Un paseo polos actos celebrados na segunda e última parte celebrada os días 4, 5 e 6 de abril
O historiador Adolfo de Abel Vilela introduciunos na forma de vivir a festa e outros costumes durante os séculos XVII e XVIII. Completou, por tanto, a conferencia anterior dictada polo profesor Carlos Velasco referida máis aos aspectos políticos, económicos e socio-culturais dese período histórico.
O restaurador César Carnero incidiu na primeira parte da súa intervención, nos aspectos teóricos que definen a pintura e escultura barrocas galegas. Na segunda, mediante proxeccións fotográficas, fixou dunha forma didáctica o teorizado anteriormente. Para isto valeuse de exemplos recollidos de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), San Vicente do Pino e A Régoa (Monforte de Lemos), igrexa do mosteiro de Samos, e outros lugares da nosa xeografía.
Para concretar o estudado como teoría do barroco galego nas distintas conferencias, os alumnos e alumnas do Obradoiro visitaron durante a tarde do sábado 5 de abril a sancristía, pinturas e altares da igrexa de santo Domingo, os altares da igrexa da Soidade, e a sancristía, claustro, coro e capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral de Lugo. Resultou novidoso para a maioría dos e das participantes, contemplar por primeira vez o impactante decorado da cúpula da sacristía de Santo Domingo. Guiaron as visitas o arquitecto X. A. Carreira, o historiador Adolfo de Abel e Xulia Cantalapiedra, licenciada en Xeografía e Historia.
O domingo, día 6, os alumnos e alumnas convertéronse en viaxeiros polas terras de Lemos e Sarria para estudar as pinturas da igrexa de San Vicente en Monforte, a arquitectura e estancias do pazo de Tor e a grandiosidade do mosteiro de Samos e a súa igrexa para contemplar obras destacadas dos nosos grandes escultores como Francisco Moure ou Xosé Ferreiro. Guiaron as visitas o restaurador César Carnero e o prior de Samos, Rvdo. D. José Luís Vélez. Este Obradoiro que reuniu arredor de 200 persoas foi clausurado polo noso Presidente, Lois Diéguez e o emocionado e didáctico concerto sobre a música do barroco do grupo vocal SOLO VOCES que, a pesar do frío, tivo que agasallar ao público que enchía completamente a igrexa coa propina de novas composicións.