Últimas Novas (549)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio


Viaxamos en batuxo polo Miño e fomos vendo as barcas distintas que nos legaron os devanceiros, e as artes de pesca que aínda se utilizan, as especies que desapareceron xa… un patrimonio de grande valor que está a agonizar pola falta de uso.

Vivimos con Xosé Manuel Vázquez Rodríguez a necesidade de usar, máis que contemplar, isto que se nos vai de vagar, en silencio, como un corazón que se está apagando. Mais aínda temos forzas para loitar contra a desfeita.

O sábado, día 14, viaxaremos a Belesar para contemplar realmente o que o etnógrafo nos contou: desde a igrexa de Diomondi (xoia do románico) baixaremos polos Codos de Belesar para embarcar despois no Catamarán (as ribeiras do Miño vistas desde o seu centro: igrexas, aldeas, illa de Sernande, fervenza de Augacaída…). Xantar e visita no pazo de Arxeriz. Portotide e barcas do Pincelo cos amigos que as protexen. Remataremos a xornada na adega e viñedos de Primitivo, en Sabadelle.

 

4 de Xuño: MARIÑO FERRO ENTUSIASMOU COAS SÚAS PROXECCIÓNS E RELATORIO SOBRE OS USOS E RITOS DA AUGA 

Foi, a conferencia e proxeccións fotográficas (A auga na cultura popular) de Xosé Ramón Mariño Ferro, que abriu o ciclo que LugoPatrimonio lle dedica á auga, a máis comunicativa, pois xa desde o inicio abriu comentarios e diálogo entre o público presente.

 

 

Desde os usos que a nosa cultura e necesidade práctica lle deu á auga, até as festas e ritos nas que intervén como elemento imprescindíbel, o conferenciante ofreceu unha visión moi completa que chegou, mesmo, a describir graficamente como se lavaba a roupa cando aínda non existían as lavadoras, ou como se purificaba o corpo antes de se someter ao rito relixioso. As distintas culturas doutras nacións, pasaron tamén pola análise aguda e profunda deste profesor e antropólogo.

Procesión ao río a pedir auga, coa Virxe

 

 

As nove ondas: A Lanzada 1920

 

Muíño de marea

 

O CICLO DA AUGA continuará o próximo día 10 de xuño coa conferencia do etnógrafo Xosé Manuel Vázquez Rodríguez sobre Patrimonio fluvial: legado e novos usos.


O presidente e vicepresidente da nosa asociación veñen de presentar á prensa o programa de actividades sobre o Ciclo da Auga que os lectores e lectoras da nosa páxina poden consultar á marxe desta noticia. Ambos os dous deixaron patente que estes actos de grande atractivo están dedicados a un dos ensaístas máis interesantes e profundos que temos no noso país: Xosé Chao Rego, e en homenaxe a el e á súa obra O Libro da Auga (1995). Que sexan estes actos que comezan a próxima semana co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo e da súa área de Cultura, motivo para ler este libro e gozar deste grandioso patrimonio relacionado coa auga que galegos e galegas posuímos.

 

 


Antes, o día 10 fíxose a recollida das flores (xestas, fiunchos...) coas que se confeccionaron os maios...

 

 

A entidade LugoPatrimonio da localidade de Lugo

E, no seu nome o seu presidente  Lois Diéguez

DECLARA o seu apoio ao  

Manifesto

POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO 

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos: 

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
 
  1. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
 
  1. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
 
  1. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
 
 

E, en consecuencia, á manifestación nacional que co mesmo lema terá lugar o próximo 18 de maio ás 12 da mañá na Alameda de Santiago de Compostela

 

Podedes ver 3 presentacións sobre a destrucción do castro da Atalaia feitas por Manolo Miranda:



Que se denuncie a  licenza que deu o concello de Cervo ao construtor que arrasou con parte do castro da Atalaia, sabendo ambos os dous que os terreos onde se ía construír eran parte dun castro ben coñecido. Que se diga publicamente se os restos que están aparecendo na parte non destruída son de alto interese arqueolóxico e histórico. Que se confirme por parte das institucións implicadas, Concello e Patrimonio, que os restos das parcelas 2 e 3 van ser respectados no seu propio contorno. Que se garanta realmente o control arqueológico por parte da D.X. de Patrimonio e se contrasten os informes remitidos por parte da empresa construtora coa realidade dos feitos acontecidos. Que a fiscalía actúe xa para atallar máis destrucción.

Estas foron as conclusións da exposición que Manuel Miranda e mais o noso presidente e vicepresidente, ofreceron o día 29 de abril ante un público asustado polo que estaba a contemplar nas fotografías que se lles poñían. LugoPatrimonio seguirá a batallar para que O CASTRO DA ATALIA SE SALVE DAS PAS, DA ESPECULACIÓN URBANÍSTICA E DA INCOMPETENCIA.  

