Primeiro foi o ritual da misa, importante para o cura Xaime (así de familiar o dicimos), pois celebraba tamén o seu cincuenta aniversario como tal. Desde o adro da igrexa de Castelo (Taboada), ateigado de xente, ouviamos o seu fermoso discurso de agradecemento. Gustounos que o seu bispo o acompañase, pois pasa que ás veces non sexan precisamente os da casa quen nos festexen.

E despois o xantar, baixo a carpa enorme que Manolo Fidalgo e Félix Vázquez prepararon. Eles eran os ramistas, os representantes da asociación As Fachas, a anfitrioa principal do acto. Resultaba moi grato sentir a calor popular dos viciños e viciñas de Castelo, mais tamén de Lugo (LugoPatrimonio), Ourense, A Coruña ou Vigo. E asimesmo que as institucións formasen parte dunha homenaxe a un home que realmente nos mostraba na súa persoa o estudo e a investigación sobre aspectos importantísimos das nosas raíces galegas. Alí estaban, pois, ademais das Asociacións de base, o bispo de Lugo, o alcalde de Taboada, a delegada da Vicepresidencia da Xunta, deputado do Parlamento galego e mesmo viciños de Xaime Delgado.

Xaime Delgado fixo outro sentido e popular discurso na sobremesa, e recolleu os agasallos. A D. Xaime Delgado Gómez, en homenaxe. Pola súa humildade e sabedoría; por mostrarnos os secretos e a riqueza das nosas raíces. Coa alegría e satisfacción de celebrar con el este recoñecemento. Castelo-Taboada, a 26 de xullo do 2008. Este era o texto da placa dos viciños.

E nós celebramos así o maxisterio do profesor, as conferencias e guías que introduciu en LugoPatrimonio, os seus libros profundos nos que aboia todo aquilo que tiñamos agochado, tanto artigo e estudo sobre o noso patrimonio... Que dentro de 300 anos, a carpa de Castelo sexa como un campo de fútbol ateigado de mozos e mozas da zona para render homenaxe a aqueles e aquelas que han facer realidade este desexo. Chin-chin.


O próximo 26 de xullo, Castelo, a parroquia onde naceu o noso admirado D. Xaime Delgado que nos acompañou tantas veces nos nosos itinerarios, faille unha merecida homenaxe. Castelo está representada, desta vez, pola súa Asociación, As Fachas, que tamén gozou sempre da axuda de D. Xaime. A súa biografía é ben ampla e rica, e nela, estas terras montañesas que baña o Miño polos fondais, con Castelo ou Temes sempre destacados, sobrancean a curiosidade científica e detallada do historiador e arqueólogo.

LugoPatrimonio únese a esta homenaxe, que comezará o día sinalado ás 13 h. na igrexa de Castelo e ás 14 h. nunha carpa onde se realizará o xantar. Os que queiran anotarse teñen de prazo até o día 20 deste mes, chamando ao telefone 676 800 227.

Domingo, 13 Xullo 2008 23:00

Rematou o Ciclo da Auga no mar de Viveiro

Estivo animada a viaxe a Viveiro coa que LugoPatrimonio deu por finalizado o Ciclo dedicado á auga. Desta vez tocoulle a quenda ao mar. Viaxe comentada polos cumios da Gañidoira, un pouco asustados por mor do número impresionante deses muíños fantasma que danan os nosos ollos. Había que racionalizar este ferinte bosque metálico. Mais a dozura veu coa paisaxe húmida e íntima de Viveiro desde San Roque: a cidade aos nosos pés, as illas Gabeira, Insua e Coelleira entre os grises das nubes a confundirse co mar calmo. A viaxe no barco, deica máis aló da Coelleira, fortaleceunos en ar e escumas, co señor Antonio explicándonos os naufraxios que o castigaron. Emocionado paseo polo barrio mariñeiro de Celeiro que rompeu a idea pobre que tiñamos del.  Despois o xantar na Abrela: mexillóns, berberechos, sardiñas, chicharros lañados, lacón… e un viño tenro que nos fixo cantar máis de unha hora dirixidos pola alegría de Lupe Cruz. Paseo singular pola cidade, baixo o maxisterio do profesor Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, que coñece ben cada recuncho secreto de Viveiro. Ante a Fonte da Area, coa tamén profesora Ana María Villarino, leunos un fermoso texto do escritor Lois Tobío contando a historia desta fonte. E final, xa co sol debilitado, na praza Maior, baixo o dominio ben gañado de Pastor Díaz. Unímonos á petición de Francisco Luís Guerreiro para que se faga de unha das fábricas de salgado que queda en Celeiro un Centro de Interpretación que nos achegue á súa historia. Os viaxeiros e viaxeiras ben o merecemos. E o pobo mariñeiro,  por suposto.

O profesor Francisco L. Rodríguez Guerreiro introduciunos onte nas augas azuis do mar dos seus estudos e recordos. Unha conferencia de múltiple colorido, na que entrou de forma amplia nos seus aspectos variados: usos económicos, lendas, historias de afogados e até na música e literatura que o mar galego produciu ao longo dos séculos. E, como sempre, as fotos seleccionadas arredondaron de xeito artístico a súa exposición. O próximo día 12 de xullo completará o percorrido  no propio espazo físico do mar de Viveiro.

 

2 de Xullo: Cos actos dos días 3 e 12 de xullo rematará o ciclo dedicado á Auga 

     O día 3, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación Provincial, Francisco L. Rodríguez Guerreiro falará sobre Arte, usos e cultura popular arredor do mar. Apoiará a súa disertación con fotos e dvd relacionados co tema. De 19 a 20 h. continuará o prazo para anotarse á viaxe a Viveiro.

     Francisco Luís Rguez. Guerreiro é de Celeiro, un dos portos pesqueiros, xunto con Burela, de máis empuxe  na Mariña luguesa. A súa exposición, apoiada con  imaxes fotográficas, xirará arredor do mar, traendo até Lugo o cheiro a brea e a piche das embarcacións sobordadas, o ambiente das chabolas onde se fundía o chumbo e as redeiras cosían os aparellos e tamén o arrecendo das moitas fábricas e fabriquíns coas traballadoras  puxando polos carros de grellas,  preparando as cabezudas para os píos do arenque, apostando a cabala, o mucareu, o bonito ou o que cadrase…Arredor do mar tamén xiran os muiños de maré para proveito dalgún muiñeiro e aíndan fican restos de torres fortalezas que algún día defenderon a beiramar. E tamén nestas augas salgadas obrou Gonzalo o milagre da balea de San Cibrao segundo nos conta Cunqueiro…

     Unha intervención arredor do mar que pretende convidar á viaxe que LugoPatrimonio organiza ás Terras de Viveiro o vindeiro día 12 de xullo. 

     O día 12 de xullo sairemos ás 8 h. de diante do instituto Lucus Augusti para Viveiro, onde subiremos ao monte de San Roque, daremos unha volta longa pola ría nun barco pesqueiro, xantaremos na praia da Abrela a base de produtos do mar, pasearemos polos recunchos, estreitas canellas e lugares característicos desta fermosa cidade, andaremos polo Celeiro mariñeiro e acabaremos o día visitando o museo do Mar e coñecendo o castro da Atalaia de San Cibrao.


Venres, día 27 de xuño, na Casa do Mar de San Cibrao: representantes de Adega, alcalde de Cervo, Delegado de Cultura da Xunta de Galiza, Manuel Miranda como testemuña imprescindíbel da desfeita que se fixo, e mais o noso presidente, expuxeron distintas posicións sobre o futuro do castro da Atalaia. Conclusión desesperanzada: apesar do esforzo das asociacións presentes e do numerosos público pedindo solucións, os dous responsábeis políticos non se aclararon a respecto do futuro. As esperanzas debilítanse, máis a xente anda moi quente e eles serán tamén responsábeis directos do que aconteza. Nestes casos é cando a xustiza debería intervir con presa. Farao? Nós seguiremos no combate. 

Grazas a Mariñapatrimonio pola dirección deste interesante acto. Boa estrea das súas actividades esta Táboa Redonda.

Domingo, 22 Xuño 2008 23:00

Mesa Redonda: O Castro da Atalaia

23 de xuño: Mesa Redonda: O Castro da Atalaia

LugoPatrimonio estará presente na mesa redonda do venres 27 de xuño na Casa do Mar de San Cibrao.

Visita o blog de MariñaPatrimonio para máis información:

http://www.blogoteca.com/mrpatrimonio

 

 

O sábado 14 de xuño cumprimos un fermoso programa de visitas e paseos á igrexa de Diomondi, Codos de Belesar, catamarán con percorrido deica a fervenza de Augacaída e castro de Marce, Ecomuseo de Arxeriz, barcas e casas do Pincelo e, finalmente, degustación do viño da adega Lareu. Foi, portanto, un día completo, con sol, paisaxes, monumentos e a auga como trasfondo dos nosos estudos. A xente seguidora da nosa páxina pode entrar na sección ilustrada desta viaxe para comprobar fotograficamente o que aseguramos. 

O próximo día 3 de xullo continuaremos co Ciclo da Auga que nesta segunda parte dedicaremos ás augas dos mares, co programa detallado á marxe desta noticia. 


Viaxamos en batuxo polo Miño e fomos vendo as barcas distintas que nos legaron os devanceiros, e as artes de pesca que aínda se utilizan, as especies que desapareceron xa… un patrimonio de grande valor que está a agonizar pola falta de uso.

Vivimos con Xosé Manuel Vázquez Rodríguez a necesidade de usar, máis que contemplar, isto que se nos vai de vagar, en silencio, como un corazón que se está apagando. Mais aínda temos forzas para loitar contra a desfeita.

O sábado, día 14, viaxaremos a Belesar para contemplar realmente o que o etnógrafo nos contou: desde a igrexa de Diomondi (xoia do románico) baixaremos polos Codos de Belesar para embarcar despois no Catamarán (as ribeiras do Miño vistas desde o seu centro: igrexas, aldeas, illa de Sernande, fervenza de Augacaída…). Xantar e visita no pazo de Arxeriz. Portotide e barcas do Pincelo cos amigos que as protexen. Remataremos a xornada na adega e viñedos de Primitivo, en Sabadelle.

 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO