Luns, 03 Novembro 2025 11:14

Clara María Ramos Taboada, “E ti ¿de quen ves sendo?”

Clara María Ramos Taboada, “E ti ¿de quen ves sendo?”. Lucus Augusti como espello das relacións familiares na antiga Roma

14 de outubro

A conferenciante presentou a charla con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira dedicouse a contextualizar o mundo familiar en Roma. Nun primeiro comentario tratou de forma sucinta as liñas de investigación enfocadas nas relacións familiares durante a República romana, profundamente ligadas ao trato das elites e ao contexto político tardorrepublicano, poñendo a figura de Fulvia como exemplo desas redes familiares.

Centrouse despois no trato da familia romana durante o Alto Imperio. Este enfoque débese a que para este período (S. I – S. III d.C.) a cantidade e variedade de fontes é moito maior: desde as fontes literarias, a principal para coñecer a familia republicana, ata as xurídicas e epigráficas que amplían o espectro de tipos e clases de familia, tratando xa aos grupos populares ou “xentes do común”. Neste momento centrouse fundamentalmente no rexistro epigráfico, mostrando diferentes tipos de monumentos e textos do Occidente imperial para demostrar a riqueza documental deste tipo de fontes.

Para entender as connotacións públicas e políticas da familia romana, a conferenciante comentou brevemente a importancia dos status xurídicos en Roma e como estes determinaban a lexitimidade ou ilexitimidade matrimonial e, por extensión, a do resto de vínculos familiares. Estes estaban concibidos dunha maneira moito máis complexa que na actualidade, pois os vínculos biolóxicos e os vínculos xurídicos non sempre estaban solapados.

Na segunda parte, a conferenciante centrouse no rexistro epigráfico lucense para presentar os patróns familiares que se mostran no humilde corpus de inscricións de Lucus Augusti. Detívose nunha singularidade moi rechamante que presenta o dito corpus: a alta porcentaxe de epigrafía votiva, particularidade que repercute nunha menor aparición de vínculos familiares, concentrados por norma xeral na epigrafía funeraria. Tras esta análise central, foi comentando as aparicións na epigrafía lucense dos diferentes tipos de vínculos familiares nucleares - matrimoniais, interxeracionais, entre pares ou irmáns - e os vínculos da familia extensa, examinando, en especial, o papel dos herdeiros e o peso das relacións de dependencia e dos grupos servís.

Un dos piares da charla foi a constante comparación dos testemuños lucenses con epígrafes similares provenientes das provincias do Occidente romano. Desta forma, a conferenciante presentou as particularidades epigráficas da cidade, así como a adhesión ás tendencias de representación de vínculos familiares noutras zonas máis aló do noroeste peninsular. Esta comparación débese ao interese da conferenciante en contextualizar Lucus Augusti dentro do mundo romano e examinar a “romanización” das súas estruturas sociais. Desta forma, busca afastarse da análise da cidade como unha capital illada no noroeste hispano e integrala dentro de novas redes de cidades preeminentes.

Como conclusión, a conferenciante estableceu que máis aló desa alta porcentaxe de epigrafía votiva, no rexistro epigráfico lucense obsérvanse todos os vínculos familiares presentes noutras zonas do Occidente romano con, ademais, tendencias de representación moi similares. Desta forma, confírmase a romanización plena das estruturas familiares lucenses en período altoimperial.

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Conferencia de Rosa Meijide Failde, catedrática de Hidroloxia Médica na Facultade de Fisioterapia da Universidades da Coruña, sobre “O papel dos balnearios na vida romana”. +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Rosa Meijide Failde, catedrática de Hidroloxia Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. Na convocatoria diráse o lugar do xantar. +

    Día 12, venres ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Asemblea xeral e festa dos socios. Na convocatoria Ler Máis
  • Día 13, sábado ás 14,30 horas Se é posible xantar no Balneario. Confirmarase. Pola tarde visita aos Baños romanos. Actuación do grupo de música clásica Esemble Bóreas. +

    Día 13, sábado ás 14,30 horas Se é posible xantar no Balneario. Confirmarase. Pola tarde visita aos Baños romanos. Actuación Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO