20 de xaneiro
Entre as 11 e as 13,30 horas visitamos en Ourense a exposición In tempore sueborum, sobre o reino suevo instalada en tres sedes. Comeza no Centro Cultural Marcos Valcárcel co apartado "Desconstruindo aos bárbaros. Entre o mito e a realidade"que tenta explicar o tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), partindo das grandes migracións, mais que invasións, a través de obxectos procedentes de enxovais funerarios procedentes de dezanove museos de distintas partes de Europa. Desmitifica o termo "bárbaro" utilizado interesadamente polos romanos. A creación do Reino Suevo "o primeiro reino medieval de occidente", encadrase nos movementos que tiveron lugar en Europa entre o século IV e VI.
Na igrexa de Santa María Madre, trátase "Cristianización e territorio na Gallaecia da época sueva". Cando os suevos, vándalos e alanos se asentan neste territorio a comezos do século V. a cristianización achábase nunha fase inicial de implantación. Os inicios e o desenvolvemento fíxase entre os séculos IV e primeira metade do VI, na que conviven as prácticas pagás coa cristiás. A partir do século VI prodúcese o quer chaman "efecto san Martiño" debido ao seu apostolado, sendo o "Parroquial Suevo" un exemplo deste efecto.
No chamado Museo Municipal está o apartado titulado "Convivindo cos suevos na Gallaecia", onde se explica que a desaparición da estructura político administrativa romana non inflúe nas estructuras de poboamento e nos patróns de asentamento característicos da época tardo romana, e dicir, do mundo castrexo. Os asentamentos de chaira, como villae e vici, tamén prolongaron a súa ocupación. Nas civitas que se transforman en sedes episcopais a cristianización da lugar ao inicio da cidade medieval.
Pola tarde a partir das 17 horas visitamos a Casa das Rodas aberta no ano 2011 polo escultor Florencio de Arboiro, que recolleu e adquiriu un bo número de rodas de afiar de distintos tipos e procedencias, así como un numeroso material fotográfico sobre o tema. Unha iniciativa privada de enorme mérito e interese, ignorado polo estamento oficial. Tamén presenta materiais relacionados con oficios ambulantes da comarca, como o de capador e quincalleiro. Nesta visita estivemos acompañados polo etnógrafo e membro da Asociación José Manuel González Reboredo. Ao rematar a visita o presidente Adolfo de Abel Vilela felicitou e agradeceu a Florencio por ter rescatado e preservado este patrimonio material y que lle lo mostrase.