Señoras e señores representantes das distintas administracións (Concello de Monforte representado polo seu alcalde, Deputación provincial polo deputado de Cultura), Presidentes e Presidenta das distintas asociacións que convocamos este Congreso (AA.VV. de Salcedo e de San Martiño de Vilelos, Entroido Ribeirao, Amigos Patrimonio Lemos, A.C. As Fachas, Asociación Xuvenil Os Turulecas, A.C. Souto do Val e LugoPatrimonio que facemos de coordinadores), e por suposto, vostedes, os e as congresistas que son a alma popular e científica destas xeiras dedicadas a coñecer e potenciar o noso patrimonio inmaterial.
Tamén queremos deixar constancia do recoñecemento e agradecemento a quen foron protagonistas das institucións que no seu momento apoiaron este importante traballo que levamos feito xa durante estes dous anos, algúns dos cales nos acompañan de novo:D. Alfredo Suárez canal, que foi conselleiro de Medio Rural,
D. Ignacio Rodríguez Eguíbar, da xerencia do Plano Xacobeo,e dos delegados ou delegadas das distintas consellarías:Dª Branca Rodríguez Pazos, D. Emilio López Pérez, D. Xoán Xosé Molina Vázquez, e D. Cosme Pombo Rodríguez
Iniciamos, pois, neste momento que anuncia xa o outono, a apertura das segundas xornadas do Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos, Chantada e Quiroga. En febreiro estudamos os ritos do Entroido e tiramos conclusións sobre as que xa estamos a traballar. Resultados positivos e esperanzadores, xa que logo. Agora, hoxe e mais os días 7 e 8 de setembro, tócanos, do mesmo xeito, estudar, analizar e participar nos ritos das danzas e do lume: na Cervela e A Ermida, e nos fermosos lugares de Castelo e Vilelos. Ritos antigos que naceron da comunicación entre a persoa e a paisaxe, o traballo e a festa. Cando a natureza era a deusa nai á que se adoraba, pois dela saía todo o que os humanos necesitaban para viver e mesmo reproducirse.
Dirán vostedes por que estas xornadas, a que se debe o seu interese e popularización. E nós respondemos que para decatármonos do que ao longo dos séculos foron construíndo os nosos devanceiros: no idioma, no traballo e no lecer propios. Para que ese tesouro que temos diante dos nosos fociños entre con orgullo e fachenda polos nosos ollos e chegue ao noso corazón. E daí reconstrúa a diferenza como riqueza e forma de ofrecer ao mundo un xeito de vivir e un xeito de nos expresar.
Non é doado na Galiza de hoxe aprezar os noso tesouros debido ás cortinas diferentes que se argallan para agachalos. E acaso ignoremos que eles poden mellorar a nosa dignidade e a nosa riqueza material. As festas ou ritos da Danza e do Lume poden servir para afirmar a través deles, primeiro, a nosa consciencia de galegos e galegas, e despois, todo un tecelán de riqueza que vai desde centros de interpretación ou talleres de artesanía, até postos de traballo nas zonas rurais onde se crearon.
Iso precisa, pois, aparte da conciencia dos propios protagonistas que executan as devanditas festas, o estudo científico e a investigación que nos aclaren tamén as nosas raíces profundas sen as cales andaremos cegos e sen obxectivos para a conformación da historia e do futuro destas terras.
Pasaremos estes tres días, escoitando historias e interpretacións que han valer para que a investigación siga. E comprobaremos sobre o terreo a maxia e a beleza dunha cultura que tamén lle pode mostrar os nosos xeitos de goce ao resto do mundo. Mais para iso, nós temos que ser os primeiros en nos convencer.
SEXAN BENVIDOS E BENVIDAS A ESTA UNIVERSIDADE POPULAR NA QUE SE CONXUGA, POR UNHA PARTE, A PRESENZA DO NOSO POBO, E POLA OUTRA OS SEUS E AS SÚAS REPRESENTANTES.
TIRAREMOS CONCLUSIÓNS PARA QUE A FESTA SIGA BAIXO O MANTO PROTECTOR DO NOSO IDIOMA PROPIO (MÁXIMO PATRIMONIO QUE TEMOS E SEN O CAL QUEDARIAMOS MUDOS E DESPERSONALIZADOS). E PARA QUE AS INSTITUCIÓNS SIGAN A FORMAR PARTE DO AVANCE E DAS NECESIDADES QUE A FESTA E A IDIOSINCRASIA BERRA.
GRAZAS, POIS, POLA PARTICIPACIÓN E POLA AXUDA.
Monforte, 30 de agosto do 2009