Sábado, 27 Abril 2024 15:15

Viaxe a Cambados

20 de abril

Esta viaxe tivo por finalidade visitar, en dous grupos, o Pazo de Fefiñáns, acompañados de dúas guías do establecemento e a Fundación Manolo Paz. Na entrada do pazo, na ampla praza que no seu día pertenceu a este conxunto, onde está a igrexa de san Bieito, fíxose unha introdución histórica e artística do edificio construído en varias fases, no estilo renacentista, do que foi fundador Juan Sarmiento Valladares, conselleiro de Felipe II, hoxe de propiedade dos marqueses de Figueroa.

Xa no interior percorremos todas as estancias, bastante escasas de mobiliario e artes decorativas que son propias deste tipo de palacios, chamando a atención especialmente as esculturas de Mariano Benlliure e Francisco Asorey, así como as dun descendente que foi discípulo do escultor galego, e a sala decorada con papel coloreado francés do século XIX, con motivos otomanos. Na planta alta da torre da homenaxe, onde está a biblioteca, detivéronse diante dunha reprodución da carta xeométrica de Galicia de Domingo Fontán.

23 de abril

Nesta conferencia do ciclo sobre Historicismo, o profesor de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Iván Moure Pazos, analizou tanto a ruína antrópica na serra de Sintra, creada polo home, por arquitectos, paisaxistas e artistas, como aqueloutra, igualmente importante, a ruína biótica, xerada polo discorrer inevitable da propia natureza, as ruínas arquitectónicas engulidas polo imparable avance do vexetal, como as impoñentes e pouco coñecidas Quinta do Relógio e a Quinta das Camelias. Todo iso a fin de poñer en valor o tema do ruinoso, elemento pouco tratado e enxalzado na literatura crítica sintrense, no asentamento paisaxístico da Sintra contemporánea.

O 4 de decembro de 1995 a UNESCO declaraba a Paisaxe Cultural de Sintra Patrimonio da Humanidade. Nuns 20 quilómetros arredor do núcleo, nun parque natural, hai unhas 200 quintas, cunha cronoloxía que van desde o século XVI ata o XX, cun auxe importante no século XIX.

Día 10 de maio, venres

Salón de actos da Deputación Provincial

De 19,30 a 20 h., anotacións para a viaxe do día 22 de xuño a Pambre e Narla, 40 €, e para a viaxe a Mérida entre os días 16 ao 22 de setembro, tres días en función do prezo dos hoteis. O prezo desta viaxe aínda non se sabe.

16 de abril

Comezou facendo referencia á tese de doutoramento de María Emilia Hernádez Pezzi, Historiografía de la arquitectura Moderna, na que se recollen as obras arquitectónicas mais representativas no intento de explicar o movemento arquitectónico mais característico do século XX. Despois do Neoclasicismo, todos os estilos anteriores, ou historicistas, van ser fonte de inspiración na arquitectura do século XIX. A mestura de estilos dará lugar aos eclecticismos, e pon varios exemplos de arquitecturas encargadas polas élites burguesas e das derradeiras vitorianas. Fanse igrexas en estilos medievais, neorrománicas, neogóticas, nas que, ao igual que nos edificios civís, cuadrillas de artesáns van a reproducir a ornamentación.

Día 23 de abril, martes
ás 20 horas
Salón de actos da Deputación Provincial

Conferencia de Iván Moure Pazos sobre "Ruína antrópica e biótica na Sintra contemporánea”.

Venres, 22 Marzo 2024 16:24

Táboa Redonda sobre Luisa Villalta

19 de marzo

Con motivo de ser Luisa Villata a protagonista do Día Das Letras Galegas, celebramos unha Táboa Redonda coa participación das poetas Eva Veiga Torre, Pilar Pallarés García e Pilar García Negro, profesora e especialista en literatura e lingua galega.

Abriu a mesa Pilar García Negro que actuou de moderadora, eloxiando o labor das outras dúas participantes, ás que, facendo un xuizo de profesora, cualificou como dúas grandes da literatura galega actual, dúas poetas de verdade cunha traxectoria ao servizo do país.

Pasou a falar de Luisa Villalta, (A Coruña, 1957-2004) da que dixo que debe ser celebrada como a escritora multixenérica. Esta cualidade emparéntaa co mellor da literatura clásica galega, avanzada no tratamento libre dos xéneros literarios e mais na alta estética conseguida en todos eles: poesía, prosa narrativa, teatro, ensaio, crítica literaria, xornalismo, atc. Foi, asemade, unha moi fina e perspicaz crítica literaria, así como asidua colaboradora en prensa, sendo moi lidas e apreciadas as súas columnas no semanario A Nosa Terra.

16 de marzo

Esta viaxe tiña como finalidade ver os xardíns e as fincas dos pazos de Oca, que conserva un exemplar de Camelia reticulata, dos máis antigos de Europa, de 12 metros de altura, e de Santa Cruz de Rivadulla, declarado xardín de excelencia e histórico, sendo o que ten máis árbores no Catálogo de Monumentos Vexetais de Galicia, con dezaseis.

Na entrada do Pazo de Oca a guía fixo unha introdución histórica sobre os diferentes propietarios cuxo orixe é unha torre do século XV, pertencente a Álvaro de Oca. A derrota do seu fillo Suero por Alonso de Fonseca, arcebispo de Santiago, deu lugar a confiscación do señorío que posteriormente pasou a María de Neira, viúva de Gonzalo de Luaces, escudo que están colocados sobre portas.

Nesta intervención o conferenciante ofreceu unha panorámica xeral sobre o estilo arquitectónico que se coñece como eclecticismo. Configurado ao longo do século XIX ao abeiro da febre dos historicismos e revivals, fragua no París do Segundo Imperio, na etapa de Napoleón III, como unha aposta estilística híbrida, imaxinativa e grandilocuente que quere encarnar o espírito liberal dun século enquistado en estéticas do pasado.


A intervención foi eminentemente didáctica con numerosos exemplos para poder entender a formación e evolución deste estilo a partir de 1850 como alternativa ao neoclasicismo da etapa anterior. É unha arquitectura moi recargada de decoración que mestura diferentes estilos que perdurará ata os anos 30 do século XX coa chegada do racionalismo e o emprego de novos materiais na construción como o formigón, o cemento, o vidro e o ferro. Prolongada a súa vixencia internacional a través de diversas modulacións formais, en España entrelázase co modernismo e aínda exhibe músculo na arquitectura monumental da década de 1920, antes de quedar estigmatizada polo discurso racionalista que, ata hai ben poucos anos, limitou o recoñecemento do seu valor patrimonial.

Domingo, 25 Febreiro 2024 20:28

Viaxe a A Coruña

24 de febreiro de 2024

Foi organizada para ver as exposicións "Viajar para pintar. Sorolla en Galicia", no Museo de Belas Artes, a de fotografía de Helmut Newton, así como o novo Museo de Automoción e Historia (MAHI). Participou un grupo de corenta socios comezando pola visita guiada da exposición de Soroya formándose dous grupos, mentres un visitaba a exposición o outro fixo un percorrido polo Museo.

Con fondos da Fundación Museo Sorolla de Madrid e do de Belas Artes da Coruña, a exposición presenta a participación galega no proxecto Sorolla. Viajar para pintar, dentro do programa “100 años del fallecimiento de Joaquín Sorolla”, na que figuran máis de setenta obras entre óleos, debuxos, notas de color e obxectos etnográficos, realizados e recollidos nos anos 1900, 1010 e 1915. Foi unha visita participativa na que non só se escoitaron as explicacións da guía, senón que algún dos concorrentes fixo comentarios e aportacións sobre o contexto e mesmo sobre o traballo pictórico desenvolvido por Sorolla, para poder pintar a obra dedicada a Galicia por encargo da Hispanic Society of América. Remata a exposición con obras dos artistas galegos cos que mantivo relación, como Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoira ou Jenaro Carrero.

16 de xaneiro

O inicio das actividades correspondentes ao ano 2024 tivo lugar con esta conferencia do doutor e director do Museo Diocesano e Catedraliceo de Lugo, Marcos Calles Lombao, que espertou grande interese no público que encheu o salón de actos da Deputación.

Nesta conferencia mostrou os resultados do estudo en profundidade das representacións de paisaxes que atesoura a Catedral de Lugo durante a Idade Moderna, véndose estas representadas en distintos soportes, como madeira ou pintura, realizadas desde o século XVI ao XVIII, así como nas localizacións máis destacadas da Catedral.

Dixo que as paisaxes na Catedral de Lugo teñen unha importancia transcendental, comezando a súa investigación polo antigo retablo da Capela Maior, colocado hoxe nas frontes dos testeiros do transepto, obra de Cornielles de Holanda do século XVI. Neste retablo a representación do Bautismo de Xesús no río Xordán é dunha gran beleza que se ve reforzada polas rochas e árbores que encadran esta simbólica escena, con San Xoán Bautista e Xesús de Nazaret no centro da mesma.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO