Sábado, 11 Setembro 2021 23:12

CONFERENCIA DO CANTEIRO JOSÉ CERNADAS SANDE “A cantería tradicional”

9 de setembro de 2021
Despois de máis de ano e medio sen actividades debido á pandemia da Covid-19, a xunta directiva decidiu retomalas coa conferencia introdutoria sobre “Os santuarios, os cruceiros e os cemiterios da Terra Cha”, que contarán coa explicación en sendas conferencias dos especialistas, doutores José Manuel Blanco Prado e Fernando Arribas Arias e rematará cun percorrido no que se comprenden aqueles elementos patrimoniais máis salientables que se atopan en varios concellos da citada comarca.


A charla foi moi didáctica e clara, ilustrada con proxeccións, sobre un oficio tradicional milenario, que ten como protagonistas aos canteiros, que foi durante centos de anos o gremio máis importante e numeroso, artesáns que foron transmitindo ao longo do tempo métodos e costumes, sen apenas evolucionar, elaborando obras eternas feitas con ferramentas rudimentarias, con poucos medios e sen máis formación profesional que a tradición e que hoxe forman parte do noso patrimonio cultural, tanto no plano artístico como no etnográfico. O canteiro non tiña formación académica, a súa escola era a tradición, pero en ocasións copiaba da arquitectura culta.


Onde había granito había canteiros,  moitos deles tiñan a súa especialidade, que se agrupaban en cuadrillas de catro ou oito, cun xefe ou contratista, e varios canteiros e un ou dous pinches que comezaban aos catorce anos para ir aprendendo o oficio, amasando o barro, subindo á parede, carrexando pedra ou axudando noutras tarefas. En dous anos os máis espabilados eran capaces de paredar e de escuadrar unha pedra. As obras podíanse contratar a xornal que podía ser a seco, levando a comida, xeralmente cando as casas eran pobres ou medianas e se comía mal, ou a mantido, nas casas dos ricos. A ferramenta miúda levábana os canteiros, e ás veces instalaban unha fragua para tela a punto. A outra era aportada polo propietario da obra, sobre todo grillos e paos de ferro, encargándose de levar as ferramentas ao ferreiro para telas a punto.


Foi o gremio máis importante pola cantidade de traballos feitos entre os anos 1750 – 1950, cando se fan casas, alpendres, hórreos, muíños e cruceiros, en cada zona coa súa tipoloxía segundo os materiais e mesmo o estilo do canteiro. O oficio tivo un período de crise entre os anos 50 - 60 do século XX debido á construción de edificios con materiais actuais, como o ladrillo e cemento, o que deu lugar ao denominado feísmo na paisaxe rural, onde antes había un canteiro agora había un albanel, pero o oficio sobreviviu, inserindo novas técnicas, mecanizándose, o que resulta máis rendible, sendo hoxe en Galicia moi importante económicamente a industria da pedra que da emprego a varios miles de persoas. Non obstante continuou a cantería tradicional, hoxe están censados no Rexistro Xeral de Artesanía algo máis dun cento de canteiros semiartesáns, que empregan técnicas tradicionais combinadas co mecanizado.


O granito e as lousas son as dúas rochas máis abundantes da xeoloxía galega. Construíase co material que había na zona. As lousas non se poden traballar, só se preparan para utilizar como mamposto, para facer muros, chantos para pisos,  lousar, etc.  debido a facilidade que teñen para exfoliar ou fender en láminas.


Os canteiros diferenciaban as pedras polas súas cualidades, se o granito era de grao groso ou fino, duros ou brandos, se tiñan febra ou non, segundo o emprego ao que se destinaba, en forma de bloques, perpiaños, cornixas ou calquera outro elemento dunha construción feita en cantería, o de grao fino era estimado para os traballos de labra coidada, e os de grao máis groso para paredes e outros elementos arquitectónicos. A pedra dura e compacta é a necesaria para os linteis, para soportar peso, ou para o pé e a capa dun muiño polo desgaste.


Se na zona non había granito e o había que traer por razóns de economía combinábase co xisto e mesmo o seixo, empregado para recheo e acuñado das pedras e facer os paramentos,  e o granito para os esquinais, os marcos das ventás e das portas, . Así se facían casas, alpendres, algúns pechados con chantos, palleiras, e todo tipo de construcións. As s máis pobres os marcos eran de madeira. O granito de grao gordo determina arestas romas, mentres que o de grao fino son vivas, asentando mellor as pezas e permitindo unha mellor labra para os adornos. 01 CONFERENCIA PANDEMIA 9 02 2021

As ferramentas utilizadas polos canteiros teñen cada unha a súa función na preparación, labra, e traslado da pedra. Empregando boas ferramentas o rendemento e a calidade do traballo era maior. As máis habituais eran as marras, macetas, cotas, pico, escoda, buxarda, punteiro, cicel, codadeira, barrena, grillo, pinchote, escuadra, falsa escuadra, compás, nivel antigo, regra, metro, chumbada, pao de ferro e palanqueta.


Para elaborar calquera elemento era necesario buscar as pedras apropiadas no monte e saber como darlle os cortes. Cando a pedra xa estaba na obra o primeiro paso era facerlle un paramento que era a chamada cara mestra, que é a que queda á vista, que ten que ser un plano perfecto. Despois de picar toda a peza había que escuadrala, facéndose despois os cantos, quedando unha pedra cuadrangular, labrando despois a peza,  moldura, cornixa, capitel, canzorro ou calquera remate.


No desenvolvemento dunha construción son necesarios as estadas, polo que na parede van quedando uns furados, machinais, destinados a colocar os xugos, uns paus ou pontóns de madeira que voaban 1,5 m, cara a dentro e cara a fóra, sobre os que se colocaban os taboleiros que serven de piso para os canteiros, os máis experimentados traballaban por fóra para que a parede fose máis vistosa, e os menos por dentro.


Para subir as pedras colocaban un sistema de poleas composto por dous paos de ata 6 metros de altura apoiados no chan separados 2-3 metros, arrimados contra a parede, formado un ángulo na punta amarrados cunha corda, colgando no vértice os cadernais, tamén chamados pastecas, que eran unha combinación de poleas, xeralmente de madeira e de varias rodas. Cantas máis rodas tivese menos esforzo era necesario para subir as pedras. O superior era fixo e o inferior móbil.


As pedras con adornos transportábanse entre dous o catro homes colgadas dunha barra de ferro que se apoiaba nos ombreiros. Para movelas no chan, utilizábanse palanquetas para as pedras pesadas, xirándoas cando non estaban traballadas, tamén a tombos apoiando sobre un taco de pedra, volteándoa de punta sobre un taco de pedra, as pedras pequenas trasladábanse entre dous homes en angarilla.


Hai tres tipos de aparellos: mampostería asentada en barro, o máis pobre; cachotería e ripio para recheo e o perpiaño ou cantería cuadrangular que asentaba sen ripio, máis caro.


Os tipos de obras son moi variados, casas e hórreos de distinta tipoloxía nalgúns casos combinando os materiais da zona, granitos de grao groso ou fino, xisto, canto rodado, etc, co que se facían alpendres, palleiras, muíños, e como mostra da arte popular, o cruceiro.


A conferenciante rematou falando dos cruceiros, que tamén os hai de distinta tipoloxía, xa que cada canteiro tiña o seu modelo, propio ou copiado, As esculturas dependían da súa creatividade. O hórreo, polo seu tamaño e acabado, reflexa o poder económico do propietario, sendo fundamental a orientación para unha boa ventilación, na mariña SO.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO