11 de xuño

Despois da presentación que fixo do conferenciante o profesor e socio Emilio Valadé del Río, Manuel Lara comezou a súa disertación dicindo que a industria non formou parte da Historia, e cando o fixo foi nun aspecto negativo, como a contaminación, o ruído, malas condicións laborais, etc. Nos seus mellores momentos as actividades industriais en Ferrol ocupaban a unhas 12.000 persoas, e por iso forman parte da historia, pois estes colectivos tiñan as súas actividades sociais e culturais. A industria en Ferrol iniciouse no século XV con pequenas actividades artesanais, protoindustriais, como era a salga. Fernando de Andrade o Bo, favoreceu a actividade comercial dos venecianos que ían de paso a levar mercancías a Flandes e á volta arribaban ao porto de Ferrol e collían os excedentes da sardiña. Os xenoveses utilizaban o porto da Coruña.

Dixo que as armadas recalaban no Ferrol para facer a invernada antes de iniciar as expedicións o que deu lugar a que se construísen os chamados fornos de provisión para facer galletas e biscoitos para o consumo das tripulacións. Era tal a demanda que foi necesario construír as aceas do Belelle e os muíños do Freixeiro, comezando tamén o comercio do cereal.

Na primeira metade do século XVIII arredor da actividade manufactureira hai outras industrias como os curtidoiros, tecidos e ferrería, que non están concentradas senón dispersas polo medio rural. Hai tamén zonas que se dedican á olería que se establecían onde había o barro, aparecendo tamén os gremios.

24 de maio

O conferenciante analizou a industria dos curtumes no marco territorial da provincia de Lugo e no temporal da Idade Contemporánea. Para iso dividiu a intervención en tres grandes eixes: comezou facendo unha introdución, pasando despois ao estudo da historia da industria dos curtidos lugueses e a analizou o seu patrimonio industrial.

Na introdución, relatou brevemente os principais aspectos da historia deste sector industrial en Galicia, que coincide plenamente co acontecido na provincia de Lugo. As fábricas de curtumes constituíron durante o século XIX, a carón das que elaboraban sardiña salgada, a única especialización non agraria da economía galega. Chegaron a representar máis da cuarta parte da produción española do sector e tiveron un amplísimo esparexemento polo territorio, de xeito que un de cada catro concellos contou como mínimo con algún curtidoiro e case que todas as comarcas tiveron establecementos desta caste.

Xoves, 23 Mai 2019 16:52

VIAXE A PORTUGAL

Do 16 ao 19 de maio

Día 16

Visita á tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz

Dentro do ciclo dedicado ao Patrimonio Industrial fixemos unha viaxe á zona de Aveiro (Portugal) para ver exemplos deste tipo de patrimonio, posto en valor por institucións públicas e particulares. A viaxe comezou o día 16 de maio e rematou 19.

Saímos de Lugo ás 7 horas e ás 11 visitamos a tanoaría Josafer Ferramenta en Esmoriz. Esta localidade tivo unha gran tradición na elaboración de toneis, barricas e pipas, denominación que levan segundo a súa capacidade, para o trasporte do viño producido na ribeira do Douro con destino ás adegas de Porto.

É unha empresa familiar rexida polos netos do fundador Joaquim Dias Ferreira que era tanoeiro nas adegas do viño de Porto en Vilanova de Gaia. En 1968 decidiu volver para Esmoriz instalando un taller cos seus antigos compañeiros de traballo para facer barrís destinados ao exército portugués para levar viño aos soldados que estaban na guerra de Angola. A independencia das colonias e o emprego de materiais como o aceiro fixo que descendera a demanda, pero apareceron novos demandantes dos bocois. A empresa pasou ao fillo do fundador e aos xenros que mecanizaron algún dos procesos de elaboración.

Día 27 de abril

Saímos ás 8 horas de Lugo comezando as visitas ás 11 en Guisar, desde onde se pode contemplar a situación das primeiras industrias relacionadas coa conserva do peixe. Este outeiro está presidido pola capela que proxector o arquitecto vigués Manuel Gómez Román, de estilo historicista, para o que están recadando fondos para colocar un Sacro Corazón de Xesús no remate da torre, como figuraba no deseño.

Despois de baixar un pequeno tramo no autocar, recorremos a pé a zona de Guisar onde quedan algúns edificios das antigas fábricas, non só de envasado, senón tamén de preparación de envases, de preparación de embalaxes de madeira e unha fábrica de xabón que aproveitaba as escorras do aceite das conserveiras. Ao final do tramo percorremos no autobús un pequeno traxecto para aproximarnos á zona do porto facendo a pé toda a parte do cantón ata chegar ao antigo barrio de pescadores do Berbés, hoxe practicamente desaparecido, con un par de casas antigas arruinadas. Un paseo polas rúas ata a Praza da Constitución, e continuación do paseo ata onde se atopa o Centro de Congresos e o Auditorio, zona na que se atopan varias das antigas fábricas de conservas, hoxe pechadas, en espera de ser derrubadas para construír no solar da fábrica de Alfageme edificios de doce andares.

Pasamos despois a Bouzas, onde xantamos, indo a pé ata Alcabre para visitar o Museo do Mar, instalado nunha antiga fábrica, chamando a atención o proxecto de Aldo Rossi e César Portela. A parte nova mimetiza a antiga, unidas por unha pasarela. Despois de ver o contido de todas as salas, saímos ao exterior para ver o que queda dun castro, sobre o que se levantou a antiga fábrica, o acuario e o faro, situado na Punta do Muiño. Regresamos ás 19 horas chegando a Lugo 21,30.

24 de xaneiro

Cando o Mestre Mateo se fixo cargo das obras da catedral no último terzo do século XII, este era perfectamente consciente do cúmulo de significacións que o monumento románico adquirira desde as súas orixes. A súa intervención no corpo occidental do templo, entre 1168 e 1211, buscou aumentar e amplificar parte deses contidos e metáforas, sabedor que o templo, tanto pola súa estética románica como pola súa escenificación litúrxica, quedara entón certamente obsoleto. Por iso, non dubidou, en primeiro lugar, en alterar a primitiva topografía sagrada do santuario da época de Diego Xelmírez, centrada no eixe transversal do transepto, de Norte a Sur, e crear un novo eixe lonxitudinal, de Oeste a Leste, centrado no bosque de columnas do Pórtico, o novo coro de cóengos e a estatua de Santiago presidindo o altar maior.

CICLO PATRIMONIO INDUSTRIAL

9 de abril.

A conferencia introductoria do Ciclo foi impartida polo catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC, Xan Carmona Badía que comezou a súa disertación dicindo que o Patrimonio Industrial é a cara da Galicia Industrial e que neste tipo de patrimonio non somos nin Cataluña, nin o País Vasco, pero sen embargo temos unha das cinco cidades industriais de España, pero que en protección e conservación dos elementos máis significativos somos a Cenicienta.

O interese por este tipo de Patrimonio aparece en Gran Bretaña na década 1960-1970 coa crise manufactureira, comezando a apreciarse ao igual que en Alemaña. En Galicia cambiamos esta percepción co desenvolvemento, pois é a imaxe da Galicia emprendedora.

O Patrimonio Industrial son os edificios, as máquinas, os talleres, as fábricas, as minas, lugares de procesado, etc., e dicir, o conxunto de bens mobles e inmobles, a paisaxe industrial, aspectos sociais e inmateriais, o que se coñece como "cultura industrial", o sistema agromado da I Revolución Industrial, as cancións das que, por exemplo, limpaban o peixe para as fábricas de conservas. O Patrimonio representa a identidade. Pero a Lei do Patrimonio galega só considera o anterior a 1936.

12 de marzo.

O conferenciante, que se pode considerar como o biógrafo de Antonio Fraguas Fraguas polo libro e polos artigos que lle ten dedicado, fixo un resumo da súa vida, salientando aqueles aspectos que lle pareceron máis importantes. Naceu en Insuela, parroquia de Loureiro de Cotobade. O 30 de decembro de 1905 foi bautizado na igrexa de Santiago de Loureiro do concello de Cotobade (Pontevedra). Era fillo de Teresa Fraguas Vázquez e de Manuel Fraguas Rodríguez, un canteiro, da Terra de Montes, que emigrou a Brasil pouco antes de que nacese onde estivo oito anos.

