Domingo, 21 Xaneiro 2024 23:09

Conferencia de Marcos Calles Lombao sobre “As paisaxes na Catedral de Lugo: “ventás” á natureza desde un Patrimonio da Humanidade”

16 de xaneiro

O inicio das actividades correspondentes ao ano 2024 tivo lugar con esta conferencia do doutor e director do Museo Diocesano e Catedraliceo de Lugo, Marcos Calles Lombao, que espertou grande interese no público que encheu o salón de actos da Deputación.

Nesta conferencia mostrou os resultados do estudo en profundidade das representacións de paisaxes que atesoura a Catedral de Lugo durante a Idade Moderna, véndose estas representadas en distintos soportes, como madeira ou pintura, realizadas desde o século XVI ao XVIII, así como nas localizacións máis destacadas da Catedral.

Dixo que as paisaxes na Catedral de Lugo teñen unha importancia transcendental, comezando a súa investigación polo antigo retablo da Capela Maior, colocado hoxe nas frontes dos testeiros do transepto, obra de Cornielles de Holanda do século XVI. Neste retablo a representación do Bautismo de Xesús no río Xordán é dunha gran beleza que se ve reforzada polas rochas e árbores que encadran esta simbólica escena, con San Xoán Bautista e Xesús de Nazaret no centro da mesma.

Pasou despois a examinar a serie pictórica de Marcos de Torres autor das pinturas colocadas na parte superior do espazo que ocupa o coro, sobre o patriarca Xosé, onde o xogo de planos superpostos deste mestre de Valladolid inclúe paisaxes de zonas como Exipto, Siquém ou o Val de Hebrón, para configurar un destacado exemplo do uso da paisaxe na Catedral de Lugo, dentro do dominio da estética manierista do século XVI.

De seguido, centrouse no século XVII que representa na Catedral o dominio do estilo Barroco, con mestres destacados como Francisco de Moure ou Domingo de Andrade. O coro de madeira de nogueira inclúe a representación de decenas de santos, algúns deles enmarcados en paisaxes que evocan a natureza que se vinculaba ás súas vidas. Afirmou que a mestría de Francisco de Moure viuse reflectida na nogueira, alcanzando as cotas máis brillantes dentro da representación de paisaxes e puxo como exemplos o da cadeira de San Xoán Bautista, coa terra de Betania como fondo, ou Santiago Apóstolo, vestido de peregrino, pezas que nos achegan a unha mestría que alcanza o seu punto álxido nas representacións da expulsión do paraíso de Adán e Eva, ou no sacrificio de Isaac, ambas dúas localizadas nas portas de entrada ao coro.

Considerou moi destacable a paisaxe que se pode ver na entrada da sancristía maior, coa escena de Moisés e Coré, localizada no entrepano central da porta de madeira que dá acceso á devandita sancristía, obra de Domingo de Andrade do último cuarto do século XVII.

Marcos Calles asegurou que a investigación sobre as representacións paisaxísticas na Catedral de Lugo ten como punto destacado a análise do século XVIII, o século onde se produce o tránsito do Barroco máis exuberante, da man de Fernando de Casas Novoa, ao Neoclasicismo e Academicismo imperante a partir de mediados do século, con exemplos destacados como o pintor Xosé Terán. Dentro deste percorrido profundou nas paisaxes presentes nas pinturas da bóveda da Capela Maior, obra do citado Xosé Terán, onde a paisaxe cobra especial relevancia, como por exemplo, nas escenas de prefiguracións eucarísticas situadas ao pé das vidreiras, que aluden á recollida do maná ou, de novo, ao sacrificio de Isaac.

Manifestou que o Barroco brillaba con forza na Capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, obra de Casas Novoa durante a primeira metade do século XVIII, onde as decenas de imaxes que se distribúen pola capela evocan aos atributos da Virxe María, utilizando as representacións paisaxísticas nalgunhas delas. Despedíu a análise deste século cunha singular paisaxe vinculada á vida do Patrón de Lugo, San Froilán, referente á súa etapa en Valdorria (León), unha magnífica paisaxe que inclúe a Ermida de San Froilán, a montaña de Curueño ou a propia vila, todo iso coroando o retablo que Manuel de Luaces realizou a finais do século XVIII.

Nesta conferencia tratou tamén as paisaxes que os mestres do século XIX idearon para este templo, sendo un exemplo destacado Plácido Fernández Arousa e os seus cadros de Santa María Magdalena e San Pedro, onde o uso da paisaxe reforza a imaxe de culto que enmarca, especialmente relevante no caso de Santa María Magdalena, presente na zona do Bo Xesús.


Como remate, e a modo de conclusión, dixo que a análise pormenorizada do conxunto catedralicio sacaba á luz un lugar de primeiro nivel para a análise das representacións paisaxísticas dos séculos XVI ao XIX, configurando un elemento crave para a liturxia deste templo que, no ano 2015, foi introducido no Patrimonio Mundial pola UNESCO vinculado ao Itinerario Primitivo do Camiño de Santiago, e que hoxe en día é visitado por miles de persoas dentro do auxe do turismo cultural, especialmente o vinculado ás catedrais.

 

 

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO