Xoves, 13 Xuño 2019 18:15

Conferencia de Manuel Lara Coira, profesor da Universidade de A Coruña e presidente da Asociación Galega do Patrimonio Industrial (Buxa), sobre a “Historia industrial da ría de Ferrol”.

11 de xuño

Despois da presentación que fixo do conferenciante o profesor e socio Emilio Valadé del Río, Manuel Lara comezou a súa disertación dicindo que a industria non formou parte da Historia, e cando o fixo foi nun aspecto negativo, como a contaminación, o ruído, malas condicións laborais, etc. Nos seus mellores momentos as actividades industriais en Ferrol ocupaban a unhas 12.000 persoas, e por iso forman parte da historia, pois estes colectivos tiñan as súas actividades sociais e culturais. A industria en Ferrol iniciouse no século XV con pequenas actividades artesanais, protoindustriais, como era a salga. Fernando de Andrade o Bo, favoreceu a actividade comercial dos venecianos que ían de paso a levar mercancías a Flandes e á volta arribaban ao porto de Ferrol e collían os excedentes da sardiña. Os xenoveses utilizaban o porto da Coruña.

Dixo que as armadas recalaban no Ferrol para facer a invernada antes de iniciar as expedicións o que deu lugar a que se construísen os chamados fornos de provisión para facer galletas e biscoitos para o consumo das tripulacións. Era tal a demanda que foi necesario construír as aceas do Belelle e os muíños do Freixeiro, comezando tamén o comercio do cereal.

Na primeira metade do século XVIII arredor da actividade manufactureira hai outras industrias como os curtidoiros, tecidos e ferrería, que non están concentradas senón dispersas polo medio rural. Hai tamén zonas que se dedican á olería que se establecían onde había o barro, aparecendo tamén os gremios.

Afirmou que José Patiño elixiu o arsenal da Graña para reparar os barcos. O Marqués de la Ensenada establece os grandes estaleiros reais na base do monte Besteiro, o que da lugar a un aumento moi considerable da poboación, pois en 1787 había 25.000 habitantes cando en 1752 os habitantes de Ferrol era 327 veciños, uns 1.300 habitantes. Estes habitantes demanda productos alimenticios o que da lugar a que aparezan outras industrias, principalmente os muíños fariñeiros, fábricas de fariña, almacéns de salga e fábricas de curtidos.

Unha das notas curiosas aportadas polo conferenciante foi que na construción os primeiros ladrillos que se empregan para mellorar as defensas veñen de Málaga porque os que había aquí eran peores. Para rebaixar os custos e aforrar á Facenda Real deciden instalar unha fábrica para iso buscan a arxila no val do Castro, a ambos lados da ría, na zona de Salcido. Os franceses traían os trigos de Filadelfia e de San Petersburgo e para convertelos en fariña fixeron muíños de marea de río. O sobrante exportábano a Cuba. Tamén había muíños de vento.

A fins do século XVIII había unha concentración do liño aparecendo as primeiras empresas de curtidos. En 1760 os levantinos e especialmente os cataláns traen novos métodos de pesca e de preparación do peixe máis eficientes. Eles evisceraban pero non lle sacaban a cabeza á sardiña, prensaban e extraían a graxa que vendían collendo antes o sal. Os pescadores de aquí quitábanlla e tardaban máis en salgar.

Un novo paso na industrialización do Ferrol ten lugar a partir de 1794 ano en que os franceses destrúen as fábricas de munición de Eugui (Navarra), Orbaiceta (Guipuzcoa) e La Muga (Gerona). Entón Antonio Raimundo Ibáñez fundador das Reales Fábricas de Sargadelos, produce a munición para o Exército.

En 1796 instálase nos estaleiros a primeira máquina de vapor Newcome para achicar a auga, operación que antes se facía a man. Prodúcese unha crise a principios do século XIX, o que afecta a man de obra, pois se en 1752 había 6.384 traballadores en 1800 só eran 600. Para remediar esta situación e modernizar os barcos en 1805 instálase unha fábrica de pranchas, portóns e cravos de cobre en Xubia, chegando tamén a cuñar moeda.

Continuando o percorrido pola industrialización do Ferrol, abordou o que ocorreu no século XIX. Lara dixo que en 1810 aparece o primeiro estaleiro privado, o da Cabana de Juan Antonio Cardemil. En 1843 os irmáns Veiga poñen no Roxal unha fábrica de algodón para subministrar á Armada con métodos mecánicos traídos de Francia. En 1844 recupérase o Arsenal da crise provocada polos efectos das guerras napoleónicas, dedicándose á fundición de canóns e de áncoras, o que da lugar a que aumente de novo a `poboación. Instálase no Seixo unha fábrica de tecidos e tres fábricas de papel, as da Mourela, O Carballal e a Gandarela, no río Belle.

En 1858 faise nos arsenais a primeira máquina de vapor mariña de España, e en 1850 créase a Escuela de Maquinistas de la Armada que pasará a Cádiz en 1887 ao se crear a Escuela de Ampliación en San Fernando. En 1874 aparece a empresa de electricidade Galicia Industrial de Barcón y Cia.. En 1881 modernízanse os arsenais cun dique seco e unha grande grúa La Machina. Neste mesmo ano fundase a Escuela de Artes y Oficios que foi a primeira de Galicia y a segunda de España, xa que a primeira foi a de Bilbao. En 1883 instálase a fábrica de gas, e no 1884 a central termoeléctrica e a refinería La Gallega. En 1892 instalase o alumado eléctrico coa empresa Galicia Industrial e en 1895 aparece a Eléctrica Popular Ferrolana e en 1898 comeza a explotación das minas da Baqueira.

No século XX chegou a ta 1936, que é o ano que a lei de Patrimonio pon como linde para considerar un elemento como Patrimonio Industrial. En 1900 constrúese o primeiro salto para a producción de electricidade, o da Fervenza, instalación promovida pola Soceidad Gallega de Electricidad. No ano 1903 o almacén da Barruza e en 1912 comeza a explotación da minade Cobas.

Debido á deficiente organización dos arsenais pasan a mans privadas e modernízanse. Ao mesmo tempo mantense a pesca de subsistencia completando a actividade con pequenas industrias conserveiras. En 1913 chega o tren desde Betanzos e en 1915 crease a Escuela Obrera que se vai a encargar da formación do persoal dos arsenais prescindíndose dos técnicos británicos e franceses. Funciona o transporte interior na ría. Para aproveitar a producción de electricidade en 1922 comeza a funcionar a empresa Tranvías de Ferrol, e en 1927 aparece outra nova productora Eléctrica del Seijo, construíndose novas centrais eléctricas. En 1930 comeza a funcionar a telleira Arzúa, e en 1932 os Laboratorios Beceiro e unha fábrica de lapis, La Hispania, fundada por iniciativa de Alberto Fernández Martín, un representante de material de escritorio. Rematou Lara dicindo que da asombrosa cantidade de instalacións industriais que houbo en Ferrol e a comarca case non queda nada.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO