As Ermidas

 

13 de outubro: As terras de Viana, viaxe con proxeccións e música, da autoría de D. Óscar López Mendaña, animador sociocultural.

Será  no salón de actos da Deputación provincial de Lugo, ás 20 h.

14 de outubro: clausura do Ciclo Viño e poesía, coa conferencia de D. X. M. Fernández Anguiano sobre Aspectos técnicos do viño: a súa relación coa saúde.

Será  no Complexo Xuvenil Lug, ás 20 h. Previamente á conferencia, o Vicepresidente da Deputación D. Antón Bao, patrocinador do ciclo, e o presidente de LugoPatrimonio, D. Lois Diéguez, farán a clausura oficial deste Ciclo. Dª Sabela Rodríguez lerá o poema Hino ao Viño, deFlorencio M. Delgado Gurriarán.

A viaxe que se realizará durante os días 17 e 18 de outubro, polas terras do Barco de Valedoras e da Rúa, terá como inspiración e lectura a obra poética de Florencio M. Delgado Gurriarán, cantor destas fermosas e descoñecidas terras.

PRESENTACIÓN

“La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad”

Portada Libro

 

O pasado día 30 de setembro tivo lugar a presentación da obra do historiador lucense e vicepresidente de Lugo Patrimonio, Adolfo de Abel Vilela “La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad”, que se enmarca na serie Galicia Histórica do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos editada pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

O salón Rexo do Círculo das Artes quedouse cativo para acoller o acto ao que asistiron unhas trescentas persoas. Fixo a presentación do acto Javier López Martínez,  director xeral da Fundación Pedro Barrié de la Maza, que dixo do libro que se podía comezar a ler por calquera dos capítulos. Tamén intervíu Eduardo Pardo de Guevara e Valdés, director do Instituto Padre Sarmiento, que fixo a presentación do autor e xustificou que se editase en español a serie Galicia Histórica para que teña difusión fóra de Galicia.

A continuación Adolfo de Abel Vilela fixo un retrato da cidade describindo a decadencia que a vida urbana lucense experimentou na Alta Idade Media. Falou dos tres intentos de repoboación e da reactivación da cidade que culmina no século XII con Raimundo de Borgoña e dona Urraca, da actividade económica, da hospitalidade, da vida monástica e relixiosa, da cultura, o lecer e as loitas feudais, rematando cunhas notas sobre o goberno da cidade.

O libro, que se estructura en vinte capítulos, ten 700 páxinas e 297 fotografías, índices xeral, de persoas e de lugares, así como un amplo apartado de bibliografía. O prezo de venda é de 25 €.

Martes, 06 Outubro 2009 09:37

Pregón das Festas de San Froilán 2009

 

Lois Diéguez, o noso presidente, fixo este ano de pregoeiro das Festas de San Froilán. Foi un pregón distinto, pois rompeu o estilo habitual que se ven repetindo cada ano. Cheo de humor, fantasía e realidade, foi, é, como o seu autor o define, un CONTO MÁXICO, que de seguido che ofrecemos.

Pregón de Lois Diéguez

Foto de La Voz de Galicia (ÓSCAR CELA)

 

PREME AQUI PARA LER O PREGÓN DAS FESTAS DE SAN FROILÁN 2009

CONCLUSIÓNS DO CONGRESO SOBRE PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS – Xornadas de Primavera e Outono

Alternativas para a consolidación do Entroido Ribeirao e mais o de Salcedo, danzas da Cervela e A Ermida, e Fachas e Agucios de Castelo e Vilelos

  1. Campo de traballo e obxectivos

O traballo para manter o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos vén de séculos atrás. Este traballo está representado nestes momentos polas Asociacións seguintes:

Asociación cultural As Fachas de Castelo (Taboada), Asociación xuvenil e cultural “Os Turulecas”, de A Cervela (O Incio), Asociación de Veciños de Salcedo (A Pobra de Brollón), Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Asociación Os agucios (Vilelos-O Saviñao), Asociación cultural Souto do Val, da Ermida (Quiroga).

Desde hai dous anos, a Asociación LugoPatrimonio, comezou a traballar tamén  coas anteriormente citadas cos obxectivos de facer unión entre todas para elaborar conxuntamente programas e alternativas concretas dirixidas ás entidades públicas e privadas, de cara a conseguir a consolidación e desenvolvemento deste Patrimonio Inmaterial. Traballou, tamén para unir as distintas administracións neste Programa concreto, de xeito que a súa actuación ao respecto estea coordinada tamén, para o aforro económico e o mellor cumprimento dos obxectivos.

Para isto, valeuse do seguinte programa inicial:

  1. Declaración destes ritos festivos como festas de interese turístico e novas figuras que xirarían arredor da idea de protección como Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico (BRICE).
  2. Catalogación de todos os elementos patrimoniais que existen en cada zona.
  3. Contratación de persoal cualificado para estudar e investigar todo o relacionado con estas festas, nos seus aspectos histórico, etnográfico, etc.
  4. Creación dunha Escola Permanente de Formación que aproveite as persoas que neste momento manteñen a tradición e a sabedoría destas festas, para así asegurar o seu futuro. Formación para a xente nova das parroquias, nenos e nenas en xeral e incidencia a través da Escola nos centros de ensino  e dentro dunha actividade cultural ben planificada. Isto levaría a fixar postos de traballo a partir da xente coa que se conta en cada lugar, vella e nova.
  5. Creación de talleres de artesanía a partir do vestiario e material usado polas persoas que activan as festas, como campaíñas e chocas, cintos, camisas, pantalóns e blusas, panos, sombreiros, fitas (colonias), peles, carautas, máscaras... o que nos levaría a potenciar traballos de ferreiros-as, costureiras-os, tecedores-as, carpinteiros-as, etc., sen esquecer tampouco outros produtos artesáns relacionados tamén con articulos para agasallo ou a gastronomía propia.
  6. Rehabilitación do patrimonio material da zona de influencia de cada punto onde se dá a festa, con planificación de fases de actuación no caso de ser moi custoso.
  7. Atención ás infraestruturas necesarias para unha mellor comunicación vial e a unha boa presenza dos lugares e aldeas.
  8. Sinalización coidadosa nas estradas para chegar sen problema aos lugares da  festa.
  9. Potenciación e coidado de rutas a crear arredor da propia festa (Ruta do Entroido, Ruta do Oso, Ruta da Danza, Ruta dos Castros... ou aquelas que sexan de interese polas características paisaxística e patrimoniais propias de cada punto).
  10. Creación e desenvolvemento do Itinerario da Festa e do Rito que uniría os seis puntos indicados, con chamadas propagandísticas para visitalos nas distintas estacións do ano: Primavera (Entroidos), Outono-Verán (Danzas e Fachas). Curiosamente, o tempo festivo e ritual está relacionado, sobre todo, co solsticio de inverno, aínda que a súa celebración sexa noutra época debido a cambios de datas relativamente recentes. Este Itinerario distinguiríase por un logo chamativo.
  11. Confección de Programas culturais e turísticos espallados por todas as casas de turismo rural, hoteis, restaurantes, agrupacións culturais, etc., co obxecto de darlle ao e á visitante alternativas para poder pasar uns días de lecer pola zona. Isto levaría a edición de folletos, dvd, libros e música e un estudo máis detallado dos ritos, sempre baixo a denominación do Itinerario da Festa e do Rito, e co coidado de respectar o sentido cultural profundo e non a folclorización no seu sentido negativo.
  12. Recollida da música producida nos diversos ritos festivos para o seu estudo, edición e acompañamento de calquera actividade realizada a respecto dos mesmos.
  13. Estudo e presenza do contexto paisaxístico como contorna física e determinante para a creación do rito.

Trátase, xa que logo, de levar adiante no prazo de 5 anos,

os puntos indicados

2. Puntos conseguidos ou en trámite de consecución

Dos diversos encontros mantidos coas consellarías chamadas naquela altura de Medio Rural, Cultura e Deportes, Innovación e Industria, Vivenda e Solo, Igualdade e Benestar Social, e coa Vicepresidencia da Deputación provincial e algúns dos concellos do ámbito xeográfico das Asociacións, como o de Chantada, Taboada ou A Pobra do Brollón, temos conseguido:

    1. Declaración de Festa de Interese Turístico para as Fachas de Castelo.
    2. Dúas becas por parte da Deputación Provincial de Lugo para o estudo e investigación das festas. Neste momento estase realizando ese traballo.
    3. Atención e axudas económicas para o desenvolvemento das actividades anuais e a potenciación das celebracións.
    4. Proxectos para a rehabilitación ou construción de locais sociais e centros de interpretación nos casos de Castelo e Santiago de Arriba.
    5. Proxectos a piques de se licitar para rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica da Cervela así como das imaxes, fonte  e capela de San Roque.
    6. Estudos e proxectos orzamentados para a intervención nos espazos públicos dos núcleos de Salcedo, Santiago de Arriba e A Cervela por parte das Consellarías de Vivenda e Medio Rural.
    7. Creación  de Unidades Didácticas para introducir nos centros de ensino.
    8. Obradoiros, conferencias e exposicións en Chantada sobre o  Entroido Ribeirao co obxectivo de poñer en relación as distintas xeracións.
    9. Axudas para a rehabilitación de vivendas en toda a zona.



3. NECESIDADES PONTUAIS DE CADA UNHA DAS FESTA E ACTIVIDADES

Entroido Ribeirao: Santiago de Arriba

  • Construción do Centro de Interpretación do Entroido Ribeirao que contemple almacén, sala para exposicións e centro de interpretación, con usos, no seu caso, para reunións, proxeccións e actos culturais, taller para a confección de sombreiros, fitas e carautas.
  • Acondicionamento  do campo da Festa, onde se celebran os oficios  do Entroido.
  • Atención ás fachadas das casas de Santiago de Arriba.
  • Alternativas ao problema das campaíñas que levan os Volantes, chocas, camisas de pano sedán, panos...
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.


Entroido de Salcedo

  • Arranxo da Estrada Pobra do Brollón-Salcedo.
  • Asfaltado da pista de Salcedo a Paramedela.
  • Melloras no alumeado público de Salcedo.
  • Acondicionamento  do campo da festa.
  • Rehabilitación da zona das Pendellas e A Carreira.
  • Rehabilitación do Altar Maior da Igrexa.
  • Ampliación do local social multiusos.
  • Alternativas para a recuperación da aldea de Parada dos Montes co obxectivo de convertela nun grande Centro de Interpretación en vivo da nosa cultura tradicional rural.
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.

Danzas da Cervela.

  • Alternativas para a confección do vestiario (panos, pantalóns, camisas, sombreiros, arcos...), de xeito que sirvan para a provisión propia e mais para a creación dun taller de artesanía.
  • Arranxo e mellor distribución do Centro social (salas para exposicións, reunións, proxeccións  e actos; centro de interpretación, almacén...).
  • Rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica, así como recuperación dos santos barrocos (Cristo e San Roque).
  • Amaño da praciña da igrexa e o cruceiro.
  • Rehabilitación da capela de san Roque e limpeza e amaño da Fonte do mesmo santo.
  • Rehabilitación do lugar da Cervela.
  • Actividades anuais.

Fachas de Castelo

  • Rehabilitación da Escola de Castelo para Centro de Interpretación das Fachas e local polivalente.
  • Apoio aos diversos actos anuais que se relacionan coa Festa, de xeito que se apreze nos mesmos o ter a consideración de Festa de Interese Turístico.
  • Creación e desenvolvemento dun Centro de Artesanía relacionado cos obxectos que se producen arredor da festa e dos produtos da comarca.


Agucios de Vilelos

  • Arranxo do camiño que leva ao castro da Besta (Vilelos) onde se fan os festexos (2 qm. aproximadamente). O proxecto gardará unha estética e calidade acorde coa contorna paisaxística.
  • Restauración do Peto de Ánimas da Besta (Vilelos).
  • Construción ou rehabilitación dun edificio próximo ao castro da Besta, que sirva como Centro de Interpretación do mundo que xira arredor dos Agucios e como local polivalente (centro cultural, centro de artesanía, local social, etc.).


Meco e Pampórnigas da Ermida

  • Restauración das máscaras do Meco e as Pampórnigas, pois o tempo e o uso tenas estragado de forma preocupante.
  • Copia do orixinal do Crismón para que os visitantes a poidan contemplar no mesmo lugar onde se encontrou ou, no seu caso, no Centro de Interpretación que se cree con este motivo.
  • Urbanización axeitada do campo da festa (árbores, alumeado, papeleiras, aparcadoiro...) pois vai ser tamén un espazo fundamental para os propios visitantes, podendo aproveitarse como recepción dos mesmos.
  • Rehabilitación das Fontes de San Vitoiro e Cantelo.
  • Construción dun Centro de Interpretación no Castro da Ermida, no que se recollerá todo o relacionado coa Historia e desenvolvemento deste espazo singular e dos personaxes do Meco e as Pampórnigas.
  • Proxecto para Rehabilitación do propio Castro da Ermida e de todas as construcións que forman parte do mesmo.
  • Actividades anuais.

O Congreso sobre PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS proclama, xa que logo, a necesidade de que as distintas institucións das que se vén falando, apoien o Programa e puntos sinalados, coa fin de que estean executados nun tempo non superior a cinco anos.

Asi mesmo, pide que os Proxectos que a Xunta do bipartito tiña xa aprobados, sexan executados sen demora polo goberno actual.

Quiroga, a 8 de setembro do 2009

 

Señoras e señores representantes das distintas administracións (Concello de Monforte representado polo seu alcalde, Deputación provincial polo deputado de Cultura), Presidentes e Presidenta das distintas asociacións que convocamos este Congreso (AA.VV. de Salcedo e de San Martiño de Vilelos, Entroido Ribeirao, Amigos Patrimonio Lemos, A.C. As Fachas, Asociación Xuvenil Os Turulecas, A.C. Souto do Val e LugoPatrimonio que facemos de coordinadores), e por suposto, vostedes, os e as congresistas que son a alma popular e científica destas xeiras dedicadas a coñecer e potenciar o noso patrimonio inmaterial.

Tamén queremos deixar constancia do recoñecemento e agradecemento a quen foron protagonistas das institucións que no seu momento apoiaron este importante traballo que levamos feito xa durante estes dous anos, algúns dos cales nos acompañan de novo:D. Alfredo Suárez canal, que foi conselleiro de Medio Rural,

D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, da xerencia do Plano Xacobeo,e dos delegados ou delegadas das distintas consellarías:Dª Branca Rodríguez Pazos, D. Emilio López Pérez, D. Xoán Xosé Molina Vázquez, e D. Cosme Pombo Rodríguez

Iniciamos, pois, neste momento que anuncia xa o outono, a apertura das segundas xornadas do Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos, Chantada e Quiroga. En febreiro estudamos os ritos do Entroido e tiramos conclusións sobre as que xa estamos a traballar. Resultados positivos e esperanzadores, xa que logo. Agora, hoxe e mais os días 7 e 8 de setembro, tócanos, do mesmo xeito, estudar, analizar e participar nos ritos das danzas e do lume: na Cervela e A Ermida, e nos fermosos lugares de Castelo e Vilelos. Ritos antigos que naceron da comunicación entre a persoa e a paisaxe, o traballo e a festa. Cando a natureza era a deusa nai á que se adoraba, pois dela saía todo o que os humanos necesitaban para viver e mesmo reproducirse.

Dirán vostedes por que estas xornadas, a que se debe o seu interese e popularización. E nós respondemos que para decatármonos do que ao longo dos séculos foron construíndo os nosos devanceiros: no idioma, no traballo e no lecer propios. Para que ese tesouro que temos diante dos nosos fociños entre con orgullo e fachenda polos nosos ollos e chegue ao noso corazón. E daí reconstrúa a diferenza como riqueza e forma de ofrecer ao mundo un xeito de vivir e un xeito de nos expresar.

Non é  doado na Galiza de hoxe aprezar os noso tesouros debido ás cortinas diferentes que se argallan para agachalos. E acaso ignoremos que eles poden mellorar a nosa dignidade e a nosa riqueza material. As festas ou ritos da Danza e do Lume poden servir para afirmar a través deles, primeiro, a nosa consciencia de galegos e galegas, e despois, todo un tecelán de riqueza que vai desde centros de interpretación ou talleres de artesanía, até postos de traballo nas zonas rurais onde se crearon.

Iso precisa, pois, aparte da conciencia dos propios protagonistas que executan as devanditas festas, o estudo científico e a investigación que nos aclaren tamén as nosas raíces profundas sen as cales andaremos cegos e sen obxectivos para a conformación da historia e do futuro destas terras.

Pasaremos estes tres días, escoitando historias e interpretacións que han valer para que a investigación siga. E comprobaremos sobre o terreo a maxia e a beleza dunha cultura que tamén lle pode mostrar os nosos xeitos de goce ao resto do mundo. Mais para iso, nós temos que ser os primeiros en nos convencer.

SEXAN BENVIDOS E BENVIDAS A ESTA UNIVERSIDADE POPULAR NA QUE SE CONXUGA, POR UNHA PARTE, A PRESENZA  DO NOSO POBO, E POLA OUTRA OS SEUS E AS SÚAS REPRESENTANTES.

TIRAREMOS CONCLUSIÓNS PARA QUE A FESTA SIGA BAIXO O MANTO PROTECTOR DO NOSO IDIOMA PROPIO (MÁXIMO PATRIMONIO QUE TEMOS E SEN O CAL QUEDARIAMOS MUDOS E DESPERSONALIZADOS). E PARA QUE AS INSTITUCIÓNS SIGAN A FORMAR PARTE DO AVANCE E DAS NECESIDADES QUE A FESTA E A IDIOSINCRASIA BERRA.

GRAZAS, POIS, POLA PARTICIPACIÓN E POLA AXUDA.

Monforte, 30 de agosto do 2009

 

Martes, 01 Setembro 2009 14:34

A primeira xornada do congreso en imaxes

 

D. Luís Costa Vázquez: O baile e a danza na tradición cultural de Galiza

 

D. Lois Diéguez: Contexto paisaxístico e patrimonial da Cervela

 

Ensaios previos pouco antes de comezar.

 

Os danzantes ante a virxe.

 

O Congreso continuará os días 7 e 8 de setembro, seguindo o programa previsto.

 

Na sesión de debate do 30 de agosto sobre as alternativas para consolidar e reforzar as danzas da Cervela, os e as congresistas acordaron, despois de aprobar os puntos que detallamos de seguido, insistir nos distintos departamentos da Xunta de Galicia (Cultura, Vivenda, Medio Rural…) que activen os distintos proxectos que estaban xa redactados e a piques de se executar pola Xunta anterior:

Mesa Congreso

 

Danzas da Cervela.

· Alternativas para a confección do vestiario (panos, pantalóns, camisas, sombreiros, arcos...), de xeito que sirvan para a provisión propia e mais para a creación dun taller de artesanía.

· Arranxo e mellor distribución do Centro social (salas para exposicións, reunións, proxeccións  e actos; centro de interpretación, almacén...).

· Rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica, así como recuperación dos santos barrocos (Cristo e San Roque).

· Amaño da praciña da igrexa e o cruceiro.

· Rehabilitación da capela de san Roque e limpeza e amaño da Fonte do mesmo santo.

· Rehabilitación do lugar da Cervela.

· Actividades anuais.

 

Os ritos do lume na cultura popular galega, a cargo do profesor D.Clodio González Pérez, historiador e etnógrafo

 

As Fachas de Castelo e os Agucios de Vilelos: unha tradición secular, por Dª Carme Pernas, Licenciada en Humanidades e representantes das asociacións convocantes: Félix Vázquez, vicepresidente da asociación As Fachas, Lois Diéguez, presidente de LugoPatrimonio, e Xosé López, presidente da AA.VV. San Martiño de Vilelos.

 

Participación na queima das Fachas en Castelo

 

Contexto histórico e patrimonial de Hospital do Incio e A Ermida (Quiroga): a súa relación, conferencia a cargo do profesor D. Isidro García Tato, doutor en Filosofía

 

Participación nos actos procesionais para ver as Pampórnigas e o Meco

 

ç

Significado e simbolismo do Meco e as Pampórnigas, por D. X.M. Blanco Prado, Licenciado en Filosofía e Letras

 

Conclusións e peche do Congreso, con Amparo Montenegro, presidenta da Asociación Cultural Souto do Val, Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, e Lois Diéguez, presidente de LugoPatrimonio.

 

Orlando Viveiro e Hixinio Flores presentaron os itinerarios que o próximo sábado, día 8 de agosto, andaremos pola zona da Fonsagrada. Mediante fotos e imaxes, e comentarios, aproximáronnos a unha das comarcas máis interesantes de Galiza, e quizabes das máis descoñecidas. Patrimonio material e natural, música, artesanía... unha riqueza que, contra vento e marea, aínda posuímos.

 

presentación da viaxe á Fonsagrada

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO