A Asociación Cultural Lugo Patrimonio celebrou hoxe a asemblea ordinaria anual e a extraordinaria na que se elixiu nova xunta directiva. Aprobouse o programa de actividades para o ano 2020, no que se inclúen conferencias dedicadas a Ricardo Carballo Calero e á Xeración Nós, así como ao Patrimonio Industrial, que contará con catro conferencias e sete viaxes.
Axunta directiva está formada por:
Presidente: Adolfo de Abel Vilela
Vicepresidenta: Branca Rodríguez Pazos
Secretaria: Celia Besteiro Rodríguez
Tesoureira: María Julia Cantalapiedra Álvarez
Vocal: Carolina Casal Chico
Vocal: María do Carme García Negro
Vocal: María do Carme Vázquez Vázquez
En relación co uso do Cuartel de San Fernando a asemblea fixou a súa posición que se reflicte no comunicado que se adxunta.
Punto único: Elección de nova xunta directiva.
23 de novembro 2019
Dentro do ciclo dedicado ao patrimonio Industrial, e despois da conferencia de Encarna Otero Cepeda sobre “As minas de wolframio e o poboado de Fontao”, cumpría facer a visita ao Museo da Minería e ao poboado para ver a súa interesante arquitectura vinculada co Movemento Moderno.
De camiño paramos en Melide para ver ás 10,30 horas o Museo da Terra de Melide, onde, nunha visita guiada, nos explicaron a orixe do Museo así como a interesante recuperación do que foi hospital de peregrinos de Sancti Spiritus para a súa sé, mostrado en fotografía moi elocuentes do proceso. A planta baixa está dedicada á exposición de pezas de arqueoloxía pesada e a informar ao peregrino sobre as igrexas do Camiño de Santiago no concello. Na planta primeira están as vitrinas que conteñen pezas do paleolítico, mundo castrexo e romano, algunhas moi raras e interesantes, como as rodelas, así como numismática. As dúas plantas seguintes están fundamentalmente dedicadas a etnografía.
5 de novembro
Despois da presentación feita pola vicepresidenta Branca Rodríguez Pazos, Encarna Otero tivo unha lembranza para a súa tía Isaura Cepeda que fora profesora do Instituto. Seu pai traballou na mina de wolframio de Santa Comba pero nunca lle falou do traballo, pero si o fixo co catedrático da Facultade de Económicas Xan Carmona Badía. Nos anos de 1939 ao 1945, entre a terminación da guerra civil e a II Guerra Mundial, o wolframio era un mineral estratéxico para o proxecto militar dos nazis, xa que polo elevado punto de fusión era utilizado para facer tanques, carros de combate, e para determinada munición, converténdose por iso no chamada ouro negro. Os alemáns buscaron este mineral en diversos lugares de España, e tamén en Galicia onde houbo varias minas como as de Fomtao, Lausame, Santa Comba, San Finx, Casio, etc.
Viaxe a Lerma (Burgos) para ver las Edades del Hombre e Peñafiel (Valladolid)
Días 26 e 27 de outubro
Saímos ás 7 horas e chegamos a Lerma ás 12,45 horas, despois de facer unha parada de media hora. Antes de xantar dimos unha volta pola Plaza Mayor para xantar a continuación nun restaurante da Calle Mayor. Ás 16,30 horas fixemos a visita guiada á vixésimo cuarta edición de "Las Edades del Hombre" que este ano ten como fío conductor os anxos "Angelli".
A exposición dividirase en cinco capítulos repartidos en tres sedes: a ermida de Nuestra Señora de la Piedad, primitiva igrexa de San Juan Bautista, con orixe no S.IX sendo o único edificio anterior á remodelación urbanística do Duque de Lerma,.relegada a simple ermida tralas grandes construcións do século XVII e actualmente dedicada a unha sala de exposicións, onde se proxecta un vídeo mo que se explica as distintas categorías de anxos e á súa transcendencia na tradición cristiá;.a igrexa de san Pedro, igrexa de estilo barroco e influencia herreriana, onde se tratan os catro primeiros capítulos da exposición: "¡Ángeles del Señor, bendecid al Señor!".
29 de outubro
Dentro do ciclo que dedicamos este ano ao Patrimonio Industrial tivemos a conferencia de Enmanuel Lázaro Pérez, un profesional que desenvolve o seu traballo no campo das enerxías renovables. Con quince anos de experiencia como técnico de mantemento é o responsable da parte de enerxías renovables do grupo NEXIA, unha empresa que conta cunha ducia de traballadores que operan en seis pequenas centrais hidroeléctricas e manteñen máis de trinta instalacións fotovoltaicas por toda Galicia.
Despois da presentación efectuada polo presidente Adolfo de Abel Vilela, fixo unha breve introdución histórica sobre o alumado público na cidade de Lugo que se iniciou en 1808 con un sistema individual, dependente de cada veciño para pasar a ser un servizo público dependente do Concello a partir do reinado de Isabel II.
Nun primeiro momento era con aceite, en 1862 ensaiouse na Praza Maior o alumado con petróleo que estará en funcionamento ata o 18 de setembro de 1894 día no que comezou o alumado público eléctrico coa central instalada no río Miño fronte a San Lázaro, da sociedade "Alumbrado Público de Lugo". Como tiña moitos faios en 1898 creouse a sociedade "La Eléctrica Lucense", que instalou a central eléctrica no caneiro do Piago (Outeiro de Rei), comezando a funcionar en 1899.
19 de outubro
Dentro do ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial estivo a visita á central hidroeléctrica situada no río Miño no caneiro do Piago de Martul (Outeiro de Rei). Os visitantes foron acompañados por Enmanuel Lázaro Pérez, da empresa Nexia Renovables que xestiona a instalación e que foi un dos técnicos responsables da rehabilitación de esta histórica central eléctrica. A visita comezou ás 11,30 horas polo exterior para ver a presa e a canle que leva a auga á turbina e que foi labrada na rocha viva.
O presidente da Asociación Adolfo de Abel Vilela, fixo unha breve introducción histórica para entender a importancia da instalación e a súa relación coa cidade de Lugo. Dixo que nun primeiro momento a electricidade tiña como finalidade principal o alumado público, que en Lugo foi primeiro con aceite, despois con petróleo, en 1879 con gas e o 18 de setembro de 1894 coa electricidade, ao mesmo tempo que se instalaba nalgunhas casas particulares e edificios públicos. Pero como non era eficiente o subministro que ofrecía a "Sociedad de Alumbrado Público de Lugo" que tiña a concesión municipal do alumado público, un grupo de comerciantes e pequenos industriais crearon en 1898 a "Sociedad Anónima La Eléctrica Lucense", que obtivo o 16 de setembro de 1898, a autorización para o aproveitamento de 10.000 litros de auga por segundo do río Miño no punto denominado Piago de Martul no concello de Outeiro de Rei con destino a forza motriz e outras industrias. A obra da presa, canle e edificio para albergar a central foi dirixida polo arquitecto municipal Juan Álvarez de Mendoza, seguindo os planos da casa instaladora Ahlemeyer y Cª, enxeñeiros de Bilbao.
Día 16 de novembro
ás 8,30 horas
Viaxe ao conxunto do poboado e mina de Fontao, Vila de cruces (Pontevedra). Saída ás 8,30 horas.
O 28 de setembro saímos de Lugo ás 8,30 horas para facer a viaxe á Mariña Lucense dentro do Ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial. Comezamos as visitas programadas visitando a partir das 10,30 horas a basílica de San Martiño de Mondoñedo, vinculado a San Rosendo, onde recibimos a explicación da guía no interior do templo que nos explicou as características da igrexa, programa iconográfico das pinturas románicas, renacentistas e barrocas e significado do altar pétreo e representacións dalgúns capiteis. Posteriormente fixemos un percorrido polo centro de interpretación do monumento onde completamos a información.
Como o día 10 tivemos a conferencia de Adolfo de Abel Vilela sobre, “As fábricas de fundición e louza de Sargadelos no agromar industrial de Galicia”, era obrigado facer unha visita ao que queda daquela grande iniciativa. Comezamos o percorrido ás 12,15 horas na Casa da Administración recibindo as documentadas e amenas explicacións de Elisa Pérez sobre as orixes e vicisitudes das Reales Fábricas de Sargadelos. O presidente fixo unha breve intervención para falar sobre o proceso de fabricación das louzas estampadas diante das pezas expostas que foron admiradas por los viaxeiros.
22 de xuño
A viaxe estivo programada para ver as pegadas da industrialización na ría de Ferrol. Comezamos a visita guiada ás 10.30 horas no Museo da Construción Naval atendidos por unha guía do establecemento que nos fixo un percorrido pola planta baixa das instalacións, onde se atopaban as antigas fraguas ou ferrarías. Ante unha maqueta na que se representa o territorio da ría foi facendo historia do proceso de industrialización que se inicio no século XVI no barrio de Esteiro e que continuo no XVIII co barrio neoclásico da Magdalena. Para defender a entrada da ría dos ataques dos ingleses, Felipe II manda construir os baluartes ou castelos de A Palma, San Felipe e San Martiño.
Pasamos despois a explicación sobre maquetas das características dunha balsa e dun barco, a súa evolución histórica, dende os primeiros tempos, de madeira e a vela ata os modernos. A característica fundamental é que un barco ten que ser habitable, unha balsa non o é. Como os barcos se construían con madeira que se conseguía nos bosques da zona, para evitar a deforestación e ao mesmo tempo a produción desta materia prima había unhas normas para reforestar tendo que plantar tres árbores por cada un que se cortaba. Un barco podía precisar de 1.500 árbores.