Martes, 19 Novembro 2024 09:30

Viaxe a Coria, Mérida e Zamora

23 ao 26 de setembro

O día 23, camiño de Mérida, paramos en Coria para xantar no restaurante Palacio Ducal de Alba, e pola tarde fixemos unha visita guiada comezando na muralla romana do século I, que coa de Lugo son as únicas na península que conservan o circundo completo. Saimos pola Porta de San Francisco, para ver o tramo entre esta porta e a da Cidade ou de la Guía, coa perspectiva das torres de base rectangular levantadas a intervalos de 20 ou 30 metros, e de bloques de granito colocados a soga e tizón.

De novo no interior fixemos un percorrido polo recinto histórico pasando pola catedral, recibindo as explicacións da guía diante da portada do Perdón e da Porta Norte ou do Evanxeo, onde está tamén a torre-campanario, pasando despois ao interior. Rematamos diante do castelo dos duques de Alba do século XV, obra do arquitecto Juan Carrera, feito na propia muralla romana.

En Mérida, fixemos varias visitas guiadas nos dous días de estancia. O día 24 comezamos cunha visita panorámica da cidade no autobús e despois iniciamos as visitas a pé, vendo o popularmente chamado Arco de Trajano, anque non ten nada que ver con este emperador,  considerado como límite do cardo máximo e como porta monumental de entrada ao suposto primeiro recinto da cidade; o chamado templo de Diana, anque dedicado ao culto imperial, do século I levantado no foro e que no século XVI foi incluído no Palacio do Conde dos Cobos; polo anfiteatro, destinado a espectáculos de loitas de gladiadores que se fixo a finais do século I a. de C. inaugurándose no ano 8 a. C:: o teatro, promovido polo cónsul Marco Vipsanio Agripa, que se construíu entre os anos 16-15 a. C., abandonado no século IV d. C., e recuperado entre 1910 e 1963. Pola tarde visitamos o embalse de Proserpina e o acueduto dos Milagros.

O día 25, comezamos a xornada matinal acompañados dunha arqueóloga coa visita ao circo, onde se facían as carreiras de carros a principios dos século I, un recinto dos máis importantes de todo o Imperio Romano, despois do Circo Máximo de Roma, e o de máis capacidade de espectadores de Augusta Emérita. Rematamos a xornada da mañá coas visitas ás escavacións da basílica de Santa Eulalia e ao Museo Visigodo instalado no Convento de Santa Clara. Non puidemos visitar o museo Nacional de Arte Romano por estar pechado por remodelación.

Pola tarde fixemos á visita ás escavacións da Morería, coas murallas romana e visigoda, a alcazaba coa cisterna, a ponte romana, o columbario e a chamada Casa do Mitreo que contén o curioso mosaico cosmogónico. Mérida é un exemplo de recuperación e de posta en valor do patrimonio romano.

O día 26, de regreso, xantamos en Zamora nas Aceas de Pinilla, e despois fixemos unha visita guiada polo casco histórico, pasando polas igrexas románicas de Santa María la Nueva, Santa María Magdalena, a Praza Maior coa igrexa de San Juan de Puerta Nueva, o concello vello, a Praza de Viriato, co palacio dos condes de Alba, hoxe dedicado a parador, o Convento do Corpus Chisti, a igrexa de San pedro e San Ildefonso a Praza de Diego de Deza, a Praza da Catedral e a do Castelo. Visitamos tamén a catedral e a colección de tapices. Xa no exterior, saímos polo antes chamado Portillo de la Traición, agora da Lealdade, regresando a Lugo.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO