O venres, día 11 de abril, directivos da nosa asociación reuníronse coas que levan adiante o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Entroido e Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), as Fachas de Castelo (Taboada) e as Danzas da Cervela (O Incio), para debater un ambicioso proxecto de consolidación dos ritos e festas que cada ano protagonizan a súa intensa actividade. Este ambicioso Proxecto abrangue diversos aspectos relacionados coa catalogación do patrimonio inmaterial e material de cada un destes puntos e do seu contorno co obxecto de dalo a coñecer para que podamos gozar del. Crear centros de interpretación, locais sociais convenientemente equipados, recuperación e rehabilitación de edificios de interese, mellora das infraestruturas, adecentamento dos lugares e aldeas onde se representan as festas, un circuíto turístico e cultural que sirva para potenciar estes lugares de xeito que se relacione tamén co comercio e a hostalaría, e unha escola permanente onde se ensine durante o ano ás xeracións novas todo o que ten a ver con ditos ritos.
Os proxectos serán presentados proximamente ás distintas consellarías, deputación e outras institucións relacionadas cos aspectos estudados. A reunión serviu tamén para intercambiar unha longa experiencia de traballo, quedando en repetir periodicamente este tipo de encontro e traballar conxuntamente para a consecución destes obxectivos.