Carballo Calero mostra desde os primeiros tempos un gran sentido do deber, xeneroso cos compañeiros de estudios e cos amigos. Como era habitual na época por non haber institutos estudia en colexios privados de Ferrol tendo que examinarse na Coruña no instituto “Eusebio da Guarda” facendo o bacharelato por libre que remata en 1926. Con dezaseis anos entra na Universidade de Santiago de Compostela para estudiar Dereito vinculándose ao Seminario de Estudos Galegos entrando en contacto con Risco, Castelao, Otero Pedrayo e demais membros da institución da que acabou sendo o secretario.
Remata a licenciatura en Dereito cun expediente brillante. O 1 de outubro de 1930 os compañeiros pídenlle que dera o discurso de apertura de curso, papel que habitualmente facía un profesor, o que era unha novidade, e nel, ante as autoridades, entre outras cousas pide a coexistencia da lingua galega no ensino, a Universidade debería galeguizarse.
Foi presidente da FUA, un sindicato de estudantes, e fai un borrador do Estatuto con Luis Tobío Fernández. Trasladase a Ferrol e para ter independencia económica consegue no concello una praza de auxiliar administrativo, casando con María Ignacia Ramos, que coñecera en Santiago. Remata os estudios de Filosofía e Letras en 1935 e pide a excedencia no seu posto de traballo para se dedicar a dar clase e preparar as oposición a institutos. Vai a Madrid en xuño de 1936, fai os primeiros exercicios pero o 17 de xullo, día no que nace a súa primeira filla Magali, decláranse interrompidos os exames debido ao alzamento militar. Córtanse as comunicación con Galicia e considera un deber alistarse no exército da República, entrando nun batallón de profesores, sendo desprazados a Valencia para recibir instrución para ascender a oficiais, acadando o grado de tenente, desprazándose entre Andalucía e Valencia. Foi ferido en 1937. Rematada a guerra civil foi sometido a consello de guerra, pedíndolle pena de more, pero foi condenado a doce anos e un día de reclusión maior. Aos dous anos comeza a redimir a pena co traballo. Volve a Ferrol en 1941 e para sobrevivir da clases particulares.
Grazas as boas relación de Álvaro Gil con Antonio Fernández, ven para Lugo como director do Colexio de Fingoi, etapa lucense de 1950 a 1965 da que xa falara na conferencia anterior Ramón Reimunde. Foi para Carballo Calero una etapa fundamental, escribindo en galego na intimidade. A “Xente da Barreira” e premiada en Bibliófilos Gallegos, a única obra en galego que se presentou ao concurso. Os quince anos de Lugo asombra pola amplitude do seu traballo a pesar da ocupación na dirección do Colexio. En 1954 fai a tese de doutoramento e una grande cantidade de obra literaria, poesía, teatro e a “Historia da literatura galega contemporánea”.
En 1965 Abelardo Moralejo Laso chámao para dar clase na Universidade ao mesmo tempo que oposita a una adxuntía de instituto dando clase no Rosalía de Castro. En 1972 consegue a cátedra universitaria en Madrid, con 62 anos, como Otero Pedrayo, quedándolle só oito de vida académica. Coa xubilación en 1980 retoma a súa mocidade, pero políticamente non entra no vieiro constitucional e estatutario. Publica centos de artigos, da conferencias e participa en simposios e xornadas. O 7 de xaneiro de 1990 o concello de Ferrol nomeouno Fillo Predilecto.
Pilar García negro rematou a súa conferencia dando conta da obra final de Carballo Calero e dicindo que foi un personaxe riquísimo, como profesor, investigador e ensaísta que gustaba dicir:
“Compre esperar contra toda esperanza”.