 

Podedes ver o video do que fala a imaxe pinchando aqui ou no video que aparece abaixo

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG
AC_AX_RunContent( 'width','300','height','300','type','video/x-ms-wmv','data','http://www.agalega.info/videos/enlace/tvg120070621091830.asx','src','http://www.agalega.info/videos/enlace/tvg120070621091830.asx','controller','true','autostart','0','wmode','transparent' ); //end AC code <object width='300' height='300' type='video/x-ms-wmv' data='http://www.agalega.info/videos/enlace/tvg120070621091830.asx'> <param name='src' value='http://www.agalega.info/videos/enlace/tvg120070621091830.asx'></param> <param name='controller' value='true'></param> <param name='autoStart' value='0'></param> <param name='wmode' value='transparent'></param> </object>

 

 


Distinta e moi activa resultou a conferencia que Isidoro Rodríguez, etnógrafo, bailarín, Presidente do colectivo María Castaña…, dictou o día 21 de abril para LugoPatrimonio. O comezo foi alegre, pois dúas mulleres de María Castaña e tamén de LugoPatrimonio, presentárono ante o público relatando a súa biografía nunhas enxeñosas coplas ao estilo dos Maios,. El foinos situando na historia que conformou este rito da primavera, con fotografías de diversas épocas que hoxe son unha xoia. Rematou a conferencia con música e o canto colectivo dos e das presentes doutra copla de Lugo, axudados tamén cuns paus que marcaban o ritmo.

A segunda parte deste acto terémola o próximo día 10 de maio, sábado, pois partiremos ás 11 h. do Instituto Lucus Augusti  para recoller no monte xestas, fiúnchos e flores coas que confeccionaremos os Maios pola tarde, na Praza Maior. Quen queira participar pode chamar ao tfne. 676 80 02 27 até o día 29 de abril. Só se lle pide que ese día leve un bocadillo para comer no monte.  


Manuel Miranda e Víctor Mosquera representaron os viciños que na mañá do 15 de abril presentaron 326 sinaturas na delegación de Cultura da Xunta pedindo a paralización da destrución do castro da Atalaia –San Cibrao- Cervo.

Despois, co Presidente e Vicepresidente de LugoPatrimonio e mais Daniel Bispo (Adega) fixeron unha rolda de prensa para falar dos feitos que levaron á destrución total da parcela Nº 1 por parte do empresario que quere construír sobre o castro da Atalaia con licenza concedida polo concello de Cervo, a pesar de COÑECER que aquilo era un castro e tiña que estar protexido.

Quedan, agora, as parcelas Nº 2 e Nº 3. LugoPatrimonio e os presentes na rolda de prensa, e mentres a xustiza non determina as responsabilidades penais que o Fiscal ten sobre a mesa,  insistiron nos seguintes obxectivos que veñen ser o programa inmediato sobre o que traballan: 

  1. Paralización do estrago sobre calquera resto arqueolóxico.
  2. Protección inmediata das parcelas Nº 2 e Nº 3.
  3. Control arqueolóxico rigoroso das escavacións que se levan neste momento, do que debe dar conta a propia delegación da Consellaría de Cultura-D.X. de Patrimonio.
  4. Urxencia da actuación da Fiscalía sobre as  denuncias que se lle presentaron.
  5. Informe inmediato de Patrimonio sobre a importancia dos achados que apareceron e seguen a aparecer e do significado do castro da Atalaia en termos históricos, arqueolóxicos, etnográficos e culturais.
 

Para levar a cabo estes puntos pedimos 

A REUNIÓN INMEDIATA DE REPRESENTANTES DO CONCELLO DE CERVO, DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO, EMPRESA CONSTRUTORA, VECIÑOS DE SAN CIBRAO, ADEGA E LUGOPATRIMONIO

Máis fotos:


O venres, día 11 de abril, directivos da nosa asociación reuníronse coas que levan adiante o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Entroido e Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), as Fachas de Castelo (Taboada) e as Danzas da Cervela (O Incio), para debater un ambicioso proxecto de consolidación dos ritos e festas que cada ano protagonizan a súa intensa actividade. Este ambicioso Proxecto abrangue diversos aspectos relacionados coa catalogación do patrimonio inmaterial e material de cada un destes puntos e do seu contorno co obxecto de dalo a coñecer para que podamos gozar del. Crear centros de interpretación, locais sociais convenientemente equipados, recuperación e rehabilitación de edificios de interese, mellora das infraestruturas, adecentamento dos lugares e aldeas onde se representan as festas, un circuíto turístico e cultural que sirva para potenciar estes lugares de xeito que se relacione tamén co comercio e a hostalaría, e unha escola permanente onde se ensine durante o ano ás xeracións novas todo o que ten a ver con ditos ritos.

 

 

Os proxectos serán presentados proximamente ás distintas consellarías, deputación e outras institucións relacionadas cos aspectos estudados. A reunión serviu tamén para intercambiar unha longa experiencia de traballo, quedando en repetir periodicamente este tipo de encontro e traballar conxuntamente para a consecución destes obxectivos.

 

 

 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Anotacións para a viaxe do día 21 de marzo para ver o centro de interpretación das minas de volframio de San Finx de Lousame e a central hidroeléctrica do Tambre +

    Día 10, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Santiago catalán Tobía e Ángeles Porto Ler Máis
  • Conferencia de Santiago catalán Tobía e Ángeles Porto Porto sobre “A arquitectura racionalista en Lugo. O arquitecto Eloy Maquieira Fernández". +

    Día 10, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Santiago catalán Tobía e Ángeles Porto Ler Máis
  • Visita para ver a obra de Eloy Maquieira en Lugo guiada por Ángeles Porto Porto +

    Día 21, sábado ás 11 horas Visita para ver a obra de Eloy Maquieira en Lugo guiada por Ángeles Porto Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO