Venres, 22 Marzo 2024 16:24

Táboa Redonda sobre Luisa Villalta

19 de marzo

Con motivo de ser Luisa Villata a protagonista do Día Das Letras Galegas, celebramos unha Táboa Redonda coa participación das poetas Eva Veiga Torre, Pilar Pallarés García e Pilar García Negro, profesora e especialista en literatura e lingua galega.

Abriu a mesa Pilar García Negro que actuou de moderadora, eloxiando o labor das outras dúas participantes, ás que, facendo un xuizo de profesora, cualificou como dúas grandes da literatura galega actual, dúas poetas de verdade cunha traxectoria ao servizo do país.

Pasou a falar de Luisa Villalta, (A Coruña, 1957-2004) da que dixo que debe ser celebrada como a escritora multixenérica. Esta cualidade emparéntaa co mellor da literatura clásica galega, avanzada no tratamento libre dos xéneros literarios e mais na alta estética conseguida en todos eles: poesía, prosa narrativa, teatro, ensaio, crítica literaria, xornalismo, atc. Foi, asemade, unha moi fina e perspicaz crítica literaria, así como asidua colaboradora en prensa, sendo moi lidas e apreciadas as súas columnas no semanario A Nosa Terra.

 

Outra cualidade basilar que inflúe directa ou indirectamente na súa condición de escritora foi a música e a docencia. Fai parte, como experta violinista no cuarteto Escaino e da Xoven Orquestra de Galiza, mais foi o ensino medio, como profesora de Lingua e Literatura Galega, a súa profesión definitiva. Unha terceira dimensión da súa personalidade foi a actividade cívico-política, sendo colaboradora da Agrupación Cultural da Coruña ‘Alexandre Bóveda’, socia da Mesa pola Normalización Lingüística e militante do Bloque Nacionalista Galego, a súa vida adulta cadra co desenvolvemento das primeiras iniciativas da incipiente institucionalización autonómica galega. A precaria aplicación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e, mesmo, o seu desprezo absoluto por parte do Concello da Coruña dirixido por Francisco Vázquez, concitaron sempre a súa activa protesta, na defensa irrenunciábel dos dereitos da lingua galega e, por tanto, dos deberes dos poderes públicos cara ela.

Engadiu que a obra da escritora galega deita interrogantes que continúan tendo vixencia, propostas moi valiosas que deben ser coñecidas e apreciadas. Contra o ruído da incomunicación ou da confusión interesada (mesmamente un seu libro de 1995 así se titula: Ruído), Luísa Villalta ofrece o combate contra o mutismo, a palabra con sentido e con intención, a liberdade de pensamento e de expresión contra o dogmatismo. Rematou lendo un poema do libro Ruído.

A continuación interveu Pilar Pallares que se centrou na obra da escritora homenaxeada. Facendo alusión ao que dicía a poeta Marica Campo, que se pode facer poesía de todo pero que non todo é poesía, asociándoa a Manuel María e Luis Pimentel. Luisa Villata entrou no mundo da literatura con Francisco Pillado Maior que a animou a publicar un relato que despois converteu nunha obra de teatro. Foi autora durante vinte anos dunha obra extensa e diversa, coherente, relacionada do eu co mundo, algunha da súa obra publicada en Portugal e todas en editoriais non oficiais: tres libros de poemas, libro de relatos, dúas novelas, cinco obras de teatro, dous ensaios e moitos artigos, mencionando tamén a súa faceta como violinista. Ela estaba en todo, reflexando na súa obra enfrontar todas as loitas co outro.

Na súa obra hai unha conexión desde o primeiro traballo ao derradeiro artigo, estando presente o conflito, o destino e a liberdade. Tiña gran formación filosófica, nela é fundamental a reflexión sobre a arte, hai unha relación entre a música e a poesía, dixo Pallarés que o seu traballo foi pouco valorado polos estudosos da literatura, pero si moi valorado por outros poetas. Rematou facendo o comentario de varias obras.

Eva Veiga Torre, tivo unha intervención moi filosófica, facendo unha análise da obra da autora, especialmente no canto de entender a poesía, facela no seu conxunto, entendendo ao ser humano como un eu que se vai facendo. Gusta de ir as orixes, pois evolucionamos a partir de algo. A poesía e a música, todas as artes se retroalimentan, na arte a forma importa, por iso Luisa Villanta entende a poesía como palabra melódica, a palabra xa é melodía, é a reflexión rítmica da existencia. O ritmo está en relación co corazón, o sentimento sae coa música axeitada, é poesía en evolución que vai cando a ela.

Chama a atención sobre a forma, despois ven a música, Música reservada é unha reflexión sobre a existencia, a liberdade e o destino. A poesía da autora celebrada é unha poesía operativa, que cambia o ritmo, pois a poesía é un ruído provocado e a música é unha linguaxe que se fragmenta. Rematou facendo mención ao seu feminismo que escapa da retórica.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO