O pasado 18 de Maio, Día Internacional dos Museos, dedicado polo ICOM nesta ocasión a MUSEOS E O TURISMO, a Directiva de Amigos dos Museos de Galicia fixo público o PREMIO PEDRA DO DESTINO 2009, salvagarda do Patrimonio Cultural de Galicia. Nesta ocasión decidiuse que o galardón, dotado coa cantidade de 3.000 euros e o apadriñamento dos Amigos dos Museos, recaese sobre a ASOCIACIÓN DE VICIÑOS DE SALCEDO, Pobra do Brollón, Lugo, pola recuperación do seu enxebre Entroido e fundamentalmente polo símbolo primaveral e fecundativo do Oso, que sae do seu letargo invernal, das tebras das covas, invadindo, enchendo de son de chocas e trastocando a orde rutinaria da aldea. Axudado dos seus criados, acomete e emborrea de farelo e cinza a aqueles vicios que se meten no seu paso. Tradición común a moitos outros pobos montañeses de Europa, si ben o Oso de Salcedo foi obxecto de variados estudios e tema en congresos internacionais.
O acto de entregado premio farase nunha data a determinar, en verau, e na mesma Aldea de Salcedo, cun xantar e festa enxebre.
Máis información na páxina dos AMIGOS dos MUSEOS de GALICIA.
O profesor e escritor Antón Fortes, introduce o tema “O viño na poesía”, no ciclo que LugoPatrimonio está desenvolvendo nestes meses. Mediante proxeccións fotográficas, fai unha panorámica da visión que as poetas e os poetas teñen sobre este licor das alegrías certamente moi cantado. Realiza, ao mesmo tempo, un canto ao idioma galego que neste momentos está sendo tan perseguido.
Como defensoras e defensores do Patrimonio galego material e inmaterial, manifestamos o noso dereito irrenunciábel a usar con normalidade na nosa vida diaria o máis grande patrimonio construído por galegos e galegas a través da historia: o idioma.
Porque un pobo que crea esta riqueza non pode quedar calado e pasivo ante a involución á que o propio goberno do país o quere someter. Un goberno que persegue e elimina as tímidas leis que intentan protexer o galego, por moita aclamación que teña, é un goberno oposto aos dereitos colectivos que asinaron os organismos internacionais e que elimina o que institucións anteriores crearon en positivo.
Porque un idioma diminuído e debilitado non se pode prohibir no ensino nen se pode excluir da lexislación que o protexe se verdadeiramente estamos pola cooficialidade real de galego e castelán.
Porque só se pode impoñer o forte sobre o débil, e nunca ao revés.
Por iso apoiamos e estaremos presentes na manifestación que o próximo día 17 de maio e convocada pola MESA, se desenvolverá en Santiago de Compostela.
Lugo, a 14 de maio do 2009
O Presidente
Podes descargar neste enlace o itinerario da viaxe que faremos polas terras de Tras Os Montes.
O luns, 27 de abril, ás 20 h, reunímonos no salón de actos do Complexo Xuvenil Lug, de Lugo, (R/ pintor Corredoira, Nº 4) os viaxeiros e viaxeiras que imos aos vales do Douro e do Coa (Portugal) os días 1, 2 e 3 de maio, para falar dos últimos detalles desta interesante viaxe. No decurso da asemblea distribuiremos unha fermosa edición dos Itinerarios, libriño que describe día a día todo o que veremos nas terras de Tras Os Montes.
LugoPatrimonio, xunto coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, e a Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde, manifesta a súa repulsa fronte ao atentado que se está a dar na calzada histórica do Camiño Primitivo de Santiago na parroquia de San Xoán do Alto (concello de Lugo), vía xacobea que goza de recoñecemento e protección oficiais como itinerario de alto valor patrimonial, turístico e ambiental.
Estase a producir unha agresión de gran impacto contra a traza antiga desta rota no lugar de O Fornelo, onde se apreza a destrución dunha parte da trama camiñeira, incluíndo a caixa do camiño, os muros laterais e a práctica totalidade da vexetación autóctona que delimita este vieiro público de carácter histórico e
cultural.
Preme aquí para ver a nota de prensa completa.
O presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez, e mais a representante da axencia que se encarga dos contactos para a viaxe a Portugal, Nadia Abelleira, presentaron mediante proxeccións fotográficas o itinerario que se seguirá os días 1, 2 e 3 de maio, e mais monumentos e paisaxes que se van visitar polas ribeiras dos ríos Douro e Coa. As 50 prazas ofrecidas ficaron cubertas no primeiro día.
(Máis información na axenda)
Lugares visitados o sábado, 28 de marzo do 2009, seguindo o Programa: Centro de Interpretación do Viño; Ofrenda Floral ao poeta Manuel María ante o seu monumento, con lectura dos poemas (O Viño, Cancionciña aos viños do Val de Lemos, Fábula da taberna con moralexa ao remate); Igrexa, capela, souto e cruceiro de Lobios; cata, visita e xantar á Adega Algueira, paseo até á Pena do Castelo; viaxe polos Miradoiros de Os Chelos e Cadeiras; Cerámica de Gundivós.
20090328_Ciclo do Viño-Monforte e Doade |