A manifestación máis visible do triunfo destes fidalgos foi a construcción, rehabilitación e conservación de centos de pazos que hoxe seguen sendo un claro exemplo do variado patrimonio arquitectónico de Galicia, o segundo grupo en número máis importante tras os inmobles relixiosos. A alta nobreza non vive en Galicia senón onde estaba a corte, Valladolid ou Madrid, polo que arrendaba o pazo a un fidalgo que a súa vez arrendaba as terras a un labrego con disposición de fanega, de sementar. O dono manda a un señor de realengo a cobrar os impostos. Na provincia de Lugo había máis de 4.150 fidalgos, pero a que ten máis pazos é Pontevedra cun 7 por cento de fidalgos da poboación de Galicia.
Continuou manifestando que os achados nestas últimas décadas, sobre todo, no eido da documentación histórica, fannos reflexionar sobre as orixes sociais dos fundadores, non sempre nobres ou clérigos, dos mecanismos de constitución de patrimonios, das formas de vida dos moradores dos pazos e, no caso que nos trae aquí hoxe, na definición do que é ou debe de asociarse ó vocábulo “pazo” como tipoloxía arquitectónica, simbólica e representativa. Analizaremos en detalle ditos termos asociados á definición destas “rústicas fábricas”. Algúns procedentes e de orixe tardomedieval como son: palatium, paaço ou torre e outros máis de época moderna como son: casa grande, medianeira, quinta de recreo, maison de plaisir ou illas de civilidade.
Non hai unha tipoloxía de pazo, anque se di que o pazo ten que ter torre, capela, pombal, escudo, ciprés e xardín. En moitos hai unha influencia do barroco portugués. A solaina é un espazo habitual xa que recomendaban tomar o sol e os aires despois dos 40 anos. Os pazos de Ferfiñanes e Oca son os dous máis poderosos de Galicia.
Ademais disto, tratou aspectos relacionados co levantamento arquitectónico destas singulares vivendas, as súas variadas tipoloxías, os elementos constituíntes e decorativos (piares, torreóns, solainas, patíns, pombais, escadas, portais, balaústres, canzorros, brasóns, pináculos, peinetas, lendas, xardíns, fontes, canais, etc.), sen esquecerse, dos mestres canteiros, dos arquitectos e xardineiros que participaron na configuración espacial e urbanística destas granxas de pracer e labranza.