O arquitecto Alberte González, de xeito didáctico e valéndose de fotos dixitalizadas, explicou ao numeroso público os elementos que constitúen e que lle dan forma á arquitectura e estrutura dos edificios románicos, así como a súa evolución entre os sécalos X e XIII, destacando as formas xenuínas creadas na Galiza.

20 de xaneiro.
Os viaxeiros e viaxeiras de LugoPatrimonio, que pasaban de 130, desprazáronse en tres autobuses o día 20 de xaneiro aos lugares que previamente foran elixidos polos conferenciantes do Obradoiro “Coñecer o Románico”. Así, no decurso do día, visitaron as igrexas das Bernardas e Eiré, en Pantón, e despois dun espléndido e saboroso xantar no que aprezaron a gastronomía da zona do Saviñao, gozaron coas pinturas da igrexa de Seteventos e mais a impactante arquitectura e iconografía de Santo Estevo de Ribas de Miño. A viaxe foi, ademais, enriquecida coas lendas e interpretacións populares nacidas arredor dos monumentos visitados.

 

Despois dunha boa campaña da nosa programación sobre “Coñecer o Románico”, o resultado deixounos, como di o conto popular, non só contentos senón encantados. A cantidade de interesados e interesadas neste ciclo de conferencias e viaxes chegou aos 235, dos cales se incribiron en tempo e forma, 201.
Como ferramentas de traballo entregouse unha carpeta cos guións das propias conferencias, o libro “O reino medieval de Galicia”, de Anselmo López Carreira, e un dvd confeccionado polas Agrupacións Culturais da nosa provincia titulado “Viaxando con Manuel María”, pois foi el un consumado viaxeiro e cantor das culturas e paisaxes por el visitados.
O Delegado provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, D. Xoán X. Molina Vázquez, e o Xerente do Xacobeo, D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, xunto co Presidente da nosa Asociación, D. Lois Diéguez, o Vicepresidente, D. Adolfo de Abel, e a secretaria, Dª Celia Fajar, inauguraron este obradoiro con palabras sentidas e animados ante un salón totalmente ateigado de xente. Os parabéns foron reiterados á organización e éxito das xornadas, e tamén á axuda e colaboración destas institucións. Deseguido, proxectouse o vídeo “O Románico en Galicia”, producido pola AS-PG e con dirección de Eduardo Álvarez e guión de Xosé Fco. Correa e Jaime Duque.
O historiador D. Anselmo López Carreira, con material baseado en transparencias, ofreceu a conferencia inaugural sobre a Galiza dos séculos XI e XII, francamente interesante sobre todo por nos situar con realismo e personalidade nunha historia real normalmente agachada polas teoristas castelanizadoras, situando un país moi diferente ao actual, con forte poder político e capaz de crear toda esa riqueza do románico que podemos admirar con fortuna nestes momentos.
Situada, pois, a historia, viaxaremos nas próximas fins de semana, pola arquitectura e iconografía do románico e veremos en exemplos prácticos de igrexas e monumentos da Ribeira Sacra e Portomarín toda a teoría que darán os profesores D. Alberte González e D. Xaime Delgado Gómez. A Directiva de LugoPatrimonio, está a estudar agora como arranxar o alto número de participantes para que as viaxes sexan o máis cómodas posíbeis.

A época do románico foi para nós, galegos e galegas, tempo de esplendor nos distintos campos da arte, até tal punto que a creación propia do "Románico Compostelán" chegou a acadar sona internacional a través do Camiño de Santiago. Este Obradoiro sobre Coñecer o Románico intenta, dun xeito sinxelo e didáctico, mostrar aquelas características que nós todos poidamos recoñecer en calquera dos nosos monumentos; mais non so iso, senón tamén o que acontecía na Galiza durante os séculos XI, XII e mesmo XIII para que esta riqueza se puidese producir. LugoPatrimonio, intenta, con este obradoiro, popularizar e festexar o que os nosos devanceiros construíron coa inspiración propia dunha Terra diferente, rica e orgullosa do poder que, desde si mesma chegou a conquerer.

Lois Diéguez,
Presidente de LugoPatrimonio

Lugo, xaneiro do 2007


12, 19, 20, 26, 27 DE XANEIRO DO 2007
BIBLIOTECA PÚBLICA PROVINCIAL LUGO

Sábado, 28 Outubro 2006 21:44

Viaxe a Bóveda.

Santa Eulalia de Bóveda

Situado a carón da igrexa parroquial de Santalla de Bóveda de Mera, no concello e provincia de Lugo, este conxunto arqueolóxico e artístico foi declarado monumento nacional (hoxe ben de interese cultural de Galicia) en 1931, tan so despois de 5 anos despois do seu descubrimento oficial en 1926, ainda que xa se tiña noticia anterior da súa existencia. Tal como o cualificara Celestino Fernández de la Vega, Bóveda segue sendo un verdadeiro enigma en canto á súa orixe, función, significación e, en menor medida, cronoloxía. A pouca distancia da cidade de Lugo e vinculado ademais á antiga cidade de Lucus Augusti por medio da vía XIX que ía de Bracara por Iria Flavia e que pasaba case a rentes del, este senlleiro núcleo histórico e patrimonial viuse afectado, sen dúbida, polas vicisitudes do seu descubrimento, polas súas sucesivas reutilizacións e reformas e mesmo polas diversas e descontinuas restauracións, todo o cal deu pé a novas hipóteses e interpretacións. En calquera caso, parece estar claro o seu carácter inicial como monumento romano tardío (probablemente do século IV) e de usos pagáns, ben estivesen estes vencellados a un posible ninfeo, tal como viñeron considerando varios autores que trataron sobre el baseandose, sobre todo, na importancia que ten a presencia da auga, ou ben (e de xeito complementario para algúns) correspondesen a un lugar para curar e sandar doenzas a teor dos seus relevos e inscripcións (o propio Chamoso Lamas, Ares Vázquez…), a un mausoleo ou edículo funerario (opinión de Schlunk, Fernández de la Vega –que apuntaba que este puido ser o lugar de enterramento de Prisciliano- , Delgado Gómez…) ou, en fin, mesmo a un sitio relacionado cos cultos romano-orientais ás divindades Isis e Serapis (Rodríguez Colmenero). A esta etapa inicial do monumento, en época tardorromana pero de duración ainda non ben determinada, sucedería logo unha readaptación e reutilización como cripta ou pseudocripta paleocristiá – séculos V e VI- (F. Singul), reaprobeitada do mesmo xeito en época prerrománica –séculos VIII ó X- (Núñez Rodríguez, o citado Schlunk, que con M. Berenguer e como logo fixo o propio Singul, chegou a vincular coa pintura mural asturiana), así como na etapa románica e aínda posteriores.
Deixando á parte os problemas que ainda suscita como xacemento arqueolóxico, moi derramado e deturpado polas sucesivas intervencións nel e nos seus arredores, como puxeron de relevo as últimas escavacións realizadas alí (a cargo de Alberto Balil, primeiro, e Rosa Gimeno, despois), a maior singularidade e orixinalidade do monumento de Bóveda estriba na complementación (aparentemente cunha certa lóxica interna) de arquitectura, escultura e pintura nun so conxunto.
Trátase dun edificio construido de pedra e ladrillo que, en orixe, non estaba medio soterrado coma hoxe, senón situado nunha pequena valgada húmida (de ahí a preocupación polo uso e canalización da auga) e que constaba de dúas plantas superpostas de tipo rectangular , das que so se conserva, e non integramente, a estructura fundamental da inferior. Esta está composta por un espacio central ocupado por un estanque ou piscina (logo tapada, xa en tempos antigos), dúas naves laterais estreitas, das que so se aprecian os arrinques dos seus arcos (probablemente tres a cada lado) e, ó fondo, unha pequena ábsida que lle daba acceso á parte superior por unha escaleira xa perdida. Senllas fornelas nas paredes laterais lembran as existentes nos vestiarios dos baños e termas romanas, pero tamén fixeron pensar nos ocos utilizados para as urnas funerarias dos mausoleos da mesma época. A fachada presenta unha forma de arco tendente á ferradura, flanqueada por dúas ventás rectangulares con ocos triangulares de descarga sobre elas, e que se abre a un breve adro ou pórtico que orixinariamente tiña as entradas polos seus lados e non polo centro (consoante cunha utilización hixiénico-sanitaria do recinto interior).
Tamén nesta parte exterior están os singulares baixorrelevos escultóricos que serviron para atribuirlle determinados usos e funcións ó monumento de Bóveda: algúns perpiaños amosan figuras humanas a xeito de danzantes (en grupo ou individuais) ou formando unha escena que representa a dous eivados mostrando as deformidades, un no brazo e outro na perna (¿quizais polo uso salutífero do lugar?), mentres que noutras pedras do soportal aparecen varias aves (unha aguia ou ibis e unha cegoña), motivo este último que é o escollido, xunto cun conxunto vexetal (trellis) e de casetóns xeométricos, para o extraordinario conxunto de pinturas que decoran toda a bóveda interior, cunha ampla traza de medio canón.
Estes murais interiores están feitos sobre estuco e revelan un estudiado e laborioso programa previo para a súa disposición e execución. Utilízanse varias cores (sobre todo a vermella, azul, verde e negra) e representan, de xeito illado ou en parellas e asociadas a árbores ou peteirando en acios de uvas, diversas aves como perdices, faisáns, galos e pitas, pombas, etc., trazadas con mestría e e realismo singulares. Nos arrinques dos arcos aparecen representadas cráteras con ramos e frores e na parte central da bóveda, case completamente perdida pero da que se conserva documentación gráfica, a decoración pintada figuraba casetóns de tipo arquitectónico.
No progresivo e sucesivo desentullo do sitio e tamén nos arredores lindeiros de Bóveda apareceron outros restos constructivos e decorativos, como fustes e bases de columnas, modillóns, placas de mármore con motivos xeométricos e figurados, fragmentos de inscripcións latinas (unhas de carácter funerario e outras votivo), cerámica e ladrillos, escouras, etc…restos conservados, moitos deles no propio lugar e nos museos diocesano e provincial de Lugo. A todo esto hai que unirlle ó papel do elemento acuático, sexa cal fose a súa orixe e aproveitamento, o que para algúns autores sería producto dunha tradición prerromana (a zona está moi inzada de castros, como o veciño de Corvazal), reconvertida logo en uso balneario, cultural e/ou funerario. En calquera caso, é probable que todo o primeiro conxunto se fixese dunha soa vez (quizais no século IV), pois arquitectura, escultura e pintura semellan formar unha unidade estructural e funcional, ainda que logo fose reformado e reutilizado ó longo do tempo como reflicte a mesma documentación escrita dos séculos XVII e XVIII, cando se construe a actual igrexa parroquial e o seu cemiterio anexo, que hoxe seguen contendo parte do monumento orixinal.
Felipe Arias Vilas.

4 de outubro, martes, ás 20 h., no centro cultural Uxío Novoneira de Lugo

FELIPE ARIAS VILAS
arqueólogo e historiador

falará, axudado de proxeccións, sobre

SANTA EULALIA DE BÓVEDA: arqueoloxía e patrimonio

29 de outubro de 2006.

Como cpmplemento á devandita conferencia, o domingo seguinte, día 29, ás 10 h, sairá un autobús de diante da Casa Sindical (Ronda da Muralla) para visitar os seguinte puntos relacionados co Camiño Primitivo de Santiago

• Santa Eulalia de Bóveda
• Castro de Corvazal
• Seoane do Alto
• San Vicente do Burgo
• Igrexa de Bacurín

 

Lugo, 13 de outubro do 2006
A XUNTA DIRECTIVA

ENTREVISTA CO DELEGADO DA CONSELLERÍA DE CULTURA

Hoxe pola mañá, o presidente e vicepresidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez e Adolfo de Abel, entrevistáronse co Delegado da Consellaría de Cultura e Deportes, D. Xoán X. Molina e o da Consellaría de Industria e Comercio, D. Ramón Cortés para mostrarlles diversos puntos relacionados co noso patrimonio e que detallamos de seguido coas respostas dadas polos mesmos.

1. Complexo de Temes.
Compromiso de estudar inmediatamente a posibilidade dun proxecto referido ás escavacións arqueolóxicas na parte interior da igrexa así como nos seus arredores, co obxectivo de completar os achados atopados no seu día e que ten estudado en profundidade o arqueólogo D. Xaime Delgado.
Compromiso de editar un folleto explicativo da historia e monumentalidade de Temes, que se espallará tamén polos circuítos turísticos da Xunta, ademais dos puntos turísticos da zona e do país.
Compromiso de sinalizar convenientemente o complexo desde as entradas máis próximas que levan a el: Os Peares, O Castro-A Barrela, Chantada e Monforte.
Adecentamento urbanístico da zona que rodea o munumento.

2. Camiño Primitivo.
Despois do Congreso realizado en Lugo e das aportacións que no mesmo se aprobaron, os delegados, nas súas respectivas competencias, comunicáronnos que xa se está a traballar no Proxecto de delimitación e oficialización do Camiño Primitivo, o cal se terá finalizado posibelmente durante este ano, e para o que xa se aprobou un orzamento de 30.000 euros.

3. Servizos de san Martiño de Mondoñedo.
Aínda que non é competencia ca Consellaría de Cultura, senón do concello de Foz e dos proxectos que subvencionará o Ministerio de Fomento, aquela, nos informes que terá que elaborar, definirase por unha solución que modifique o grave impacto producido por estes servizos que afean a igrexa de san Martiño e todo o seu controno.

4. Proxectos de LugoPatrimonio.
As dúas Delegacións acolleron con interese o proxecto de edicións que non tendo un carácter estrictamente comercial favorezan o coñecemento e popularización do noso Patrimonio. En concreto fóronlles presentados títulos importantísimos de traballos elaborados polos historiadores e estudosos, Xaime Delgado Gómez, Isaac Rielo Carballo, Nicandro Ares Vázquez e Amador López Valcárcel que entrarán na nova política de programación editorial que realizarán as consellarías. A nosa asociación propúxolles que o nome que podería levar a colección podería ser o de LugoPatrimonio.

En nome do nosa Asociación agradecemos aos delegados a amabilidade que tiveron connosco e a acollida favorábel ao que enriba detallamos.

Lugo, a 27 de xullo do 2006

O Presidente de LugoPatrimonio.
Lois diéguez

A VIAXE A TEMES E UN PROXECTO DE ACTUACIÓN

 

 

 

 

 

 

A viaxe que o día 17 de xuño deste ano fixo un grupo de asociados de LugoPatrimonio ao Complexo de Temes, deixou constancia do interese que este importantísimo monumento ten para a arqueoloxía, historia e patrimonio de Galiza, constituíndo o mesmo o vestixio máis antigo da arte paleocristiá. Sendo conscientes, ademais, do abandono no que a administración o mantén, e das posibilidades que ofrece para o desenvolvemento artístico, turístico e económico da zona, solicitamos da Consellaría de Cultura, Deputación e Dirección Xeral de Turismo as seguintes actuacións:

1. Escavacións.
Necesidade de completar unhas boas escavacións tanto no interior da Igrexa como no seu circundo, nas que se incluiría a casa rectoral, como xeito de completar as investigacións realizadas entre outros estudosos, por D. Xaime Delgado Gómez.

2. Infraestrutura.
a) Necesidade de modificar os difíceis accesos que levan ao Complexo tanto desde Castro-A Barrela, como desde Os Peares.
b) Necesidade de infraestrutura relacionada coa atención ao público que se despraza a Temes para ver o Monumento (aloxamento, servizos de restaurante...)

3. Información e sinalización
a) Edición de folletos explicativos da historia e monumentalidade de Temes, espallándoos polos circuítos turísticos da Xunta de Galiza e demais institucións, fóra, tamén, do noso país.
b) Sinalización do complexo de Temes desde os puntos máis importantes que levan á igrexa, acaidamente Os Peares, Chantada, A Barrela, Castro e Monforte.


Itinerario que seguimos o 17 de xuño do 2006

1. San Pedro de Bembibre
Pazo-Fortaleza dos condes de Taboada (sec. XVI en adiante)
Importante sartego móvil: forma xa tardía, de dúas figuras. Sec. X?

 

 

 

  Igrexa de probábel orixe monacal. Monumento románico de interese “nacional”, da era 1229 (ano 1191).
Capiteis de boa factura. Os da Porta principal con ornamentación de tipo vexetal. A avaricia?. Áspide e basilisco. Aves afrontadas.
Na porta sur destaca o león e o dragón que co áspide e o basilisco lembran o salmo 91.
No interior da igrexa Enterramento de D. Xoán Taboada (1651)
Pinturas interiores.

2. Santa María de Castelo
Visita ao sartego antropomorfo do Sixto (a poucos metros, polo nacente, vestixios da primeira igrexa).
Visita ao fermoso pazo de Perrelos:
– Do primeiro tercio do sec. XVIII.
– Extraordinaria solaina.
– Cociña-lareira con gran cambota.
– Fonte con escudo da Casa.
– Hórreo e cortes.

 


Singular cruceiro do campo da Festa.
Visita á igrexa románica de santa María:
– Porta principal coa árbore de Xesé.
– Porta sur.
– Singular ventá absidal.
– Arco triunfal.
Lexendario carballo dos cartos.
Subida ao Castro onde se queiman as sonadas fachas de Castelo.

 

3. Temes: punto central da viaxe.

 

 



 BREVE SÍNTESE DO CONTIDO HISTÓRICO-CULTURAL DO COMPLEXO DE TEMES
(Por Xaime Delgado Gómez)

1) PREHISTORIA.
a) Temes, nome indíxena (de raíz indoeuropea?).
b) “Castro de ladeira” (sobre o que estivo e está todo o complexo).

2) O TEMES ROMANO.
a) Ara romana a “deuses lares-viais”
b) Por aquí pasaba unha “vía romana” secundaria.

3) O TEMES ROMANO-CRISTIÁN.
a) Un romano (militar?) xa cristián emparentado cos Temes:
1) Decide facer aquí, na súa propiedade, un MAUSOLEO.
2) Vai a Roma e trae un cargamento de prefabricadas pezas de mármore (a tapa dun SARCÓFAGO; 6 capiteis (só 4 en principio); columnas, pilastras, etc.).
3) Transporta este material polo río Miño deica o “Portus Polumbarius” (Pombeiro).
b) Gran MAUSOLEO á beira da “vía” (segundo invariábel costume romano).
§ A pomba e a palma de granito, do Mausoleo, son feitas aquí.
§ (Está relacionada cos seus restos a tradición do “Corpo Santo”?).
§ Confirmarano seguramente algún día unhas necesarias escavacións.

4) O TEMES XA CRISTIÁN.
§ Aquí, na casa do Romano, fúndase unha “Domus Ecclesiae”, ou Igrexa Doméstica.
§ Máis tarde probabelmente o MAUSOLEO se transformou en oratorio.
o Dedicado xa a Santa María, primeirísima advocación titular?
o Atendido xa por monxes-ermitáns (da agora Ribeira Sagrada?)

5) O TEMES ALTO-MEDIEVAL.
§ No 805 é consagrada a primeira igrexa monasterial de Santa María.
§ Aí está o documento escrito.
§ Pezas máis interesantes deste tempo: cimacio (agora pía de auga bendita), cruz visigótica do muro exterior, modillón...

6) O TEMES DA BAIXA IDADE MEDIA.
§ Gran complexo do Señor de Temes (Residencia, Torre vixía-defensora (arras, 1467), Igrexa monasterial-parroquial, Mosteiro (residencia de monxes).
§ Bastante documentación medieval referida a Temes.
§ Decadencia, en séculos posteriores.

7. O TEMES CONTEMPORÁNEO.
§ Curiosa mención en 1591: Antonio Pereira de Ourense busca datos sobre Vasco de Temes (sepultura en Lousada), “atopa pedras labradas de gran edif. de alabastro”.
§ Reedificación da igrexa en 1776 (data nunha trabe).
§ Xeneral pobreza de medios (segundo reseña do Libro de Fábrica).
§ Case todo o material marmóreo é reutilizado nos muros.
§ Pinturas renacentistas-barrocas no presbiterio (hai outras debaixo?).
§ Trasládase para aquí un bo retablo barroco.
§ Axéitase no retablo un extraordinario sagrario renacentista.

8. INTERESANTE RECTORAL.
§ A súa longa historia: a) Sobre asentamentos prehistóricos e romano-visigóticos? b) De ben visíbeis etapas diferentes. c) Dignísimo exemplar rural a conservar.
§ Extraordinaria atalaia de fermosas vistas panorámicas.

Lugo, xuño do 2006

Paseo polo Camiño Primitivo no treito: A Chanca-San Lázaro, levando como guías a Adolfo de Abel Vilela e Lois Diéguez.

Os viaxeiros e viaxeiras que participaron no paseo polo Camiño Primitivo ao seu paso polo barrio do Carme e Regueiro dos Hortos comprobaron como esa riquísima zona arqueolóxica que aínda conserva o sabor da construción popular e mais dos camiños e hortos que forman un fermosísimo xardín natural, poden desaparecer en pouco tempo se os lugueses e luguesas non o evitamos. Nas súas intervención e coloquios que a ameaza produciu os asistentes insistiron en que se delimite urxentemente este Camiño para así gardalo das pas e da rapina.

 

Venres, 26 Mai 2006 23:00

Paseo polo Camiño Primitivo

Ás 20 h. no salón do centro cultural Uxío Novoneira, Adolfo de Abel Vilela e Lois Diéguez expuxeron con diverso material gráfico o tema: “Paseo polo Camiño Primitivo desde A Chanca deica o barrio de San Lázaro: monumentalidade e futuro”.
Os conferenciantes do acto sobre o Camiño Primitivo de Santiago ao seu paso pola cidade de Lugo e polo Carme chamaron a atención da Consellería de Cultura e do Concello de Lugo para que se poñan de inmediato a DELIMITAR E DESLINDAR dito Camiño, de xeito que se execute a Lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago, E UNHA DAS PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS DO CONGRESO celebrado e organizado pola Consellería de Industria e o Xacobeo. Desde aquela non se volveu saber máis dos acordos e de non ir adiante con urxencia perigará o próximo futuro do Camiño ao seu paso polo barrio do Carme, ameazado xa polo Plano Xeral de Ordenación Municipal.
Asimesmo, Lois Diéguez e Adolfo de Abel chamaron a atención do Concello para que o mesmo treito se limpe con urxencia, pois a auga e a lama impiden o paso polo Regueiro dos Hortos.

 

 

 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO