Ao mesmo tempo aparecen as sociedades mutualistas de protección dos grandes centros galegos dos medios urbanos, pero tamén outros de menor entidade das comarcas e concellos, cos seus estatutos e que funcionan democráticamente, que son os que desde o alén impulsaran a fundación de escolas en Galicia. Estes colectivos, que atopan un mundo urbano cunha sociedade civil organizada, descobren o papel da educación. En Galicia había unha escola non querida, con malas instalacións e un sistema educativo anticuado, e a escola querida, que era a que van a implantar os emigrados, con edificios novos, proxectados para esta función e con métodos de ensino anovados.
As sociedades de instrucción son un instrumento para a formación dos nenos e as nenas, non para que emigren, senón para que adquiran unha formación que lles permita mellorar as explotacións agrarias. Constrúese un discurso sobre os beneficios da educación cuxos actores son eses xornalistas e profesores emigrados. Foise creando a idea de que a educación era boa. Inclínanse pola reforma, por facer sociedades de educación, sociedades legais, con estatutos e tomas de acordos que quedan recollidos nos libros de actas. Nestas sociedades hai, por tanto, unha aprendizaxe da democracia cívica e política, onde aprenderon a a escoitar as opinións dos demais, a falar, a opinar, a rexeitar, etc.
De 1905 a 1928, hai unha grade actividade neste campo. A transferencia desta aprendizaxe a través da escola e o agrarismo galego, vai a contribuír a conseguir a aparición das Irmandades da Fala e a redención dos foros na época da dictadura de Primo de Rivera. Desde o punto de vista político con menor peso, tamén teñen aquí ecos americanos o anarquismo e o socialismo.
Por toda Galicia implántanse sociedades de instrucción, especialmente na parte da Mariña, norte da provincia de Lugo, coincidindo territorialmente coa diocese de Mondoñedo. Tamén hai legados de americanos con finalidade educativa.
Constituídas en América, as sociedades conéctanse coa parroquia mediante unha persoa de prestixio da mesma que se encargara do seu desenvolvemento para o fin desexado creando unha delegación.
Unha escola de iniciativa indiana tiña varias aulas, duns 40 alumnos en cada unha. En Muras reunían uns 1.600 alumnos. Na provincia de Lugo chegaron a fundarse 114 escolas con 135 aulas, en toda Galicia unhas 500 aulas, o que da un número de 20.000 alumnos. Outra alternativa era a construcción da escola e que o concello se encargara dos mestres. Estas escolas das sociedades polo xeral tiñan un estilo pedagóxico propio, diferente do da escola pública.
O conferenciante rematou proxectando imaxes de diversos edificios que se conservan, que actualmente están dedicados ao mesmo fin para o que foron creados e outros a activideas fundamentalmente sociais e culturais.