7 de novembro
O arqueólogo comezou a disertación dicindo que había xa catro anos que a UNESCO integrara ao territorio das Montañas do Courel, dentro da súa Rede de Xeoparques Mundiais, aínda que os concellos que desenvolveron a proposta, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, levaban moitísimos anos xa, traballando na procura da posta en valor do seu magnifico patrimonio xeolóxico, natural e arqueolóxico, como explicou na súa conferencia Ramón Vila Anca, de tal xeito que, por exemplo, os miradoiros xeolóxicos, espazos naturais e xacementos arqueolóxicos interpretados, espállanse polos 578 Km2 recoñecidos pola UNESCO.
A esta variedade de espazos para a aprendizaxe, súmanse as rutas de sendeirismo, algunhas tamén interpretadas, e até 5 centros de interpretación, nos que atoparemos información específica sobre a xeoloxía e etnografía desta bisbarra, as súas covas, os seus espazos naturais, coa Devesa da Rogueira como referente e, por suposto, a súa arqueoloxía. Toda esta oferta de ocio e aprendizaxe, vai dirixida a un turismo de calidade, sen aglomeracións, e cun marcado interese lúdico/científico. Un turismo do coñecemento.
Afirmou despois de que si a xeoloxía é o motor deste proxecto de desenvolvemento local, o segundo factor en importancia era a arqueoloxía, e dentro desta disciplina destacaba, sen dúbida ningunha, a minaría aurífera romana.
Entrando xa no tema dixo que distribuídas polo territorio do Xeoparque había máis de 100 explotacións auríferas mineiras que estarían en produción entre os séculos I e II d.C, e que estarían relacionadas con boa parte dos máis de 60 xacementos castrexos catalogados. Esta alta densidade de xacementos mineiros, converten a este territorio nun lugar privilexiado para a aprendizaxe e o goce destas iniciais industrias extractivas, e dándonos suficientes exemplos para explicar con detalle os distintos sistemas de explotación que os romanos empregaron para a obtención do ouro, o patrón de referencia para a súa economía.
Desde o punto de vista xeolóxico, dixo que eran tres as rochas principais: as lousas, as cuarcitas e as calcarias. Nos xacementos primarios o ouro esta na rocha, nos secundarios no solo.
Dos sedimentos producidos pola meteorización dos cuarzos formábanse nos ríos os depósitos secundarios de ouro nativo que se formarían nos remansos dos meandros e que ata a chegada dos romanos facía por bateo. Iso explica a construción do túnel de Monte Furado para desviar o río Sil, para poder lavar as areas dos meandros secos, e despois os sedimentos depositados no mesmo túnel. En cada volta do río había unha mina secundaria.
Explicou como se facía a explotación sendo a auga imprescindíbel para o avance das explotacións, e por iso os romanos construíron presas, canles e piscinas de almacenamento. Hai canles de 100 Km. de lonxitude, en Quiroga hai un de 7 Km., con pendente moi suave do 0,5 por 100, que conducía a auga ata as piscinas que se atopaban na cabeza da mina.
Pasou a dicir como era o sistema secundario que empregaba a auga introducida nunha rede de túneles horizontais e verticais que se enchían de auga para producir as derrubas e beneficiar o ouro contido no material. Por tanto precisábanse tres cousas, un xacemento, man de obra que procedía dos castros da zona e auga. Con calor evaporaban o mercurio utilizado para amalgamar e quedaba só o ouro.
Nos xacementos primarios queimaban o terreo e botaban auga fría para que o seixo se fracturase, tamén coa axuda de cuñas, pancas, marras e a auga. Despois por medio duns martelos mecánicos movidos pola auga machucaban os fragmentos para facer fariña de cuarzo e obter o ouro.
Como curiosidade dixo que o 80 por cento das aldeas do Courel están sobre unha mina por ser terreo chairo e que se calcula que se extraerían uns 6.500 Kg. ao ano, que por uns 450 anos que duraría a explotación suporía unha produción de 2.925 toneladas de ouro.