Mércores, 07 Setembro 2011 08:41

Xesús Pablo González Vázquez

CURRICULO RESUMIDO:   Xesús Pablo González Vázquez


FORMACIÓN:
• Enxeñeiro Técnico en Industrias Agrarias e Alimentarias
• Enxeñeiro Agrónomo
• Doutor en Enxeñería pola Universidade de Santiago de Compostela.


ACTIVIDADE PROFESIONAL:
• Profesor da Universidade de Santiago dende o ano 1997 e ata a actualidade, no
Departamento de Enxeñería Agroforestal.
• Profesor numerario de Formación Profesional na especialidade “Procesos na
Industria Alimentaria”, impartindo docencia no ciclo formativo de grao superior de
“Industrias Alimentarias”, no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, onde foi Vicediretor e
actualmente Xefe de Estudos.


EXPERIENCIA:
• Estancia nos Estados Unidos e no Brasil, en diferentes industrias panificadoras,
entre os anos 2003 e 2005.
• Organización de diversos eventos científico-técnicos
• Participación como ponente en congresos de relevancia nacional e internacional
• Ponente de cursos de especialización e cursos de postgrado
• Investigador en diferentes proxectos de I+D financiados con fondos púlbicos
• Autor de máis de 10 libros e monografías técnicas
• Autor de varios artigos en revistas nacionais e internacionais


OUTROS MÉRITOS:
• Obtención do PRIMEIRO PREMIO San Isidro Labrador outorgado polos Colexios
Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Coruña, Ourense e
Pontevedra, pola redacción dun proxecto dunha Industria Panificadora.

Xoves, 26 Mai 2011 09:14

Manuel Caamaño Suárez

Manuel Caamaño Suárez. Noia (A Coruña), 1936

Aparellador e Arquitecto Técnico pola Universitat Politécnica de Catalunya, traballou na empresa construtora ata a xubilación no ano 1999, simultaneando ese labor co de profesor na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica de A Coruña (curso 1975-76 ata o 1999-2000).

Fixo a descoberta de Galicia en Barcelona e desde aquela participará en numerosas tarefas asociativas. Foi Vicesecretario do Centro Galego de Barcelona (1958-1961), e no 1960 promoveu a fundación do grupo cultural galeguista Mocedade Galega de Barcelona. Retornado a Galicia para residir en A Coruña, entre outros cometidos, foi presidente de O Facho (1966-1979), conselleiro de Galaxia (1972-1980), e membro fundador de ADEGA (1976), da Sociedade Cultural Escola Aberta (1978), da Fundación Castelao (1983), e das publicacións Vagalume (1975), Teima (1976) e Tempos Novos (1997).

Polos anos 80 colaborou en “La Voz de Galicia”, e ten participado como conferenciante e xurado de varios premios, así como de profesor en seminarios, cursos de verán e másters tratando o tema das construcións populares. Froito da súa experiencia profesional, docente e asociativa, son varios os traballos seus que viron a luz en publicacións colectivas e en varios libros da súa autoría, entre os que salienta As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia, publicado no 2003 polo Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, cunha nova edición –a cuarta e a primeira en castelán- en 2006, por Hércules de Ediciones, obra que mereceu os premios de investigación XIX Premio Antón Losada Diéguez e Premio da Crítica Galicia (XXVII edición) ambos no 2003.

Entre outros galardóns, no 2008 a Irmandade Moncho Valcarce concedeulle o seu premio “Pola promoción da Terra”. Na actualidade é patrono do Padroado do Museo do Pobo Galego e vogal da súa Xunta Reitora, académico correspondente da Real Academia Galega, preside a Fundación do Pedrón de Ouro e é conselleiro do Consello Social da Universidade da Coruña.

