Ignórase o lugar exacto no que naceu, anque consta que o fixo no Reino de León. Pertencía a unha nobre familia cuxos antepasados estaban intimamente ligados coa monarquía astur-leonesa e coa Reconquista. El mesmo loitou contra os mouros en Terra de Campos. Alí vivía cando se traslada a Galicia, onde queda viúvo e funda cara ao 969-974 o mosteiro dúplice beneditino. A escritura de fundación do cenobio dá conta das inxentes propiedades que lle deu, así como os bens mobles que igualmente regalou ao mesmo (todo tipo de ornamentos, roupa litúrxica, pezas de ourivaría, libros e miles de cabezas de toda clase de gando). Nos últimos anos da súa vida peregrinou a Xerusalén. Alí suponse que adquiriu un sartego paleocristián de finais do século V ou principios do VI, que algúns consideran que puido ter sido feito nun taller de Tolouse. Aos restos que custodia atribuíronselle moitos milagres dende a Idade Media en diante, de hai que popularmente fose considerado un santo pese a non estar canonizado. O sepulcro foi aberto en 1968 e nel apareceu unha arca de madeira que contiña os seus restos e os do seu fillo.
Pasou despois a falar da edificación. Da primitiva igrexa prerrománica, feita en apenas oito anos, non se conserva nada. Suponse que se fixo a segunda igrexa nos séculos XII-XIII e que dela permanece o antigo rosetón no muro que cerra a escalinata da cámara abacial dezaoitesca. Chegados os séculos XIV-XV o mosteiro sufriu a crise propia de todos os cenobios galegos nos que había abades comendatarios que non respectaban en absoluto as regras da Orde e que se quedaban coa maior parte das rendas que debía percibir o mosteiro. Esta situación mudou nada máis comezar o século XVI, momento no que pasa a depender da Congregación de Castela rexida polo mosteiro de San Benito de Valladolid e incorpórase así á máis estrita observancia relixiosa. A partir de entón, paulatinamente o mosteiro empeza a crecer tanto en rendas como en número de monxes, os cales levan a cabo outro tipo de vida comunitaria que suporá que, a partir do século XVII, se comecen a construír todo tipo de dependencias monásticas que culminan coa erección dunha nova igrexa ben entrado o XVIII. Entre as obras de maior importancia cabe resaltar a edificación do claustro a partir de 1637, que se prolongará ata a década de 1650; zonas comunitarias levadas a cabo polo arquitecto asturiano José Martínez Celiz a partires de 1710; e a cámara abacial, deseñada e construída por este mesmo artista dende 1712 en diante. A igrexa fíxose entre 1732-1738, sendo delineada por frei Juan Vázquez de Samos e por Fernando de Casas e Novoa.
Dentro do seu mobiliario litúrxico, que na súa maior parte procede da igrexa anterior e data de entre finais do XVII e principios do XVIII, ademais dos retablos secundarios e do relicario que está na sancristía, destacou o retablo maior, obra delineada polo arquitecto académico Ventura Rodríguez en 1766. En 1789 xa estaba ensamblado porque entón foi contratado o pintor compostelán Juan Bernardo del Río para levar a cabo as labores de policromía e dourado.