo polos xardíns; Villa Rosario, do arquitecto Julio Galán Carvajal, moi diferente da anterior na liña do modernismo do pavillón vienés da Secesión; Villa Cristina, Villa Teresa; Villa Barrera, edificio historicista abandonado proxectado por Juan Miguel de la Guardia y Villa Carmen, nome de Carme García Covián, filla do nutricionista Francisco Grande Covián e muller de Severo Ochoa, premio Nobel.
En Luarca estivemos na Mesa dos Mareantes, onde tamén se fixeron as primeiras reunións do concello, subimos a Atalaya para ver o cemiterio, con algún panteón de indianos e o enterrramento de Severo ochoa, así como gozar das magníficas vistas, a capela que se atopa no cumio a beira do faro, ao baixar pasamos por diante das escolas indianas e do hospital asilo, un dos pavillóns feito polo arquitecto lucense Nemesio Cobreros e Cuevillas.
Tralo xantar fixemos un percorrido por Luarca para ver edificios indianos, especialmente Villa Tarsilia e os seus xardíns, obra do arquitecto Juan Miguel de la Guardia, hoxe recuperado como edificio público da Seguridade Social; o edificio de Círculo Liceo de Manuel del Busto, o edificio do Concello, o da Banca Trelles e os modernistas da praza dos Pachorros.