19 de novembro
Despois das conferencias impartidas por Ramón Vila Anca, que falou dos Museos de Quiroga, e a de Iván Álvarez Merayo, que tratou o tema “A minería aurífera romana na comarca do Courel”, visitamos os centros de interpretación do Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel, situados en Quiroga e San Clodio.
Comezamos a visita guiada no Museo Xeolóxico Municipal de Quiroga seguindo as explicacións de Ramón Vila, comezando coa formación xeolóxica de Galicia, especialmente co sinclinal de Campodola – Leixazós, na Serra do Courel e as rochas que se atopan no xeoparque, ígneas, metamórficas e sedimentarias, das que se mostran unha interesante colección así como dos minerais máis representativos e escasos que foron explotados desde a chegada dos romanos á zona. Seguimos na sala onde se fala da historia paleontolóxica de Galicia, con mostras do rexistro fósil do Xeoparque, composto pola fauna Paleozoica e a do Cuaternario. Os cambios climáticos e os glaciares explícanse noutra das salas, coa exhibición dun penedo errático arrastrado pola lingua dun glaciar, a estalagmita da Cova da Arcoia que comezou a formarse hai 550.000 anos. As primeiras ocupación humanas do territorio explícanse cunha reprodución de Elba, a pastora coxa que andaba polas montañas do Courel hai 9.500 anos, rematando nunha sala dedicada á minería antiga e recente.
Pasamos despois a visitar o Museo Etnográfico Municipal que se centra nos instrumentos utilizados en catro das producións agrícolas, o mel, a castaña, o viño e a elaboración do aceite. Ten tamén unha escola, un taller de ferreiro, carpinteiro, industria do tecido cun tear que funciona, o dormitorio, unha imprenta, maquetas das vivendas típicas da zona que foron os decorados da película de animación O Apóstolo, e un dos primeiros coches que circulou pola comarca.
Pola tarde trasladámonos a San Clodio para ver o Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana, sendo acompañados por Roberto Castro nas explicacións e rematando cunha visita a igrexa e conxunto da antiga abadía, da que se conserva a portada de 1604 e a ábsida e porta románica, feita cun conglomerado característico da zona, a chamada pedra cabaleira, de color avermellado, e adornos labrados en pedra caliza conformando unha combinación moi estética.