Venres, 01 Novembro 2019 17:12

Conferencia de Enmanuel Lázaro Péres sobre a“Rehabilitación de centrais eléctricas históricas. Os exemplos do Piago e Chavin”

29 de outubro

Dentro do ciclo que dedicamos este ano ao Patrimonio Industrial tivemos a conferencia de Enmanuel Lázaro Pérez, un profesional que desenvolve o seu traballo no campo das enerxías renovables. Con quince anos de experiencia como técnico de mantemento é o responsable da parte de enerxías renovables do grupo NEXIA, unha empresa que conta cunha ducia de traballadores que operan en seis pequenas centrais hidroeléctricas e manteñen máis de trinta instalacións fotovoltaicas por toda Galicia.

Despois da presentación efectuada polo presidente Adolfo de Abel Vilela, fixo unha breve introdución histórica sobre o alumado público na cidade de Lugo que se iniciou en 1808 con un sistema individual, dependente de cada veciño para pasar a ser un servizo público dependente do Concello a partir do reinado de Isabel II.

Nun primeiro momento era con aceite, en 1862 ensaiouse na Praza Maior o alumado con petróleo que estará en funcionamento ata o 18 de setembro de 1894 día no que comezou o alumado público eléctrico coa central instalada no río Miño fronte a San Lázaro, da sociedade "Alumbrado Público de Lugo". Como tiña moitos faios en 1898 creouse a sociedade "La Eléctrica Lucense", que instalou a central eléctrica no caneiro do Piago (Outeiro de Rei), comezando a funcionar en 1899.

Despois principiou a disertación Enmanuel Lázaro facendo unha introdución sobre a empresa Nexía Renovables, creada no 2014. Fenosa sacou a poxa unhas minicentrais dúas que estaban funcionando, as de Tronceda (Mondoñedo) e Xerdiz (Ourol) e outras dúas paradas, as de Chavin (Viveiro) e a do Piago (Outeiro de Rei).

Despois de explicar o funcionamento dunha central eléctrica, deu a situación e as características da central de Tronceda, no río do mesmo nome, cun salto de 200 metros, e unha potencia instalada de 2,75 MVA; a de Chavin, rehabilitada e en funcionamento, no río Landro, creada en 1896 por José Barro para subministrar enerxía aos seus talleres e a Viveiro, cun salto de 17 metros e unha potencia instalada de 0,35 MVA; e a do Piago no río Miño, cun salto de 4 metros e unha potencia instalada de 4 MVA. a de Vilacoba (A Coruña) no río Miño, cun salto de 82 metros e unha potencia instalada de 1,5 MVA.

O Piago

Este lugar forma parte do espazo natural protexido Reserva da Biosfera do Miño, cunha parte de bosque autóctono. A presa é o linde superior do couto de pesca de Ombreiro sendo o lugar moi frecuentado no verán para o baño. O caneiro é de granito como a canle, tallada na rocha, que leva a auga á turbina.

A obra civil foi dirixida polo arquitecto municipal Juan Álvarez de Mendoza sendo a casa instaladora Ahlemeyer e Cª, Enxeñeiros de Bilbao, que foi a que fixo todos os planos e replanteos, dirixindo todos os traballos de instalación o enxeñeiro José Arabira da compañía bilbaína. As dúas dinamos, de 120 Kw, cada unha, viñeron de Alemaña, chegando á estación de Lugo o 25 de decembro de 1898 e comezou a funcionar en 1899. En 1931 creouse BEGASA que en 1935 compra "La Eléctrica Lucense". No 2014 os novos propietarios da central deciden rehabilitala proceso laborioso que levou dous anos, pois tiveron que facer pezas para o xerador que está en funcionamento do ano 1929, e que produce enerxía para o consumo duns trescentos fogares. O primitivo tentan recuperalo como elemento histórico, pero non estará en funcionamento. O equipamento actual consta dunha turbina importada pola "Sociedad Española de Electricidad", Brown Boveri de Madrid, fabricada por J. M. Voith, número 10.590, tipo Kaplan de 1929, de 283 Kw e 250 revolucións por minuto, un transformado GEE e un grupo diesel para cando o caudal de auga non é suficiente, de 180 Kw de 1930.

A rehabilitación

Ao facerse cargo das instalacións os propietarios tiñan tres opcións. A primeira instalar dos grupos novos e solicitar o aumento da concesión, o que precisaba unha gran inversión. A segunda desmantelar a instalación, coa conseguinte perda da concesión producíndose un gasto na reversión. A terceira, que foi a que se adoptou, facer a recuperación, pero sen coñecer o resultado final, o custo, o rendemento e tempo. Para iso había que convencer á propiedade, non había documentación orixinal, a ninguén para preguntarlle, a instalación levaba parada moitos anos o que produciu un elevado deterioro, o mal estado dalgúns compoñentes obrigou a redeseñalos, e todo isto coa incerteza de non saber o rendemento que daría a máquina.

O problema máis importante estaba no rodete, houbo que desmontar o xerador e desprazalo. Tamén tiveron que extraer a turbina o que foi complexo polo seu elevado peso, tiña folganza en todas as pezas móbiles, tendo que aliñar a máquina.

Inicialmente foron dous operarios os que se encargaron de poñer a máquina en marcha manualmente para valorar o seu estado. Estaba moi mal pero conseguiuse acoplala á rede, manténdose uns días en produción, sendo o rendemento moi baixo, pero confiábase en que se podía mellorar. Unha vez tomada a decisión de proceder á recuperación incorporáronse ao proxecto tres persoas máis. A rehabilitación durou dous anos, cunhas 7.000 horas de traballo, e un elevado custo dado que houbo que facer pezas a medida e moita man de obra.

O primeiro foi manter ao máximo o existente, tanto da máquina como do cadro de mando, ferramentas, etc. Dotas á instalación das medidas necesarias en materia de seguridade e adecuar a instalación á lexislación, como a colocación de reixas na entrada da auga para evitar que pasen os peixes e medición de caudais. Automatizar a instalación, e protexer a máquina electricamente e mecanicamente.

Outras actuacións foron o pintado interior e exterior do edificio, recuperar o piso orixinal, instalación de dispositivos de control da fauna piscícola, instalación dun caudalímetro e arranxo dos exteriores. Finalmente en xaneiro do 2017 a central estaba operativa traballando continuamente producindo electricidade para subministrar a uns 300 fogares, unha enerxía limpa que evita a emisión á atmosfera de máis de 400 toneladas de CO2 ao ano.

Como remate facilitou uns datos sobre a produción de electricidade en Galicia, que supón o 63% coa eólica e a hidráulica. O sector eólico produce a metade da enerxía renovable e o 32 % do total de Galicia. A produción hidráulica supón case o 30 % da produción galega e o 46 % da xerada con fontes renovables.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO