O próximo venres, día 4, comeza a última parte do obradoiro "COÑECER O BARROCO" con dúas interesantes conferencias:
- A festa Barroca, conferencia do historiador Adolfo de Abel Vilela, ás 19:00 h.
-Escultura e Pintura do Barroco galego, conferencia do Restaurador César Carnero, ás 20:00h.
O sábado, día 5, visitaremos a catedral de Lugo e outros lugares da cidade.
O domingo finalizará o obradoiro cunha viaxe a Monforte e Samos, onde se realizará a clausura do Obradoiro cun concerto sobre o Contorno da Música Barroca polo grupo Solo Voces.
A Asociación Veciñal de Salcedo, despois da proposta que se lle fixo ao Museo Internacional do Entroido e da Máscara de Binche (Bélxica), foi invitada a viaxar até o Museo para facer entrega do disfrace do Oso de Salcedo e así formar parte das súas colecións e exposicións de maneira permanente.
A viaxe realizámola, en representación da Asociación Veciñal de Salcedo, o Presidente da mesma (Felipe Castro) e o Concelleiro de Cultura do concello da Pobra do Brollón (Javier González) partindo, acompañados do disfrace do Oso de salcedo, o 26 de febrero de 2008 e regresando o sábado 1 de marzo, pasando a relacionar o calendario de actividades desenvolvido en Binche:
Grazas á nosa visita, tivemos a oportunidade de comprobar a verdadeira dimensión deste museo, comprobando que é o museo máis importante do mundo con respecto a esta temática, reunindo máis de 30.000 pezas, unha superficie de exposición permanente que supera os 300 m2, onde traballan 25 persoas e para o cal está prevista unha ampliación importante por falla de espazo.
Dicir por último que este museo, xunto coas súas colecións, está declarado Patrimonio da Humanidade e que, polo tanto, o noso Oso tamén forma parte dese patrimonio, cousa que para nós é un grandísimo orgullo porque, xunto con él, está representado o pobo de Salcedo e as súas xentes.
LugoPatrimonio desprazou 2 autobuses a Compostela o sábado día sete. 83 persoas participaron durante todo o día nesta fermosas viaxe que ilustrou con exemplos prácticos o explicado nos días anteriores polos conferenciantes. Guías de honor foron, ademais de Xosé Anxo Carreira (barroco da Catedral e de outros edificios), o arqueólogo e profesor Xaime Delgado, que ilustrou co seu maxisterio as partes románicas da catedral, e o restaurador César Carnero que o fixo co impresionante barroco do mosteiro de San Martiño Pinario.
Para ver as fotos visita o caderno de viaxes.
Antón Bao, Vicepresidente da Deputación, e Ramón Cortés, delegado de Innovación e Industria en representación do Xacobeo, interviñeron na apertura do Obradoiro, o día 6 de marzo do 2008, xunto co Presidente de LugoPatrimonio (Lois Diéguez) e mais o Vicepresidente (Adofo de Abel) e a secretaria (Tareixa Cabello). LugoPatrimonio ofreceulles a ambas as dúas institucións o agradecemento polo seu patrocinio. De non ser por el, estas xornadas non se terían realizado co esplendor que indubidabelmente mantiveron.
Despois da apertura do Obradoiro, o historiador Carlos Velasco que foi presentado polo noso Presidente, falou, apoiándose en diversas fotos proxectadas nunha grande pantalla, de como se compoñían as relacións sociais nos s. XVII e XVIII e por que razóns se deu o momento axeitado para que os grandes arquitectos galegos lograsen elevar o estilo barroco galego a níveis internacionais. “Nobres, fidalguía e clero investiron o esforzo do traballo dos nosos labregos principalmente, nos edificios, igrexas e pazos que hoxe podemos admirar”, dixo.
No segundo día, 7 de marzo, despois da presentación que sobre el fixo o noso Vicepresidente, o arquitecto Xosé Anxo Carreira falou amplamente das características que distinguen a este estilo artístico, parándose nas propias criadas na Galiza. Centrou as súas proxeccións en diversos edificios de Santiago de Compostela, principalmente na Catedral e no mosteiro de San Martiño Pinario. A conferencia, foi seguida, como o día anterior, por máis de 150 persoas que previamente se matricularan neste Obradoiro.
Hoxe, no salón de actos da Deputación, comeza o obradoiro "COÑECER O BARROCO". A partir das 6 da tarde farase entrega do material do obradoiro ás persoas inscritas. Ás oito menos cuarto presentarase o obradoiro xunto aos representantes dos organismos colaboradores e ás oito comezara o obradoiro coa conferencia A galiza dos s. XVII- XVIII, polo historiador Carlos Velasco.
O pasado venres, as Asociacións AS FACHAS, de Castelo, e máis LugoPatrimonio, entregaron no rexistro da Xunta para as Consellarías de Cultura-Dirección Xeral do Patrimonio e Consellaría de Industria-Dirección Xeral de Turismo, a documentación cuxo fin é que o rito festivo das FACHAS que se celebra todos os 7 de setembro, entre na catalogación de BIC e Festa de I.T. Foi un longo traballo de recompilación de datos e historia, no que, definitivamente se recolleron artigos dos profesores D. Xaime Delgado Gómez e D. X.M. González Reboredo, que estudan e interpretan en profundidade todo o relacionado coa festa. Recollíanse, ademais, outros artigos aparecidos na prensa, datos da evolución das Fachas, e a declaración do Concello de Taboada uníndose ao traballo das dúas Asociacións. Agardamos, pois, desas Consellarías, que sexan sensíbeis e fagan xustiza a unha petición con grande eco popular e que define un xeito de vivir e gozar con características nacionais galegas.
Domingo, 3 de febreiro: Santiago de Arriba (Chantada). Entroido ribeirao. Volantes, peliqueiros, mecos… e as enxeñosas e festivas representacións dos oficios.
Un colorido que queda gravado fondamente, e o milagre deses sabios e fermosísimos adornos dos Volantes como a obra mestra e popular que sempre desexamos tocar.
A choiva e o frío non apagaron tanta luz nen tanta comunicación. Un nome a propoñer como representación do pobo ribeirao do Miño: Xoán Carlos González. Teremos que axudalos.
Luns, 4 de febreiro: o Oso de Salcedo como representación magna do Entroido montañés. O tempo fíxonos burla en grises e ouros pequeniños. Vimos as terras da montaña salcediá, e o contexto xeográfico do Oso. Alvarizas, sequeiros, o río Lor...
Comemos o cocido. E despois corremos diante dos Criados que sempre nos pillaban para que o Oso (graciosa, aguda e maxestosa representación dun grande actor feito no natural) tinguira de negro os nosos corpos.
O gozo levado ao recoñecemento do que somos e representamos. Outro nome como representación dun bo traballo colectivo: Felipe Castro. Canto lles teremos que agradecer.
Culturas vivas, de raíz, NOSAS. Enxeño da comunicación negada por outros Entroidos urbanos que matan a personalidade e momifican, globalizan, o que nos representa e divirte. OU NOS SALVAMOS CON ELAS OU MORREREMOS IRREMISIBELMENTE. O control e artificio da TV non pode matarnos. As institucións nosas teñen un urxente e grande traballo. Que reaxan dunha vez.
Febreiro 2008
A festa do Nadal, na cultura cristián celébrase para conmemora-lo nacemento de Xesús. San Lucas que é o que dá máis detalles do acontecemento non o sitúa en data concreta. Os primeiros cristiáns só celebraban o bautizo de Cristo segundo as informacións de San Marcos e San Xoan o día 6 de Xaneiro (Epifanía) relacionada coa purificación dos ríos. Esta data ó longo dos anos foi deslocada ou asimilada pola celebración da adoración dos Reis.
Foi a partires do século IV cando se comezou a festexar o nacemento dunha forma solemne, escollendo a igrexa un dia repleto de significacións pagás, quizais para aproveita-lo fervor popular no solsticio de inverno, momento en que o sol eleva o seu curso e en que os dias comezan a medrar.
A tradición pagá latina creía que o solsticio invernal se realizaba o día 25 de Decembro e por iso conmemoraban o "Dies Natalis". Tanto a data como o nome quedaron fixos para sempre no ciclo festivo dos cristiáns derivando no idioma galego como a festa do Nadal.
San Mateo sempre atento a confirma- las vellas profecías, (MAT) II, 1 -12, non di nada de reis, nin o número nin a procedencia. Na referencia evanxélica da adoración dos magos destacan tres noticias:
A visita ó tetrarca Herodes, a adoración do neno e o sono que indica que volten por outro camiño cara ó seu país. Todo o demais engadiuse máis tarde, unhas veces lenta e laboriosamente e outras como aportacións populares que co tempo ficaron na tradición.
Nos primeiros séculos, os magos mantiveron, a consideración de astrólogos que facían as súas predicións baseándose na observación das estrelas. Oríxenes, no século IV, fixou a cantidade dos magos en tres pois, ata entón, non se precisara o seu número falándose unhas veces de dous e outras veces, de catro astrólogos.
Os nomes propios - Bithisarea, Melichior e Gathaspa- son nomeados por primeira vez, no Liber Pontificalis de Rávena, o ano 845. Xa logo, nos textos atribuidos a Beda, recóllense estes nomes e precísanse as idades. Así mesmo desvélase nesas datas a simboloxía dos presentes que Ile fan ó neno: Ouro, símbolo da realeza; incenso, símbolo da divinidade e mirra, resina vermella, aromática que se usaba como perfume e para unxi-los mortos polo que quer dicir que o filio do home tiña que morrer.
Xa moi entrado o século XIV, debido a vocación ecuménica dos predicadores, aparece na iconografía a figura do "rei" Baltasar como de raza negra, polo que se retomaba o calificativo de "fuscus" - pel morena - atribuido a Beda e que simbolizaba a descendencia de Noé - Sem, Cam e Iafet -. "Con eles repoboouse a terra toda" e representaba as tres razas coñecidas.
Muller con pita
"...Non vai cara o portal de Belén senon á casa do médico..."
Do libro: BELÉN DE OURENSE, obra de Arturo Baltar
(O nacemento de Ourense. S. I d.C.)
As Burgas
Da época sueva á medieval.S. VI
Igrexa de Sta.María Nai.
O centro de poder na época medieval.S. XI
O antigo Pazo Episcopal
A praza do Campo, hoxe praza Maior.
O auxe de Ourense na época medieval S. XII: A catedral.
—A catedral como fortaleza: porta sur.
—Testemuño das loitas urbanas: porta norte e capela de san Xoán.
—A prazas como mercados: praza do Peixe e praza do Trigo.
Unha igrexa ao sur da cidade. S. XIII.
A igrexa da Trindade.
O convento de san Francisco. S.XIV
As loitas da nobreza laica e os burgueses contra o bispo. S. XV.
A casa dos Cadórniga.
As prazas e os oficios. S. XV.
A praza de san Marcial: os curtidores.
Un cemiterio até o s. XIX
A praza da Magdalena.
O Ourense do grupo Nós. S. XX.
—O eirociño dos Cabaleiros, o Volter e a casa de María Andrea.
—Casas de Ramón Otero e Vicente Risco.
—A praza do Ferro.
—O esporón da praza Maior.
O Ourense de Eduardo Blanco Amor
Itinerarios de “A Esmorga”
«Paseo polas ribeiras do Miño». As pontes do s. I ao XXI.
«Un artista ourensán: Arturo Baltar».
—O belén na praza de san Cosme.
—Mostra no Centro Cultural da Deputación.
Lugo, Xaneiro do 2008
A XUNTA DIRECTIVA
O 28 de decembro do 2007, o Presidente da nosa asociación (Lois Diéguez), Vicepresidente (Adolfo de Abel) e vocal (Carlos Ferreiro) tiveron unha entrevista cos delegados devanditos para coñecer a súa opinión a respecto de incluír a Proposta de Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico na Lei do Patrimonio e tamén na de Turismo, das que neste momento se está a estudar a súa revisión.
Chocou que o delegado de Cultura, dado que estaba de baixa por enfermidade, non mandase a esta reunión un representante, pois era parte fundamental para definir a súa posición.
Consideramos positiva esta reunión na que quedou patente o interese dos dous delegados restantes non só na proposta de Ben Rural senón na actuación directa sobre a intervención que se lles pedía en varios campos do noso patrimonio. A este respecto, a contestación do Delegado de Industria e Turismo, Ramón Cortés Máñez, quedou fixada nos seguintes puntos:
A través da Dirección Xeral de Turismo:
A través da Dirección Xeral da Sociedade da Información:
A posición do delegado de Medio Rural, Emilio López Pérez, quedou fixada no seguinte texto:
Non cabe dúbida de que as Asociacións protagonistas das Fachas de Castelo, o Entroido de Salcedo ou o Ribeirao de Chantada, das Danzas da Cervela ou do Meco e as Pampónigas da Ermida..., teñen campo abonado para se sentir protexidos e axudados nas súas actividades. O noso agradecemento, pois, aos delegados das Consellarías e a nosa chamada máis animada a todoas as Asociacións que veñen traballando duro e en solitario durante tantos anos.