Xoves, 21 Outubro 2021 19:22

Conferencia de Francisco Singul Lorenzo sobre “O Camiño de Santiago por Carrión e Sahagún”

20 de outubro de 2021

A segunda conferencia previa á viaxe a Carrión de los Condes e Sahagún, foi impartida por Francisco Singul Lorenzo, doutor en Historia da Arte e xefe da Área de Cultura Xacobea da Xunta de Galicia, experto internacional nas rutas xacobeas, que falou do Camiño por estas terras que xa no século IX eran territorio cristián, por onde pasaba o Camiño Francés, e dos monumentos máis importantes deste tramo, que tamén servía para o comercio, dotado de infraestruturas como pontes, hospitais e novas poboacións.
Referíndose á paisaxe dixo que no século XII sería semellante a actual, como di o Códice Calixtino no libro V sobre Carrión que era unha vila próspera, abondosa en pan, viño, carnes e Sahagún en toda clase de bens, pero despoboada de árbores e chea de homes malos. Neste territorio establecéronse tamén as ordes militares, a dos templarios, dedicados máis ao auxilio aos peregrinos, e os santiaguistas, máis militares.
Dixo que a monarquía de Castela, presidida por Afonso VI, escenificou unha alianza con monxes de Cluny, sendo importante no señorío das terras para poñelas en explotación rendible con novos métodos de cultivo e arados máis modernos, utilizando para iso servos mozárabes.


Carrión de los Condes, como se intúe polo nome, era cidade de señorío. O papado opúxose a o rito hispano ou mozárabe que proviña da época visigótica e Afonso VI mandou convocar concilio xeral en Burgos no ano 1080, que declarou oficialmente a abolición desta liturxia  substituíndoa pola romana.
A rede de abadías cluniacenses daba hospitalidade aos peregrinos. Falou do mosteiro de San Zoilo, onde nos imos aloxar, cun claustro semellante ao das Nereidas de Samos. O mosteiro de Sahagún desapareceu, queda parte da igrexa románica e a portada pola que pasa a estrada N-120.
Os monxes dan un carácter especial ao Camiño. Nos séculos XI – XII dedicábanse á oración constante, polo que se consideraba o mosteiro como unha antesala do ceo, do paraíso, por esta razón para a xente os monxes eran como anxos.
Fala de Villasirga e da súa importante igrexa de Santa María la Blanca, e de que Afonso VI, o repoboador deste territorio, está enterrado cunha das súas donas en Sahagún no mosteiro das bieitas que foi afectado por un incendio en 1902 que afectou ao enterramento polo que fixeron un sepulcro novo. Refírese a Santa Clara de Carrión, extramuros, igrexa que conta cunha obra do escultor orixinario de Sarria Gregorio Fernández, no que aínda na actualidade seguen a dar hospitalidade aos peregrinos. Da igrexa de Santa María detívose a explicar a importancia da portada desde o punto de vista artístico, cun friso feito no século XII sobre a infancia de Cristo. Na que foi igrexa de Santiago, onde os franceses instalaron un polvorín que estoupou, do que se salvou a fachada, un dos monumentos románicos máis importantes. Nas arquivoltas da portada están representados os oficios dos gremios que había en Carrión, onde tamén están os músicos, como na porta que comunica a nave do Evanxeo da catedral de Lugo coa antiga capela de San Froilán, na actualidade do Pilar. No friso esta a Maiestas Domini, cos evanxelistas, os apóstolos e o Pantocrátor, a semellanza do de San Vicente de Águila e o lucense con reminiscencias da escultura clásica como a utilización da técnica dos panos mollados e rostro non naturalista de influencia borgoñona traída polos monxes que proceden de Cluny que chegaron ata Polonia, Italia, a península Ibérica e Gran Bretaña. Cando o mestre Mateo traballa en Compostela, este xeito de facer xa desaparecera.
Rematou a súa intervención facendo un percorrido polos lugares e monumentos que se ían visitar na viaxe, recomendando o lugar de Benvívere, e ver o tramo que se conserva da calzada romana, duns 10 km., que comunicaba Astorga con Burdeos, vía moi transitada na Idade Media, así como Calzadilla de la Cuezca, relacionada con santiaguistas e Terradilla de los Templarios.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO