Últimas Novas (526)

Últimas novas da asociación LugoPatrimonio


      En base ao lugar que habitamos, os galegos e galegas construímos desde vello formas de traballo, de relación co noso medio, e vemos o mundo con ollos propios, educados precisamente nesas formas e relacións de traballo. As Asociacións que convocan este Congreso levan moito tempo traballando para manter o xeito xenuíno de proxectarnos no cultural: na música, na danza, no lume, ou na picaresca do Entroido. As Asociacións recolleron así a transmisión cedida desde hai séculos polos nosos devanceiros. E, milagrosamente, resistiron o embate da uniformidade predicada pola globalización.  

      Falamos, por tanto, doutra cultura insertada no mundo, rica e variada, pero nosa, propia. Dinámica e colectiva como a predicaban Castelao ou Otero Pedrayo. Ninguén, ante ela, fica parado. Ten que xogar, ten que moverse. Non falamos, por tanto, da cultura pasiva, desa cultura urbana do sofá e da televisión controlada cun mando que nós non gobernamos, aínda que coidemos que si. 

      Este foi o noso intenso traballo asociativo durante dous riquísimos anos. Dignificar a Cultura Inmaterial nosa, nacional, por tanto; comezar a asentala coas axudas precisas. Favorecela no económico e na súa infraestrutura. Chamamos ás portas da Administración e abriron. Quizabes porque tiñamos en común a sensibilidade de emocionarnos diante dos ritos do lume, da danza ou do Entroido legados polos nosos pais. Quizabes porque as consellarías de Medio Rural, Vivenda, Turismo, Cultura ou Benestar Social, e mais a Vicepresidencia da Deputación ou concellos como o de Chantada  Monforte ou a Pobra do Brollón, saben que a construción dunha personalidade, individual ou colectiva, non se pode modelar só coa pedra e o cemento: o sangue da liberdade e do benestar sediméntase na cultura inmaterial cicelada na nosa comunicación social.

      Este Congreso, nesta primeira parte, Xornadas de Primavera, vai unir a teoría necesaria da investigación sobre os nosos ritos festivos, coa práctica popular da súa factura. Aprenderemos pola mañás no científico; polas tardes, no popular, na acción de quen nos convidan a nos meter con eles para mover as emocións variadas. E a segunda parte, con mensaxes de danza e lume, terémola en agosto e setembro. 

      En nome das Asociacións convocantes, agradezo aos patrocinadores do Congreso, Medio Rural e S.A. do Xacobeo, representados polo seu conselleiro e Director Xerente; e ao Concello de Monforte, na persoa do seu alcalde, a axuda prestada, o interese que mostraron arreo para calquera das alternativas que en cada momento lles presentamos. E agradecémolo, sobre todo, porque souberon, saben, que investir na cultura inmaterial é investir tamén na material: os entroidos Ribeirao e de   Salcedo pódennos abrir centros de artesanía, centros de interpretación, rehabilitación de casas e prazas... en fin, a postos de traballo tamén, relacionados, precisamente, co medio rural.

 

      E agradecemos a presenza de todos vostedes por acudir a esta convocatoria que estamos seguros que perfeccionará a consciencia, animará o riso e moverá a diversión. 

      benvidos, benvidas e

      Moitas grazas por participar.  

      Monforte, 22 de febreiro do 2009


Alternativas para a consolidación do Entroido Ribeirao e mais o de Salcedo 

  1. Campo de traballo e obxectivos
 

      O traballo para manter o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos vén de séculos atrás. Este traballo está representado nestes momentos polas Asociacións seguintes: 

      Asociación cultural As Fachas de Castelo (Taboada), Asociación xuvenil e cultural “Os Turulecas”, de A Cervela (O Incio), Asociación de Veciños de Salcedo (A Pobra de Brollón), Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Asociación Os agucios (Vilelos-O Saviñao), Asociación cultural Souto do Val, da Ermida (Quiroga).

      Desde hai dous anos, a Asociación LugoPatrimonio, comezou a traballar tamén  coas anteriormente citadas cos obxectivos de facer unión entre todas para elaborar conxuntamente programas e alternativas concretas dirixidas ás entidades públicas e privadas, de cara a conseguir a consolidación e desenvolvemento deste Patrimonio Inmaterial. Traballou, tamén para unir as distintas administracións neste Programa concreto, de xeito que a súa actuación ao respecto estexa coordinada tamén, para o aforro económico e o mellor cumprimento dos obxectivos. 

      Para isto, valeuse do seguinte programa inicial:  

  1. Declaración destes ritos festivos como festas de interese turístico e novas figuras que xirarían arredor da idea de protección como Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico (BRICE).
  2. Catalogación de todos os elementos patrimoniais que existen en cada zona.
  3. Contratación de persoal cualificado para estudar e investigar todo o relacionado con estas festas, nos seus aspectos histórico, etnográfico, etc.
  4. Creación dunha Escola Permanente de Formación que aproveite as persoas que neste momento manteñen a tradición e a sabedoría destas festas, pois en pouco tempo xa non poderemos contar con elas. Formación para a xente nova das parroquias, nenos e nenas en xeral e incidencia a través da Escola nos centros de ensino  e dentro dunha actividade cultural ben planificada. Isto levaría a fixar postos de traballo a partir da xente coa que se conta en cada lugar, vella e nova.
  5. Creación de talleres de artesanía a partir do vestiario e material usado polas persoas que activan as festas, como campaíñas e chocas, cintos, camisas, pantalóns e blusas, panos, sombreiros, fitas (colonias), peles,... o que nos levaría a potenciar traballos de ferreiros-as, costureiras-os, tecedores-as, carpinteiros-as, etc., sen esquecer tampouco outros produtos artesáns relacionados tamén con obxectos para agasallo ou produtos típicos da zona no aspecto gastronómico.
  6. Rehabilitación do patrimonio material da zona de influencia de cada punto onde se dá a festa, con planificación de fases de actuación no caso de ser moi custoso.
  7. Atención ás infraestruturas necesarias para unha mellor comunicación vial e a unha boa presenza dos lugares e aldeas.
  8. Sinalización coidadosa nas estradas para chegar sen problema ao lugares da  festa.
  9. Potenciación e coidado de rutas a crear arredor da propia festa (Ruta do Entroido, Ruta do Oso, Ruta da Danza, Ruta dos Castros... ou aquelas que sexan de interese polas características paisaxística e patrimoniais propias de cada punto).
  10. Creación e desenvolvemento do Itinerario da Festa e do Rito que uniría os seis puntos indicados, con chamadas propagandísticas para visitalos nas distintas estacións do ano: Primavera (Entroidos), Outono-Verán (Danzas e Fachas). Curiosamente, o tempo festivo e ritual está relacionado, sobre todo, co solsticio de inverno, aínda que a súa celebración sexa noutra época debido a cambios de datas relativamente recentes. Este Itinerario distinguiríase por un logo chamativo.
  11. Confección de Programas culturais e turísticos espallados por todas as casas de turismo rural, hoteis, restaurantes, agrupacións culturais, etc., co obxecto de darlle ao e á visitante alternativas para poder pasar uns días de lecer pola zona. Isto conlevaría a edición de folletos, DVD, libros e música e un estudo máis detallado dos ritos, sempre baixo a denominación do Itinerario da Festa e do Rito, e co coidado de respectar o sentido cultural profundo e non a folclorización no seu sentido máis negativo.
  12. Recollida da música producida nos diversos ritos festivos para o seu estudo, edición e acompañamento de calquera actividade realizada a respecto dos mesmos.
  13. Estudo e presenza do contexto paisaxístico como contorno físico e determinante para a creación do rito.
 

      Trátase, xa que logo, de levar adiante no prazo de 5 anos,

os puntos indicados 

      2. Puntos conseguidos ou en trámite de consecución 

      Dos diversos encontros mantidos coas consellarías de Medio Rural, Cultura e Deportes, Innovación e Industria, Vivenda e Solo, Igualdade e Benestar Social, e coa Vicepresidencia da Deputación provincial e algúns dos concellos do ámbito xeográfico das Asociacións, como o de Chantada, Taboada ou A Pobra do Brollón, temos conseguido: 

  1.  
    1. Declaración de Festa de Interese Turístico para as Fachas de Castelo.
    2. Dúas becas por parte da Deputación Provincial de Lugo para o estudo e investigación das festas. Neste momento están realizando ese traballo.
    3. Atención e axudas económicas para o desenvolvemento das actividades anuais e a potenciación das celebracións.
    4. Proxectos para a rehabilitación ou construción de locais sociais e centros de interpretación nos casos de Castelo e Santiago de Arriba.
    5. Proxectos a piques de se licitar para rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica da Cervela así como das imaxes, fonte  e capela de San Roque.
    6. Estudos e proxectos orzamentados para a intervención nos espazos públicos dos núcleos de Salcedo, Santiago de Arriba e A Cervela por parte das Consellarías de Vivenda e Medio Rural.
    7. Creación  de Unidades Didácticas para introducir nos centros de ensino.
    8. Obradoiros, conferencias e exposicións en Chantada sobre o  Entroido Ribeirao co obxectivo de poñer en relación as distintas xeracións.
    9. Axudas para a rehabilitación de vivendas en toda a zona.
 
 
 

3. NECESIDADES PONTUAIS DE CADA UNHA DAS FESTA E ACTIVIDADES 

Entroido Ribeirao: Santiago de Arriba

  • Construción do Centro de Interpretación do Entroido Ribeirao que contemple almacén, sala para exposicións e centro de interpretación, con usos, no seu caso, para reunións, proxeccións e actos culturais, taller para a confección de sombreiros, fitas e carautas.
  • Acondicionamento  do campo da Festa, onde se celebran os oficios  do Entroido.
  • Atención ás fachadas das casas de Santiago de Arriba.
  • Alternativas ao problema das campaíñas que levan os Volantes, chocas, camisas de pano sedán, panos...
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.
 
 

Entroido de Salcedo

  • Arranxo da Estrada Pobra do Brollón-Salcedo.
  • Asfaltado da pista de Salcedo a Paramedela.
  • Melloras no alumeado público de Salcedo.
  • Acondicionamento  do campo da festa.
  • Rehabilitación da zona das Pendellas e A Carreira.
  • Rehabilitación do Altar Maior da Igrexa.
  • Ampliación do local social multiusos.
  • Alternativas para a recuperación da aldea de Parada dos Montes co obxectivo de convertela nun grande Centro de Interpretación en vivo da nosa cultura tradicional rural.
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.
 

      O Congreso sobre PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS proclama, xa que logo, a necesidade de presentar os puntos indicados en todas as instancias públicas e privadas que se considere, coa fin de conseguir a súa consecución no prazo máximo de 5 anos. 

      Chantada, A Pobra do Brollón, 22 e 23 de febreiro do 2008.

 

O sábado tamén visitamos Salcedo para ir ao seu teatro. Podes ver tamén as fotos no noso álbum de FOTOS.

 

 

 

            Son máis dun cento de persoas moi variadas, de todas as idades e profisións, e de lugares distintos, mesmo de Madrid, as que van participar no Congreso, polo cal quedamos francamente satisfeitos. O noso agradecemento a todas elas polo seu interese e a participación.

            Para un mellor funcionamento do mesmo, facemos as seguintes recomendacións:

  • Cumprimento escrupuloso dos horarios, principalmente nos tempos de identificación e recollida de material, así como na sesión de apertura, que comezará ás 10,00 h. en punto do día 22 de febreiro, coa presidencia de: Conselleiro de Medio Rural, Director Xerente do Xacobeo, Alcalde de Monforte, Presidente de LugoPatrimonio e representante das Asociacións convocantes.
  • No momento de recollida do material do Congreso entregarase o recibo de ter abonada a matrícula.
  • Pedirase, tamén, a aceptación ou non de usar o autobús para desprazarse aos lugares onde se celebran os Entroidos.
  • É importante que todos os e as congresistas teñan reservado ou decidido o restaurante onde van comer para que se poidan cumprir os tempos de saída dos autobuses.
  • Atención á roupa que se leve o luns pola tarde, pois debe ser a máis acaída a esa impresionante corrida do Oso de Salcedo, e ás súas falcatruadas. Pero sempre haberá alternativas segundo o grao de participaciñon que elixa cada quen.

 

            SEDE, POIS, BENVIDOS E BENVIDAS A ESTAS XORNADAS NAS QUE APRENDEREMOS COUSAS E SABEREMOS UN POUCO MÁIS DE CÓMO OS GALEGOS E GALEGAS CONSTRUÍMOS O RITO E A FESTA. E, NON O ESQUEZADES, AS XORNADAS PIDEN TAMÉN O NOSO DIVERTIMENTO E ALEGRÍA..

 

Para coñecer máis sobre o Oso e o Entroido Ribeirao visita as súas páxinas web:

http://www.ensalcedo.org/

http://entroidoribeirao.es/


                            (1ª parte: Xornadas de primavera)

Este Congreso componse de dúas partes, a que se relaciona deseguido e a segunda, coas Xornadas de Outono, que se celebrará en Monforte, A Cervela (O Incio), Castelo (Taboada) e A Ermida (Quiroga), os días 31 de agosto e 7 e 8 de setembro de 2009. Esta segunda parte será comunicada e editada despois da celebración das Xornadas de primavera.

 

 

 

Martes, 20 Xaneiro 2009 23:00

Torres Regueiro e Betanzos

 

Notouse, na conferencia que o profesor Xesús Torres Regueiro pronunciou o pasado 20 de Xaneiro, que era nativo desta fermosa cidade chamada Betanzos. Con el, e a través das súas ben escolmada e fermosísimas fotos, viaxamos pola ría e polas rúas que lembran o itinerario que seguiu a muralla en séculos pasados. E tamén o Castro de Unta, que lle dá esa característica tan persoal a esta cidade. Regueiro Torres abriunos esa porta para que o próximo día 25 coñezamos directamente o que el cantou e contou. Aló iremos, como sempre, en grata e numerosa compañía.

Este Congreso componse de dúas partes, a que se relaciona deseguido e a segunda, coas Xornadas de Outono, que se celebrará en Monforte, A Cervela (O Incio), Castelo (Taboada) e A Ermida (Quiroga), os días 31 de agosto e 7 e 8 de setembro de 2009. Esta segunda parte será comunicada e editada nesta páxina despois da celebración das Xornadas de primavera.

 

Congreso 

PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS

                  (1ª parte: Xornadas de primavera)

 

Monforte, Santiago de Arriba (Chantada), Salcedo (Pobra de Brollón), 22 e 23 de febreiro do 2008

 

Convocan: LugoPatrimonio, AA.VV. de Salcedo (A Pobra do Brollón), Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Chantada), Amigos Patrimonio Lemos, Asociación C. As Fachas (Castelo), Asociación Xuvenil e C. Os Turulecas (A Cervela-O Incio), Asociación C. Souto do Val (A Ermida-Quiroga),  Asociación de veciños San Martiño de Vilelos (O Saviñao).

 

Patrocinan:Consellería de Innovación e Industria, Xacobeo, S.A., Consellería do Medio Rural, Agader.

 

Colaboran: Concellos de Monforte, A Pobra do Brollón, Chantada.

 

Programa

 

Día 22 de febreiro, domingo de entroido

(dedicado ao Entroido Ribeirao)

 

09,30 h.:  acreditacións e entrega da documentación.

10,00 h.:   acto de inauguración.

10,30 h.: conferencia inaugural O patrimonio inmaterial na cultura nacional, a cargo do arqueólogo e historiador, D. Felipe-Senén López Gómez.

11,30 h.: descanso.

11,45 h.: conferencia Festa e rito no Entroido, a cargo do antropólogo D. Xosé Ramón Mariño Ferro.

13,00 h.: saída para Chantada.

13,30 h.: xantar (libre).

 

15,30 h.: saída desde Chantada para Santiago de Arriba.

Desde as 15,45 h..: participación no Entroido de Santiago de Arriba.

18,00 h.: saída de Santiago de Arriba para Chantada.

18,30 h.: Proxeccións comentadas sobre o Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada).

19,30 h: mesa redonda con conferenciantes e representantes do Entroido Ribeirao e LugoPatrimonio sobre alternativas prácticas para a consolidación desta tradición.

21,00 h.: regreso a Monforte

 
 

Día 23 de febreiro, luns de entroido

(dedicado ao Entroido de Salcedo-A Pobra de Brollón)

 

09,30 h.: conferencia Simboloxía do Oso nas culturas europeas, a cargo do mestre e estudoso das festas populares, D. Yvon Dupouy.

Simboloxía do Oso na cultura catalano-francesa a cargo do etnógrafo D. Robert Bosch .

11,00 h.: descanso

11,15 h.: O Entroido salcedao: Oso, teatro e morrión, a cargo de D. Felipe Castro López, Axente facultativo medio ambiental.

12,00 h.: As orixes do teatro popular e a súa relación co Entroido, conferencia do antropólogo, D. Xosé Manuel González Reboredo.

13,00 h.: proxeccións comentadas sobre o Entroido e Oso de Salcedo.

14,15 h.: saída para Salcedo.

14,30 h.: xantar (libre).

17,00 h.: participación no Entroido do Oso.

19,00 h.: saída de Salcedo para A Pobra do Brollón.

19,30 h.: mesa redonda cos conferenciantes e membros da AA.VV. de Salcedo e LugoPatrimonio para conclusión do Congreso (1ª parte) sobre medidas prácticas para a consolidación dos Entroido estudados.

20,30 h.: clausura oficial.

 

Avisos:

  1. Prazas limitadas a 150, con preferencia dos asociados das entidades convocantes.
  2. Matrícula: 10 euros para non asociados-as; 5 euros para asociados-as.
  3. Prazo para anotarse: do 2  ao 7 de febreiro do 2009, para asociados-as, e do 9 ao 14 para non asociados, nos lugares publicitados en cada localidade. O luns, 16 de febreiro comunicarase directa e exclusivamente  cos e coas que foron admitidos para que ingresen na conta Nº 2091 0152 21 3040085176 de Caixa Galicia durante os días 17 e 18 do mesmo mes a matrícula correspondente. Quedará unha lista en reserva por se se produce algunha vacante.
  4. As sesións de mañá desenvolveranse na Casa da Cultura de  Monforte de Lemos. As da tarde nos lugares que se indicarán de Chantada e a Pobra de Brollón.
  5. O Congreso cubrirá exclusivamente os desprazamentos desde Monforte a Chantada, Santiago de Arriba, Salcedo e Pobra de Brollón. Ofrecerase unha listaxe de restaurantes e hoteis para comodidade dos e das congresistas.
  6. Recoméndase levar roupa vella para os actos do Entroido Ribeirao e Salcedo.
 

      Para calquera información, nos tfnes.: 676 800 227 ou 656 236 343. Tamén na web, www.lugopatrimonio.org


O próximo día 20 de xaneiro, martes, ás 20 h. o profesor Xesús Torres Regueiro comentará mediante imaxes a historia e visita a Betanzos, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo,  e días despois, o 25 do mesmo mes, guiará a visita que faremos a esta fermosa cidade durante toda a xornada.

 

Para anotarse á mesma estaremos o día 19 de xaneiro na galería Sargadelos de Lugo desde as 18,30 h. até as 20, para atender a asociados e asociadas, e ao día seguinte, 20 de xaneiro, no mesmo horario e na Deputación provincial para atender a non asociados e asociadas. As prazas están limitadas a 50, tendo preferencia os asociados sobre os
que non o son.
Domingo, 21 Decembro 2008 23:00

Respostas delegados decembro 2008

 

LugoPatrimonio e outras asociacións das terras de Lemos coloquian ante os medios de comunicación con delegados de varias consellarías da Xunta 

      Tratábase, nesta rolda de prensa convocada polas asociacións que traballamos pola consolidación do patrimonio inmaterial das Terras de Lemos, e á que foron convidados os delegados e delegada das consellariás de Cultura e Deportes, Innovación e Industria, Medio Rural, Vivenda e solo, Igualdade e a Vicepresidencia da Deputación provincial, de facer unha valoración ante os medios de comunicación do realizado por cada unha delas sobre o proxecto presentado hai oito meses para a consolidación dos ritos festivos obxecto do noso traballo (para ver este Proxecto pica aquí). Estas foron as respostas: 

Consellaría de Cultura e Deportes.

      ● Axudas para as actividades deste ano ás Asociacións As Fachas de Castelo (Taboada), Asociación de Viciños de Vilelos (O Saviñao), por valor de 2.500 €

      ● Proxecto para a reconstrución da capela de San Roque (A Cervela) por valor de 72.730, a executar no ano 2009.

      ● Proxecto para a restauración das pinturas da igrexa románica de San Cristovo da Cervela, a realizar proximamente, por valor de 24.255 €.

      ● Proxecto a realizar en 2009 para a restauración do cabido, nave, angarela e adro da igrexa.

      ● Estase realizando o estudo para unha nova Lei do Patrimonio Histórico de Galiza na que se concrete dun xeito completo a protección dos bens inmateriais, seguindo aspectos que LugoPatrimonio presentou no seu momento. 

Consellaría de Medio Rural

      ● Proxecto para a reconstrución da Escola de Castelo (Taboada), e a súa transformación en local social e Centro de Interpretación das Fachas, por valor de 120.000 €.

      ● Saneamento do núcleo de Salcedo (A Pobra do Brollón) por valor de 700.000 €, con intervención de outras institucións.

      ● Recuperación da Fonte de San Roque (A Cervela) e arranxo da fermosísima corredoira que lle dá acceso, por valor de 12.000 €, obra a realizar a partir de xaneiro do 2009. 

Concello de Chantada.

      ● Proxecto dun Centro Social e Centro de Interpretación do Entroido Ribeirao, xa realizado, e que se prevé o comezo da súa construción no 2009 e no lugar onde hoxe está a vella escola de Santiago de Arriba.  

Consellaría de Innovación e Industria

      ● Declaración das Fachas de Castelo como Festa de Interese Turístico.

      ● 5.000 folletos en 3 idiomas sobre a igrexa de Temes (Carballedo), presentación dos mesmos e actividades, por valor de 2.795 €.

      ● Axudas para as actividades do 2008 ao Entroido Ribeirao, Fachas de Castelo, Festival de Salcedo e Agucios de Vilelos por valor de 21.330 €.

      ● Para o 2009 seguirase co proceso de declarar Festas de Interese Turístico as Pampórnigas e Meco da Ermida (Quiroga), Danzas da Cervela (O Incio), Agucios de Vilelos, Entroidos de Salcedo e Ribeirao. 

      Deputación Provincial

      ● Promoción das actividades dos Entroidos Ribeirao e de Salcedo, e as Fachas de Castelo, para o 2008, por valor de 9.000 €.

      ● Convenios para o 2009 coas asociacións anteriores e mais as dos Agucios de Vilelos, danzas da Cervela e da Ermida, por valor de 30.000 € para a dignificación destes ritos festivos.

      ● Dúas bolsas para o estudo e investigación destes ritos festivos, por valor de 25.000 €, cuxas adxudicatarias xa están a traballar neste momento. Unha vez rematado o estudo será publicado por este organismo.

      ● Para o 2009 introduciranse nos centros de ensino Unidades Didácticas que leven ao coñecemento e aprendizaxe deste ritos festivos co obxecto de asegurar o seu futuro.

      ● Estase a introducir tamén unha simboloxía dos ritos e festas para a súa utilización e espallamento  por parte da Hostelaría. 

      Igualdade e Benestar Social

      ● Comeza nestas datas un programa de conferencias e talleres relacionados co material e vestiario utilizado no Entroido Ribeirao, para poñer en relación a mozos e vellos, mozas e vellas e principiar así a idea de potenciar un futuro centro da artesanía. As actividades realízanse na Casa da Xuventude de Chantada. 

      Consellaría de Vivenda e solo

      ● Explicación das axudas que ofrece a consellaría para rehabilitar vivendas no medio rural cun tope de 24.000 € para este concepto e de 30.000 para renovacións en obras maiores.

      ● En colaboración co concello da Pobra do Brollón, proxecto para o acondicionamento da praciña do edificio multiusos por valor de 90.000 €.

      ● En colaboración co concello de Chantada, acondicionamento da praciña de Santiago de Arriba que rodea a escola (pendente por parte do concello).

      ● Están pendentes tamén respostas dos concellos correspondentes a distintas praciñas relacionadas cos ritos festivos en Nogueira, A Cervela e Diomondi.

      ● Esta Consellaría intenta que durante o ano 2009 se leven a cabo estas obras nas que poñerá o 80 % do orzamento, correspondéndolle aos concello o 20% restante. Tamén que estean rematadas antes de decembro do 2009. 

      A rolda de prensa foi interesante, pois ofreceu unha idea real de como se pode traballar en tempo rápido se se cre no futuro da nosa cultura e das xentes do medio rural. Desde LugoPatrimonio e en nome tamén das demais asociacións coas que traballamos, dámoslle as grazas a estas institucións. Anima esta dinámica para seguirmos a traballar con forza por facer realidade nun prazo de tempo de 8 anos, o Proxecto presentado publicamente en abril do 2008.


1. OS RITOS FESTIVOS NO SEU ÁMBITO XEOGRÁFICO

Este Proxecto recolle as agrupacións e colectivos culturais que manteñen vivos os ritos festivos das Fachas de Castelo (Taboada), Danzas da Cervela (O Incio), Entroido de Salcedo, coa figura do Oso (A Pobra do Brollón), e Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Nogueira e zona de influencia - Chantada), e calquera outra que, coas mesmas ou semellantes características culturais e etnográficas, poidan entrar dentro do mesmo.

Os espazos xeográficos onde se desenvolven teñen en común, ademais da súa propia, as seguintes características:

  • Un rico patrimonio material con monumentos de interese, desde a etapa megalítica, castrexa, romana, románica, medieval... até hoxe.
  • Un rico patrimonio paisaxístico.
  • Unha historia relacionada con etapas antiquísimas.
  • Lendas e cultura oral que nos falan tamén de tempos vellos.
  • Festas e ritos característicos, moi antigos, que nos introducen na nosa cultura nacional, profunda, de raíz.
 

2. FINS DESTE PROXECTO

Partindo das singulares e interesantes características que se dan nos mencionados ritos festivos, os fins consisten en poñer en valor e potenciar que a festa non se pare e que, arredor dela, se potencie dun xeito efectivo non só a festa en si, coas características culturais e etnográficas que contén, senón unha planificación económica que desenvolva dun xeito real as potencialidades que ofrece e fixe xente nova na zona rural. Pensemos en que estas características festivo-culturais e patrimoniais que se dan nos puntos xeográficos indicados, non se repiten en nengunha outra parte da nosa provincia.

O traballo, portanto, focarase nos seguintes aspectos: 

  1. Declaración destes ritos festivos como festas de interese turístico e novas figuras que xirarían arredor da idea de protección como Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico (BRICE).
  2. Catalogación de todos os elementos patrimoniais que existen en cada zona.
  3. Contratación de persoal cualificado para estudar e investigar todo o relacionado con estas festas, nos seus aspectos histórico, etnográfico, etc.
  4. Creación dunha Escola Permanente de Formación que aproveite as persoas que neste momento manteñen a tradición e a sabedoría destas festas, pois en pouco tempo xa non poderemos contar con elas. Formación para a xente nova das parroquias, nenos e nenas en xeral e incidencia a través da Escola nos centros de ensino  e dentro dunha actividade cultural ben planificada. Isto levaría a fixar postos de traballo a partir da xente coa que se conta en cada lugar, vella e nova.
  5. Creación de talleres de artesanía a partir do vestiario e material usado polas persoas que activan as festas, como campaíñas e chocas, cintos, camisas, pantalóns e blusas, panos, sombreiros, fitas (colonias), peles,... o que nos levaría a potenciar traballos de ferreiros-as, costureiras-os, tecedores-as, carpinteiros-as, etc., sen esquecer tampouco outros produtos artesáns relacionados tamén con obxectos para agasallo ou produtos típicos da zona no aspecto gastronómico.
  6. Rehabilitación do patrimonio da zona de influencia de cada punto onde se dá a festa, con planificación de fases de actuación no caso de ser moi custoso.
  7. Atención ás infraestruturas necesarias para unha mellor comunicación vial e a unha presenza coidadosa dos lugares e aldeas.
  8. Sinalización coidadosa nas estradas para chegar sen problema ao lugares da  festa.
  9. Potenciación e coidado de rutas a crear arredor da propia festa (Ruta do Entroido, Ruta do Oso, Ruta da Danza, Ruta dos Castros... ou aquelas que sexan de interese polas características paisaxística e patrimoniais propias de cada punto).
  10. Creación e desenvolvemento do Itinerario da Festa e do Rito que uniría os catro puntos indicados, con chamadas propagandísticas para visitalos nas distintas estacións do ano: Primavera (Entroidos), Outono-Verán (Danzas e Fachas). Curiosamente, o tempo festivo e ritual está relacionado, sobre todo, co solsticio de inverno, aínda que a súa celebración sexa noutra época debido a cambios de datas relativamente recentes. Este Itinerario distinguiríase por un logo chamativo.
  11. Confección de Programas culturais e turísticos espallados por todas as casas de turismo rural, hoteis, restaurantes, agrupacións culturais, etc., co obxecto de darlle ao e á visitante alternativas para poder pasar uns días de lecer pola zona. Isto conlevaría a edición de folletos, DVD, libros e música e un estudo máis detallado dos ritos, sempre baixo a denominación do Itinerario da Festa e do Rito, e co coidado de respectar o sentido cultural profundo e non a folclorización no seu sentido máis negativo.
 

