1 de outubro de 2021
Foi esta a primeira conferencia preparatoria da viaxe a Carrión de los Condes e Sahagún para ver a exposición Lux de Las Edades del Hombre. O profesor Valdés, que xa participara no ciclo que dedicamos a Arte Mudéxar no ano 2018, nesta ocasión centrou a súa disertación en Sahagún, vila na que Afonso VI mandou fundar un mosteiro cara a o ano 1085, con quince frades que viñeron de Cluny, nun territorio que chegaba ao Mar Cantábrico, de terras chairas e fértiles do vello reino de León, regadas polo río Tea con muiños, campos con ovellas, pombais, hortas, cultivos de pan, e en ocasión de viño, cuxo consumo era sinal dunha deficiente alimentación, a onde foron e asentaron moitos mozárabes para repoboalas e poñelas en produción, colonos que facían as súas casas cos ladrillos que producían as fábricas do poderoso mosteiro, situado no territorio dos Domnos Sanctos Facundo e Primitivo. Dese mosteiro hoxe só quedan a portada monumental a través da que pasa unha estrada como se fose un arco de trunfo, á beira do convento das bieitas que entre os tesouros artísticos que garda está unha custodia elaborada polo célebre ourive Juan de Arfe e Villafañe.
Sahagún é o que é polo mosteiro da orde de Cluny, onde se fixo un edículo para recoller os restos dos mártires Facundo e Primitivo. Afonso VI conquista a taifa de Toledo, que é Castela a Nova. Hai un conflito con Roma pola cuestión do rito eclesiástico hispano ou mozárabe utilizando á Orde de Cluny como intermediarios, que se suavizou aportando ás arcas do papado de 1.000 a 2.000 áureos. Para dar unha idea do poder deste monxes, contou que Fernando III fixo entrar a un zapateiro de xeonllos a bicar a man do abade.
Entre os séculos XI e XII aparecen neste territorio multitude de pobos coa súa igrexa. Na metade do século XII xa se construía en ladrillo, reminiscencia do mundo romano. As torres saguntinas son influencia dos monxes de Borgoña que aproveitan o tramo recto da cabeceira de tres ábsidas, o mesmo modelo de igrexa de San Isidoro, San Benito de Sahagún, San Tirso e San Pedro de las Dueñas, moitas delas iniciada a construción en pedra e continuada en ladrillo por albanels en lugar de canteiros, edificios que se iniciaron como románicos pero que se remataron con este material, aparecendo o arco ménsula un século antes que en Toledo. Falou de albañilería románica e puxo varios exemplos, como Toro e Alba de Tormes. Este tipo de construción difundiuse cara ao Leste ata Zaragoza e cara ao Oeste ata Braganza. No Santuario da Peregrina pódese ver o mudéxar toledano.
Rematou dicindo que foi Amador de los Ríos o que definiu o mudéxar nunha conferencia na Real Academia de Belas Artes de San Fernando á que deu resposta Pedro Madrazo.