En 1835 o castelo e as terras anexas foron adquiridas en poxa pública polo xeneral Silva Pereira, comezándose a recuperación cunha campaña de subscrición. As primeiras obras foron executadas pola Dirección de Obras Públicas (1908) e visitadas polo rei Manuel II o ano seguinte. O castelo foi declarado Monumento Nacional en 1910. A partir de 1927, as visitas ao monumento pasaron a ser de pago. O Estado executou obras de consolidación e restauración en varios períodos, as últimas en 1986.
Despois de xantar pasamos ao Convento dos Loios onde o Concello instalou un pequeno museo arqueolóxico e etnográfico creado en 1938 e inaugurado en 1940, instalado en 1992 no Convento dos Loios cunha intervención arquitectónica contemporánea que percorremos nunha visita guiada.
Ao día seguinte, xa en Sintra, enclave que desde as primeiras dinastías foi o lugar predilecto dos reis portugueses para veranear, comezamos as visitas pola Quinta da Regaleira, ou Palácio do Monteiro dos Milhões, que era como se coñecía popularmente ao primeiro propietario Antonio Augusto Carvalho Monteiro, proxectado polo arquitecto e escenógrafo italianoLuigi Manini, que mestura arquitecturas de varios estilos, como románica, gótica, renacentista e manuelina. Despois de visitar o interior fixemos un percorrido por unha parte dos xardíns, con, lagoas, covas e edificios con significados relacionados coa alquimia, e a masonería, os templarios e a rosacruz.
Pola tarde visitamos o Palacio Nacional con orixe no século VIII, reconstruído por João I, e enriquecido e ampliado cun novo edificio por Manuel I,. destacando a Sala dos Cisnes, a Sala dos Brasóns, a Sala das Pegas e a Capela.
O día 7 pola mañá subimos ao Castelo da Pena, colaborando a engrosar dunha forma groseira o número de visitantes, un mal exemplo do que se pode converter o turismo de masas, que xa puidemos comprobar na visita á Regaleira, primando o negocio sobre a protección, ao non limitar o número de visitantes. É outro dos exemplos de arquitectura historicista ou ecléctica, que chama a atención non só polos diferentes estilos arquitectónicos que contén senón tamén polas cores das paredes debidos á pintura e a azulexería.
Establecido no lugar onde houbo unha capela no século XII dedicada a Santa María da Pena. No século XVI, Manuel I no cumprimento dunha promesa, ordenou a reconstrución facendo un mosteiro que deu aos xerónimos. O terremoto de 1755 arruinouno, aínda que continuou tendo uso relixioso ata a abolición das ordes relixiosas en 1834. Despois do casamento en 1836 da raíña María II, seu esposo Fernando II, mercou coa súa fortuna os terreos do mosteiro e as zonas contiguas da serra de Sintra e quixo recuperar o edificio como casa de verán, pero decidiu construír un palacio e ampliar as construcións existentes baixo a supervisión do barón Wilhelm Ludwig von Eschwege, xeólogo e enxeñeiro de minas, podéndose contemplar diferentes estilos que van desde o neogótico ata ao neoislámico, pasando polo neorrenacemento e unha visión pseudomanuelina.
Pola tarde o grupo desprazouse ao palacio e xardín botánico de Monserrate, situado na serra de Sintra, construído a mediados do século XIX como residencia de verán para o aristócrata Francis Cook, recentemente restaurado. A arquitectura, con reminiscencias orientais, presenta unha gran torre circular e varias cúpulas vermellas. As xanelas son de estilo gótico e no interior ten decoración con estucos, chamando a atención a Sala de Música.
O día 8, xa de volta, paramos na Mata do Buçaco para ver o convento dos carmelitas da Santa Cruz, que se instalaron alí no século XVI, cuxa historia foi explicada por un guía percorrendo o interior, cellas e a igrexa, onde había unha exposición de Cristos. Xa no exterior fixemos un paseo polo xardín francés do palacio real que se construíu no século XIX con proxecto de Luigi Manini, transformado posteriormente no Palacio Hotel de Buçaco, onde chama a atención o recubrimento con pedras de cores, semellando mosaico pero máis groseiro, e a galería de estilo manuelino.
Despois da visita continuamos a viaxe a Viana do Castelo, onde xantamos, seguindo para Lugo.