 

Venres, 27 Mai 2011 08:59

Xavier Castro Pérez


XAVIER CASTRO PÉREZ, natural de Cangas (Pontevedra) é escritor e Catedrático
de Escola Universitaria de Historia Contemporánea na Universidade de
Santiago, desempeñando o seu labor na Facultade de Xeografía e Historia.
Tamén desenvolveu tarefas de docencia e investigación na Université de
Rennes e na École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux (París. Impartiu
tamén cursos sobre a cultura do viño. Foi director de varios proxectos de
investigación  e promoveu en Ourense as Xornadas de Historia de Galicia (12
publicacións). Foi subdirector da revista Grial e  comisario da Exposición
do Cincuentenario da Editorial Galaxia. Forma parte da rede de
investigadores europeos especializados en historia da alimentación (Institut
Europeen D?Histoire de L?Alimentation) e tense desempeñado como asesor
histórico en varios proxectos audiovisuais (As leis de Celavella, A casa de
1906). Estas son as súas principais publicacións:
O Galeguismo na encrucillada republicana, A lume manso (Galaxia, 1998),
Castelao e os galeguistas do interior (Galaxia, 2000). Ayunos y
yantares: Usos y costumbres en la historia de la alimentación (Nivola,
2001) (Premio Nacional de Gastronomía). A la sombra ejemplar de los
parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares
(NigraTrea, 2006). Historia da vida cotiá en Galicia (Séculos XIX-XX)
(NigraTrea, 2007) (Premio de Investigación Ferro Couselo). A rosa do viño.
Cultura do viño en Galicia (Galaxia, 2010) (Premio Deza Investigación,
concedido polos concellos da Comarca do Deza (Pontevedra). (Premio Gourmand
World Awards 2010). A mesa e manteis.
Historia da alimentación en Galicia, Editorial Biblos (Colección Mandaio), A
Coruña, 2010 (Premio Gourmand World Awards 2010; Premio Nacional de
Gastronomía ?Álvaro Cunqueiro?, ano 2011). Yantares gallegos. Historia de la
dieta atlántica, Universidad de Santiago / Fundación Dieta Atlántica,
Santiago, 2010.

Xoves, 19 Mai 2011 11:54

Francisco Xabier Limia Gardón

Francisco Xabier Limia Gardón (Cea, San Cristovo de Cea-Ourense, 1955).

Profesor doutor especializado en Historia da Arte pola U.S.C., imparte clases de Ensino
Medio no colexio Marista “Santa María”, sendo profesore-titor da UNED en Ourense,
onde alecciona dende as materias de arte e historia, e de Historia da Arte e Turismo,
repectivamente.

Conferenciante, e escritor, sendo os seus temas preferentes os das épocas do
Renacemento, Barroco e do noso tempo. A súas teses de licenciatura e doutoramento
trataron do mundo do Cister Ourensá, en concreto do mosteiro de Oseira; e cómo
especialista neste campo ten escrito estudios tanto aquela cada monástica como
de outras, caso de Xunqueira de Espadañedo (na Gran Enciclopedia Gallega), de
Montederramo, ou de A Franqueira (no “Monásticum” galego).

Os seus libros sobre San Famiano (1993, co monxe Fr. Mª Damián Yánez),
Vilanova dos Infantes (2001, co profesor da universidade Dr. Fidalgo Santamariña),
o dos muiños en Pereiro de Aguiar, o da Comarca de o Ribeiro (1992) , e o dedicado
ó mestre “Antonio Faílde, el escultor que escuchó la música de las piedras” (2001);
participando en outros como o de Santa Clara de Allariz (1990), o da Catedral de
Ourense (1997, dirixido polo Dr. García Iglesias), “Cien años de historia con Ourense”
(2001), entre outros nos que ten intervido, falan do abano de interese da súa faceta
investigadora e divulgativa do noso patrimonio artístico.

Ten colaborado asimesmo na elaboración dos catálogos de importantes
exposicións como “Galicia no tempo” (1991), “Galicia terra única” (1997) e as dos
Anos Santos Compostelás, de 1993, 1999, participando este ano 2004 na elaboración
dos da “Ribeira Sacra” e a dos “Relicarios”.

A súa preocupación pola creación artística teno levado ata o voraz mundo da
prensa escrita onde ten plasmado en innumerables artigos a emoción dos obradoiros
onde a inspiración xurde, sendo algún dos seus estudios os dos pintores Julio Tizón
(1992-1993) e Manuel Vidal (2003)

A relación con Cea do Profesor Limia Gardón ven dende antes de nacer, a
través da súa familia materna, que vive na vila dende as primeiras décadas do século
vinte. Cómo investigador de arte, e historia, tense adicado preferentemente a análisis
do patrimonio artístico, principalmente da grande Abadía de Oseira, intervindo nos
congresos do monacato e do Císter celebrados nos últimos lustros. Neste campo son
innumerables as investigacións publicadas. Outras das súas publicacións teñen sido
sobre a propia vila e do santuario de Santa María de Covas.

No simposio internacional “Xaquin Lorenzo” (no ano 1994) presentóu unha
ponencia sobre a tecnoloxía tradicional e transformación a través do exemplo dos fornos
de pan de Cea. A súa investigación histórica foi parte decisiva para acadar recentemente
da U.E., en Bruxelas, o “indicativo xeográfico protexido para o pan” de Cea, co que
empeza unha nova época no campo das denominacións de orixe alimentarias en Galicia.

Xoves, 10 Xuño 2010 15:56

Margarita Sánchez Simón

Naceu en Valladolid en 1967. É licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Valladolid nas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga e Doutora pola mesma universidade. As súas investigacións centráronse en temas de arqueoloxía clásica relacionados cos xacementos de Uxama Argaela (Burgo de Osma, Soria), vila de Prado (Valladolid) e a vila romana de Almenara-Puras (Almenara de Adaja-Puras, Valladolid) nos que codirixiu diversas intervencións arqueolóxicas ao longo dos últimos anos. Froito desas investigacións son as publicacións dun libro e diversos artigos en revistas tan prestixiosas como o Archivo Español de Arqueología.

Ademais da súa faceta como investigadora desenvolveu unha intensa actividade profesional na xestión de proxectos sobre o patrimonio cultural da comunidade de Castilla y León no marco das iniciativas comunitarias Interreg III-A e POCTEP para a Junta de Castilla y León e a Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León.

Tamén traballou como técnico arqueólogo dos servizos territoriais de Cultura de Burgos e Valladolid, así como para a propia Junta de Castilla y León na elaboración do Registro de Lugares Arqueológicos. Desde 2003 traballa como arqueóloga para a Deputación Provincial de Valladolid no Museo de las Villas Romanas de Almenara-Puras.

Luns, 07 Xuño 2010 09:20

Enrique González Fernández

(A Rúa, Ourense, 1961), licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela (1984). Actualmente traballa na tese doutoral, que trata sobre “O urbanismo da cidade de Lucus Augusti”, e no Servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo.

Dende o ano 1982, participa e colabora en numerosas escavacións en Galicia e Norte de Portugal (Castro de Baroña, Castro de Saceda, Castro de Lebosandaos, campamento romano de Aquis Querquennis, cidade romana de Aquae Flaviae – Chaves -, Braga, etc. ), e prospeccións arqueolóxicas nas provincias de Ourense e Lugo.

Comeza a traballar na cidade de Lugo no ano 1986,  co equipo que fai as escavacións dos aparcadoiros subterráneos, baixo a dirección do profesor Antonio Rodríguez Colmenero, Dende aquela, colaborou e dirixiu  varias escavacións tanto na cidade como na muralla.

Colaborador en diferentes publicacións, cursos, simposios e congresos, a súa liña de investigación está centranda na cidade de Lucus Augusti, tocando aspectos como a cerámica e o urbanismo.

Tamén colabora e coordina algunhas das montaxes expositivas sobre o Lugo Romano como: “Lugo, Escavacións arqueolóxicas na cidade” (Lugo, 1987), “Lucus Augusti, urbs romana” (Lugo, 1996) e “Imago Antiqua. Lugo romano” (Lugo, 2000).

É membro do Consello de Redacción e Secretario da revista Larouco, editada polo Grupo Arqueolóxico Larouco.

Mércores, 26 Mai 2010 15:06

Antonio Rodríguez Colmenero

ANTONIO RODRÍGUEZ COLMENERO Naceu o 1 de setembro de 1936 en Lucenza (Ourense). Estudou a carreira eclesiástica no Seminario de Ourense e na Universidade Pontificia de Salamanca. Máis tarde a de Filosofía e Letras na Universidade de Valladolid, doutourándose en Historia en 1975. Foi profesor nas Universidades de Valladolid, Alicante e Oviedo, catedrático na de Deusto e na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Na actualidade é profesor emérito.

Fixo escavacións arqueolóxicas en Chaves, no campamento romano Aquis Querquernis (Bande) e noutros xacementos. O seu labor máis importante desenvolveuna a partir de 1986 en Lugo, onde veu co seu equipo para facerse cargo das escavacións arqueolóxicas dos aparcadoiros subterráneos, fincándose na cidade.

É autor dunha vintena de monografías, de máis de cen artigos publicados en revistas científicas e dunha ducia de proxectos de investigación, director do Grupo Arqueolóxico "Larouco" e da revista do mesmo nome.

É membro de varias asociacións nacionais e estranxeiras. É académico correspondente da Real Academia da Historia e numerario da Real Academia Galega de Belas Artes da nosa Señora do Rosario.

Venres, 07 Mai 2010 15:45

Valentín Carrera

Valentín CarreraPonferrada, 1958.
Realizador e productor audiovisual. Xornalista e escritor.


Valentín Carrera, berciano afincado en Galiza, é xornalista e productor audiovisual, con máis de trinta anos de experiencia profesional en televisión, prensa, radio e Internet.
Desde 1988 Valentín Carrera dirixe a produtora IBISAtv, unha empresa comprometida coa realidade, pioneira na coprodución audiovisual con Marrocos e líder galega en coprodución internacional.


En 2006, Carrera dirixiu Linatakalam, sobre o diálogo no Mediterráneo, primeira serie mundial patrocinada pola Alianza de Civilizacións, rodada en Exipto, Turquía, Italia, Túnez, España e Marrocos.


Como escritor, con máis dunha decena de libros publicados, Valentín Carrera recibiu destacados premios literarios e periodísticos: Premio Blanco Amor de Novela, Premio Galicia de Comunicación, Premio Francisco de Cossío, entre outros.


Viaxeiro infatigábel, visitou un centenar de países nos cinco continentes, desde Xapón á Antártida. O seu último periplo, Viaje interior por la provincia del Bierzo, foi presentado internacionalmente no Instituto Cervantes de Londres.


Como produtor independente, foi Presidente dos produtores de Galiza e Castela e León (AGAPI e ACALPA) e fundador de Spain Film Commission. Actualmente dirixe a Bierzo Film Commission e é membro do Comité Executivo da Confederación de Empresarios de Galicia.

Xoves, 01 Abril 2010 11:29

Francisco Rodríguez Sánchez

 

Nado en Ferrol (22-XI-1945), Licenciado e Doutor en Filoloxía Románica, coa primeira tese que se apresentou nunha Universidade Galega sobre Rosalía (1988). Catedrático xubilado de Instituto. Son esenciais os seus contributos analíticos e críticos sobre figuras chave da literatura galega como Manuel Curros Enríquez (A evolución ideolóxica de Manuel Curros Enríquez), Blanco Amor (Blanco Amor, o desacougo da nación negada) ou Rosalía de Castro (Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro), entre outros moitos. Asemade o seus libro Conflito lingüístico e ideoloxía expresou e fundamentou, en grande parte, os criterios sobre os que o nacionalismo galego asumiu o combate a prol da normalización da nosa lingua, o galego. 

 

Martes, 16 Marzo 2010 12:22

Ángel Concheiro Coello

Ángel Concheiro Coello é licenciado na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Na súa longa traxectoria profesional desenvolvéu máis de 150 intervencións arqueolóxicas por toda Galicia. Ten publicado numerosos artigos en revistas científicas sobre distintos aspectos da Idade do Ferro e o mundo dos gravados rupestres da Idade do Bronce, os seus dous principais campos de actuación, e unha monografía específica (Castro do Achadizo: cultura material, economía e subsistencia na Idade do Ferro). No ámbito do castrexo dirixíu proxectos de escavación e conservación nalgúns dos xacementos máis senlleiros de Galicia: Castro do Achadizo (Boiro), Castros Pequeno e Grande do Neixón (Boiro), Castro de Baroña (Porto do Son), Castro das Barreiras (Vimianzo) e asentamento aberto de Valdamio (Os Riós). Foi durante varios anos arqueólogo da Deputación provincial da Coruña e actualmente é director técnico da empresa Arquestudio S.L.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO