O día 3, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación Provincial, Francisco L. Rodríguez Guerreiro falará sobre Arte, usos e cultura popular arredor do mar. Apoiará a súa disertación con fotos e dvd relacionados co tema. De 19 a 20 h. continuará o prazo para anotarse á viaxe a Viveiro.
Francisco Luís Rguez. Guerreiro é de Celeiro, un dos portos pesqueiros, xunto con Burela, de máis empuxe na Mariña luguesa. A súa exposición, apoiada con imaxes fotográficas, xirará arredor do mar, traendo até Lugo o cheiro a brea e a piche das embarcacións sobordadas, o ambiente das chabolas onde se fundía o chumbo e as redeiras cosían os aparellos e tamén o arrecendo das moitas fábricas e fabriquíns coas traballadoras puxando polos carros de grellas, preparando as cabezudas para os píos do arenque, apostando a cabala, o mucareu, o bonito ou o que cadrase…Arredor do mar tamén xiran os muiños de maré para proveito dalgún muiñeiro e aíndan fican restos de torres fortalezas que algún día defenderon a beiramar. E tamén nestas augas salgadas obrou Gonzalo o milagre da balea de San Cibrao segundo nos conta Cunqueiro…
Unha intervención arredor do mar que pretende convidar á viaxe que LugoPatrimonio organiza ás Terras de Viveiro o vindeiro día 12 de xullo.
O día 12 de xullo sairemos ás 8 h. de diante do instituto Lucus Augusti para Viveiro, onde subiremos ao monte de San Roque, daremos unha volta longa pola ría nun barco pesqueiro, xantaremos na praia da Abrela a base de produtos do mar, pasearemos polos recunchos, estreitas canellas e lugares característicos desta fermosa cidade, andaremos polo Celeiro mariñeiro e acabaremos o día visitando o museo do Mar e coñecendo o castro da Atalaia de San Cibrao.