Tamén se fixo unha visita guiada ao Colexio da Nosa Señora da Antiga ou da Compañía, por ter sido levado ata 1776 polos xesuitas, fundado polo cardeal arcebispo de Sevilla, Rodrigo de Castro. Recibimos as expicacions da guía no claustro e no interior da igrexa de traza xesuítica seguindo o modelo da Chiesa del Sacro Nome di Gesù de Roma, contemplando a cúpula construida por Simón de Monasterio, e o espectacular retablo feito en madeira de nogueira a partir de 1625 por Francisco de Moure e o seu taller. Tamén admiramos o Cristo en mármore de Valerio Cioli, agasallo de Felipe II ao cardeal, a estatua do cardeal fundida en bronce, obra do escultor Juan de Bolonia e a copia da Adoración dos Reis de Hugo van der Goes, vendio en 1913 a Alemaña para poder rematar as obras do edificio. Na sancristía vimos as cinco táboas pintadas por Andrea do Sarto e os dous óleos de Domenikos Theotocopoulos O Greco, san Lourezno, obra admirable, e o san Francisco.
Despois de xantar desprazámonos ás antigas instalacións ferroviarias da estación. No que foi o antigo taller de tracción e depósito de locomotoras, visitamos o Museo do Ferrocarril de Galicia (Muferga), onde se restauran as locomotoras. Fixemos unha curta viaxe en tren desde a nave principal da exposición ata a nave da rotonda, un edificio con forma de ferradura con 38 vías radiais e unha ponte transbordadora giratoria que foi declarada pola Unión Europea como "edificio destacado do patrimonio industrial europeo".
[Vimos tamén locomotoras e vagóns de diferentes épocas, como a locomotora eléctrica 269.601 que, en 1991, foi precursora da alta velocidade en España, ao alcanzar o 241 Km/h en probas, a locomotora 7722 de fabricación inglesa e que formaba parte dunha serie de 75 unidades, un exemplar da locomotora Mikado F2111, orixinalmente para ser "alimentada" por Carbón e mais tarde, reacondicionada para ser "alimentada" por Fuel-Oil, locomotaras eléctricas e diverso material ferroviario, chamándonos a atención os vagóns de luxo, como o do tren Lusitania que trouxo a España desde Estoril (Portugal) ao príncipe Juan Carlos de Borbón, o 9 de novembro de 1948, e o chamado T[eniente]. G[eneral] M. Díaz Alegría, que pertenceu ao Rexemento de Ferrocarris n.º 13.