12 de novembro
Nesta viaxe do outono, a derradeira do ano, no mes dos Santos, consideramos acaído visitar o antigo cemiterio de San Amaro, un camposanto con carácter atlántico, con vistas ao océano, onde están enterrados destacados persoeiros do empresariado, da milicia, da política, das artes e das letras de Galicia.
Comezando polo nome, segundo o noso amigo e colaborador Felipe Senén, na tradición popular San Amaro ou San Mauro asóciase co máis alá. Creado en 1871, o cemiterio foi inaugurado en 1813 despois da prohibición de enterrar nas igrexas e a súa contorna. Ampliouse en 1883 e construíuse un templo funerario na porta de entrada de portada dórica.
Durante dúas horas e media percorremos acompañados de dosu guías as tres seccións do cemiterio, a relixiosa, a civil e a británica, parándonos naqueles enterramentos que chamaban a atención pola súa arquitectura, desde o estilo historicista, o modernismo e a artdecó, ou pola importancia do seu ocupante en humilde nicho.
24 de outubro
Acompañados por Héitor Picallo, comezamos a xornada visitando o mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares. Alí, explicou as orixes altomedievais da estrutura, sinalando no exterior, entre outros elementos, un modillón visigodo, e unha inscrición na casa reitoral. No interior da igrexa, falou dos diversos elementos arquitectónicos do conxunto, destacando especialmente o claustro renacentista e a capela funeraria da familia Taboada, do século XV, que alberga dous magníficos sepulcros con efixies xacentes situados en arcosolios.
A continuación, proseguimos a viaxe cara a Esgos para visitar San Pedro de Rocas, que tivo a súa orixe nun eremitorio do século VI.
9 de outubro
O investigador Héitor Picallo Fontes nunha moi elaborada e interesante conferencia compartiu cun auditorio numeroso información de interese sobre o monacato galego. Comezou coa referencia de determinadas obras bibliográficas de sumo interese para poder abordar a súa exposición, da que son autores, nomeadamente e entre outros: Xosé Miguel Andrade Cernadas, Carlos Baliñas Pérez, Alexandra Cabana Outeiro, Natalia Figueiras Pimentel, José Freire Camaniel, Anselmo López Carreira, Jorge López Quiroga e Francisco Xavier Pérez Rodríguez.
Baixo o título “Cenobios e mosteiros da Galicia medieval”, a súa exposición parte dos primeiros contactos do noso país co cristianismo, polo que fixo parada nas figuras de Prisciliano, Exeria, Bachiario, Paulo Orosio e Martiño de Dumio. A continuación, detivo a súa atención en varias comunidades relixiosas existentes canda a época deste santo procedente das terras de Panonia e que deron en chamar o “apóstolo dos Suevos”. San Pedro de Rocas, Samos e Santo Estevo de Ribas de Sil foron motivo de explicación, así como houbo lugar para abordar determinados aspectos sobre a arquitectura e historia de Santa Comba de Bande.
10 de xuño
Carlos Babío Urkidi, un dos investigadores que iniciaron o complexo preito coa familia Franco para a recuperación como patrimonio do Estado do Pazo de Meirás, deu unha conferencia previa á visita sobre a cuestión procesual. Comezou dicindo que se tardaron 43 anos en presentar a demanda debido ao traballo documental imprescindible para a xustificación da reclamación do ben, que comeza en marzo 1938 cun documento titulado “Junta pro pazo del caudillo”, formada para recadar fondos en 93 concellos. En cada un, percorrían casa por casa con esta finalidade, o que deu lugar a abusos, recollidos nun informe realizado por un tenente coronel da Delegación Nacional de Provincias, sobre os abusos que se cometían con isto, pois dicía que: «han contribuido al regalo, no los buenos patriotas, sino los comités de los pueblos por medio de las coacciones».
16 – 19 de setembro
Como parte do centenario da morte de Antonio Gaudí, do 16 ao 19 de setembro, fixemos unha viaxe a Santander e Comillas para ver parte da obra realizada por este arquitecto fóra de Cataluña.
En Comillas comezamos as nosas visitas ás obras eclécticas do Palacio Sobrellano (1882) e da Capela do Panteón (1878); edificios executados por Joan Martorell e Cristóbal Cascante encargados por Claudio López López, I Marqués de Comillas; e para os que un xoven Gaudí deseñou elementos de mobiliario. No interior do palacio, o gran salón considérase o centro neurálxico do edificio, para o que o pintor Eduardo Llorens realizou oito paneis que amosan as contribucións da familia propietaria á historia de España.
José Alberto Moráis Morán “Historicismos, neomedievalismos e outros ismos na arquitectura decimonónica hispana: de León a Santander”.
8 de setembro
O profesor da Universidade de León, José Alberto Morais Morán, comezou dicindo que o interese, estudo e recuperación das artes e a arquitectura da Idade Media durante o século XIX veu acompañado, tanto nos contextos europeos como en España, por unha profunda transformación dos elementos definitorios esenciais das artes medievais. A Idade Media foi unha escusa para que os arquitectos vinculados cos movementos eclécticos e historicistas inventasen unha imaxe fantástica do mundo medieval.
LUGO PATRIMONIO
PROGRAMACIÓN DO 2º SEMESTRE DE 2026
SETEMBRO
Día 8, martes
ás 19 horas
Salón de actos do Vello Cárcere
Conferencia de José Alberto Morais Morán sobre “Historicismos, neomedievalismos e outros ismos na arquitectura decimonónica hispana: de León a Santander”.
Días, 16, 17, 18 e 19
Viaxe a Santander e Comillas.
OUTUBRO
Día 9, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Héitor Picallo Fontes sobre “Os mosteiros de Galicia”.
De 19,30 a 20 horas, anotacións para as viaxes do día 24 de outubro, sábado, para ver San Pedro de Rocas (Ourense), o mosteiro máis antigo de Galicia, xantar en Maceda. Pola tarde visita ao mosteiro de Ferreira de Pallares (Guntín), e a do día 12 de novembro, xoves, para ver na Coruña a exposición «O Bosco e Bruegel. Unha viaxe a mundos fantásticos» de ambos os mestres da arte.
Día 12, sábado
ás 14,30 horas
Xantar dos socios.
Día 11, venres
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Asemblea xeral e festa dos socios. Na convocatoria diráse o lugar do xantar.
Día 24, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial
Conferencia de Enrique Montenegro Rúa sobre “Santa Eulalia de Bóveda, cen anos dos descubrimento”