Ás 12,30 horas no auditorio de Fontao, orixinalmente dedicado a cine, o enxeñeiro de Minas Diego Casal Ramos, deunos unha charla sobre o xacemento mineiro.
Despois fixemos un percorrido polo poboado para ver o conxunto de edificios acompañados por Diego Casal. A demanda do wolframio por parte de Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial, fixo que chegara a haber nesta zona rural máis de 10.000 persoas, unhas 3.000 traballando na mina que vivían en barracóns de madeira. Para substituílos e dotar de servizos para as familias, construíuse o poboado entre 1955 e 1959, que foi inaugurado o 31 de xullo de 1960.
As 120 vivendas dos mineiros están situadas en bloques lineais de dúas plantas con 16 vivendas por bloque; as vivendas dos capataces da explotación, nun só edificio; as vivendas dos técnicos que é un edificio de planta baixa con dúas vivendas simétricas; o cine, situado fronte aos bloques de vivendas, con 300 butacas; as oficinas; a igrexa, na explanada, edificio baseado na arquitectura finlandesa da época, con planta trapezoidal e iluminación lateral e onde estaría o altar unha gran ventá que permite ver a fermosa paisaxe do val, a torre coa campá está é independente do edificio; as dúas escolas, a de nenos e a das nenas, con catro aulas con grandes ventás en dous edificios simétricos unidos por unha pérgola, e no centro a vivenda do mestre, exenta de dúas plantas, á que se accede mediante unha ponte.
Este interesante conxunto arquitectónico racionalista que seguindo as teorías de Wright buscan a harmonía entre a contorna natural e a estrutura da edificación, foi proxectado nos anos 50 polos arquitectos César Cort Gómez-Tortosa, fillo do propietario da mina, e Joaquín Basilio Bas que era arquitecto da delegación de Educación en Pontevedra.
Despois trasladámonos a Toques onde xantamos, para pasas ás 17 horas a ver a igrexa prerrománica de San Antolín de Toques, acompañado do crego Evanan. Alí o presidente Adolfo de Abel Vilela e a tesoureira Julia Cantalapiedra Álvarez, os dous licenciados en Xeografía e Historia na especialidade de Arte Moderna e Contemporánea, explicaron os pormenores do edificio, orixe, elementos escultóricos de distintas épocas, que van do século X ao XII, e sobre o interesante grupo escultórico do Calvario, de tamaño natural, colocado sobre o arco triunfal, de transición do románico ao gótico, así como sobre a iconografía das pinturas renacentistas do primeiro terzo do século XVI que decoran a parede sobre o que se asentan as figuras de Cristo, a Virxe e San Xoán. Ás 18 horas fixemos o regreso a Lugo.