3. NECESIDADES INMEDIATAS DE CADA UNHA DAS FESTA E ACTIVIDADES 

Entroido de Salcedo

  • Arranxo da Estrada Pobra do Brollón-Salcedo.
  • Asfaltado da pista de Salcedo a Paramedela.
  • Melloras no alumeado público de Salcedo.
  • Acondicionamento do campo da festa.
  • Rehabilitación da zona das Pendellas e A Carreira.
  • Rehabilitación do Altar Maior da Igrexa.
  • Ampliación do local social multiusos.
  • Alternativas para a recuperación da aldea de Parada dos Montes.
  • Actividades 2008 e 2009.
 

Entroido Ribeirao

  • Arranxo e ampliación da Casa Escola (almacén, sala para exposicións e centro de interpretación (con usos, no seu caso, para reunións, proxeccións e actos culturais, taller para a confección de sombreiros, fitas e carautas)).
  • Acondicionamento do campo que hai fronte á Escola, onde se celebran os oficios do Entroido.
  • Alternativas a un vehículo para o traslado do vestiario dos Volantes.
  • Atención ás fachadas das casas de Santiago de Arriba.
  • Alternativas ao problema das campaíñas que levan os Volantes, chocas, camisas de pano sedán, panos...
  • Actividades 2008 e 2009.
 

Danzas da Cervela.

  • Alternativas ao vestiario (panos, pantalóns, camisas, sombreiros, arcos...).
  • Arranxo e mellor distribución do Centro social (salas para exposicións, reunións, proxeccións  e actos; centro de interpretación, almacén...).
  • Rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica, así como recuperación dos santos barrocos (Cristo e San Roque).
  • Amaño da praciña da igrexa e cruceiro.
  • Rehabilitación da capela de san Roque e limpeza e amaño da Fonte do mesmo santo.
  • Rehabilitación do lugar da Cervela.
  • Actividades 2008.
 

Fachas de Castelo

  • Rehabilitación da Casa Escola.
  • Actividades 2008.
 

4. O PAPEL DAS INSTITUCIÓNS.

É ben claro que a situación de cada un destes ritos festivos e das asociacións que os potencian non é óptima, dados os problemas de despoboamento, falta de xente nova e necesidades económicas e de infraestrutura. O milagre é que, a pesar disto, sigan en pé os actos anuais. Como bens propios nosos que cumpren características singulares e mesmo de raíz nacional, compételle á Administración a súa potenciación, pois a desaparición significaría tamén o final dos aspectos culturais máis profundos que nos definen como galegos e galegas.  

Cremos con convicción que co proxecto que presentamos atenderíamos tamén a resolver problemas socioeconómicos que se dan hoxe no noso agro (neste sentido de conservación dos rituais festivos, máis dinámico que a acción urbana, normalmente pasiva) e que, en poucos anos, dinamizaría non só a nosa cultura senón tamén certo desenvolvemento económico e turístico e a proxección estatal e internacional.

As distintas consellarías, dentro da súa competencia e en traballo coordenado, poden asumir sen grandes problemas os custos necesarios para poñer en acción de futuro estes ritos festivos. E axudar de xeito real a que non sigamos a desaparecer. Futuro e vida, polo tanto. E nelas confiamos. 

Lugo, 25 de abril do 2008 

O Presidente de LugoPatrimonio

O Presidente da Agrupación cultural As Fachas, de Castelo

O Presidente da Asociación de veciños de Salcedo

O Presidente da Asociación xuvenil e cultural Os Turulecas - A Cervela.

O Presidente da asociación Amigos do Entroido Ribeirao

 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO