Percorréronse os claustros dos Cabaleiros e o dos Pináculos. A igrexa, que se comezou a fins do século XII obedece á tipoloxía do Cister, planta con tres naves e deambulatorio, chamando a atención a bóveda plana do coro do século XVI. Pasouse á sancristía e, a antiga e espectacular sala capitular, a botica rematando na exposición arqueolóxica relacionada co edificio que en 1552 foi destruído por un incendio, no Trienio Liberal (1820-1823) os frades foron expulsados e saqueado o edificio, que tiveron que restauraralo ao regresar en 1824, pero na desamortización de 1835 comezou o saqueo e destrución, conservándose só a igrexa que seguiu con culto.
O bispo de Ourense Florencio Cerviño González interesouse en 1929 por instalar no arruinado mosteiro a unha nova comunidade cisterciense que emprendeu a reconstrución a partir de 1966 recibindo en 1990 o Premio Europa Nostra.
A seguinte parada foi no castro de San Cibrán de Las, coñecido pola súa extensión como a Cidade, pois suponse que foi a coñecida como Lansbricae, onde está o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, que se visitou despois de facer o percorrido polo castro acompañados coas explicacións de Felipe Senén para ver as distintas tipoloxías de vivendas, as murallas, cos corpos de garda, e desde a acrópoles contemplar a extensa vista de toda a contorna e ver a pedra que contén a inscrición IOVI dedicada a Xúpiter.
Despois de xantan no Carballiño. Fixemos a visita a igrexa da Vera Cruz unha das derradeiras obras do arquitecto galego Antonio Palacios que lle encargou en 1942 o párroco Evaristo Vaamonde, e que non viu rematada, xa que se comezou en 1953 e finalizouse en 1957. Neste templo ecléctico, dun gran simbolismo, está resumida unha parte da tradición arquitectónica galega, a maneira de traballar os canteiros a pedra, a arquitectura do Camiño de Santiago e a inglesa.