O Xeoparque Montañas do Courel engloba os concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga, no sur da provincia de Lugo, e constitúe un dos grandes valores naturais e culturais de Galicia (NW de España). Nos seus 578 Km2 de extensión, este territorio con baixa poboación comprende dende o val do río Sil no sur, onde se asentan as poboacións máis grandes, ata as Montañas do Courel no norte, onde se esconden máis de 50 suxestivas aldeas tradicionais.
As Montañas do Courel atesouran un rico e variado Patrimonio Xeolóxico estreitamente relacionado co aproveitamento das rochas de construción, minerais industriais e outros recursos xeolóxicos, xa dende a Prehistoria. Este Patrimonio Xeolóxico é de marcado carácter tectónico e xeomorfolóxico, no que sobresae a nivel internacional o Global Geosite denominado “Dobras deitadas das Montañas do Courel”. Tamén se detivo en falar da Pedra Cabaleira, unha rocha sedimentaria formada por conglomerados a uns 200 metros sobre o nivel do río Sil que aínda está por datar, utilizada en construcción polas súas característas de cor e doada labra poñendo algúns exemplos, sendo o máis destacado a igrexa de San Migel de Montefurado.
Vila Anca rematous a conferencia falando do Museo Xeolóxico de Quiroga (MUXEQ), un dos piares do Xeoparque Montañas do Courel que forma parte da súa rede de centros de interpretación. É unha visita necesaria para coñecer o rico e variado Patrimonio Xeolóxico das Montañas do Courel; inclúe os contidos xeolóxicos máis representativos da contorna ordeados do máis antigo ao máis moderno, en cinco salas temáticas: a formación do territorio as súas rochas e os seus minerais, o rexistro fósil, os cambios climáticos do Cuaternario, as primeiras ocupacións humanas e a minería antiga e recente.
Outro dos centros de interpretación do Xeoparque é o Museo Etnográfico de Quiroga (MEQ). Os contidos están relacionados, por unha banda, con catro produtos típicos do Xeoparque: o viño, a castaña, o mel e o aceite; por outra, con catro materiais esenciais para o desenvolvemento da vida na contorna: a pedra, o ferro, a madeira e os tecidos. Tamén teñen o seu espazo o agro e a gandeiría, a estancia principal da casa (a lareira), e a estrañable escola unitaria das nosas aldeas. Todas as pezas desta extensa colección, reucperadas dende o ano 2006, proceden do Xeoparque Montañas do Courel, en moitos casos grazas a doazóns dos propios veciños.