Contou que despois de recibir a instrucción primaria ata os 13 anos en varias escolas do distrito, a finais de 1918 a familia decide emigrar ao Brasil e acordan que o fillo aprenda algo máis, e que fose un mes ou dous a traballar a un taller de Vigo, pois seus pais querían que fose un bo maquinista de tren. Pero un domingo, despois de saír da misa, o mestre que estivera no colexio de Covelo explicou aos veciños que o motivo polo que as silvas saían no campanario era porque o vento transportaba as sementes. Tanto lle gustou a explicación que lle pediu aos pais que o deixasen ir tres meses á escola do mestre, de xaneiro a marzo, e os restantes ata xuño ao taller vigués. Así que con 13 anos pasou á escola de don Antonio, comezou sendo o último e os poucos días pasou ao segundo lugar. O mestre aconsellou ao pai para que o neno estudiase algo máis, facer unha carreiriña antes de ir para o Brasil, pero díxolle que no tiña medios económicos. Ao fin convenceuno para que fixese o bacharelato e despois o conmutase co maxisterio primario.

12 de febreiro.

O profesor Miguel Taín comezou dicindo que o Pórtico foi reparado en máis de cinco ocasións, a última levou nove anos e estivo a cargo da empresa Petra co control do Instituto do Patrimonio Cultural contando co mecenado da Fundación Pedro Barrié de la Maza. O tema que desenvolveu, a historicidade das policromías, como ao longo dos séculos se foron repintando as figuras, chegando a desaparecer case por completo a policromía orixinal. Falou dalgúns dos pigmentos empregados, das técnicas pictóricas utilizados, dos motivos decorativos, da documentación, das críticas que hai escritas polos peregrinos e da necesidade de contextualizar as policromías con outras semellantes, en pedra, existentes en outros monumentos similares europeos, en concreto franceses, italianos, alemáns, etc.

Falou da documentación previa para poder coñecer a historicidade das policromías. Deu unha información sobre o Pórtico, tanto no que se refire á construcción como da temática representada, baseada na visión de San Mateo o no Apocalipse de san Xoán.

15 de xaneiro

O conferenciante comezou a súa intervención dicindo que nos último 125 anos estudiouse e difundiuse a obra de Mateo, e que nas últimas décadas, a catedral de Santiago desenvolveu un proxecto cultural, centrado na recuperación da figura e da obra do Mestre Mateo, que abarcou os ámbitos da investigación, a conservación e a difusión.

En 1893 o cóengo Antonio López Ferreiro xa deu conta do delicado estado no que se atopaba o Pórtico. En 1928 fundouse o Museo da Catedral no que ingresaron pezas feitas polo Mestre Mateo. Sen dúbida, a restauración do Pórtico da Gloria, realizada, co mecenado da Fundación Barrié, entre os anos 2008 e 2018; e a exposición Mestre Mateo celebrada no Museo del Prado e en Santiago de Compostela, supuxeron dous momentos cumes neste proxecto que deron lugar, ademais da recuperación dunha obra mestra da historia da arte universal, contar con datos e estudos que permiten un mellor coñecemento de conxunto do proxecto mateano.

O día 15 de xaneiro de 2019, comezou o Ciclo dedicado ao Pórtico da Gloria. Antes da conferencia de apertura, que estivo a cargo do director conservador da catedral de Santiago, Ramón Yzquierdo Peiró, o presidente Adolfo de Abel Vilela agradeceu a presencia e a colaboración tanto do conferenciante como do presidente da Fundación Catedral de Santiago, o cóengo fabriqueiro Daniel Lorenzo Santos, e dixo que a Asociación Cultural Lugo Patrimonio, que naceu no ano 2006 para defender, promocionar e divulgar o noso patrimonio material e inmaterial, non podía deixar pasar o feito da recuperación do elemento arquitectónico e escultórico máis importante da Catedral de Santiago, da escultura europea do momento, e de significación para a peregrinación xacobea, como era o Pórtico da Gloria, recentemente restaurando.

Pola súa parte Daniel Lorenzo agradeceu a Lugo Patrimonio que organizase este Ciclo de conferencias para divulgar os múltiples valores do Pórtico, e que os socios fosen a visitar esta gran obra do Mestre Mateo.

Na mesa había a reproducción dun dos instrumentos do Pórtico elaborado no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación Provincial de Lugo, do que ao final do acto deu unha explicación Luciano Pérez.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO