Viaxamos en batuxo polo Miño e fomos vendo as barcas distintas que nos legaron os devanceiros, e as artes de pesca que aínda se utilizan, as especies que desapareceron xa… un patrimonio de grande valor que está a agonizar pola falta de uso.
Vivimos con Xosé Manuel Vázquez Rodríguez a necesidade de usar, máis que contemplar, isto que se nos vai de vagar, en silencio, como un corazón que se está apagando. Mais aínda temos forzas para loitar contra a desfeita.
O sábado, día 14, viaxaremos a Belesar para contemplar realmente o que o etnógrafo nos contou: desde a igrexa de Diomondi (xoia do románico) baixaremos polos Codos de Belesar para embarcar despois no Catamarán (as ribeiras do Miño vistas desde o seu centro: igrexas, aldeas, illa de Sernande, fervenza de Augacaída…). Xantar e visita no pazo de Arxeriz. Portotide e barcas do Pincelo cos amigos que as protexen. Remataremos a xornada na adega e viñedos de Primitivo, en Sabadelle.