No interior comezamos o percorrido no primeiro andar pola cociña de lareira, seguindo polo comedor, varias salas, unha delas con catro cuartos, un en cada esquina, pechados a modo de biombos, rotulados cada un co nome dun continente, a escaleira principal con retratos de antepasados, varios dormitorios e a sala de xogos na planta inferior.
Desde unha das salas pasamos ao coro da igrexa, de planta de cruz grega, con tres retablos barrocos, o principal presidido pola imaxe de san Antonio obra do escultor José Gambino. Despois fixemos un percorrido polos xardíns, admirando as fontes e os dous estanques que mando facer Andrés Gaioso, o chamado das virtudes e o vaidades do mundo, así como a variedade plantas ornamentais.
Despois de xantar fixemos a visita guiada pola finca do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, fundado polo Cóengo da catedral de Santiago, Juan Ibáñez de Mondragón, a principios de século XVI. No século XVII Andrés Ibáñez de Modragón encargou a Domingo Antonio de Andrade a realización dunhas obras sobre as edificacións preexistentes.
Comezamos recibindo unha explicación sobre a orixe e evolución do pazo diante da fonte de “A Coca”, situada fronte ao edificio principal, construída polo taller compostelán de Diego de Romay. No percorrido pola finca o primeiro que admiramos foi o camiño da entrada ao pazo delimitado por oliveiras centenarias, utilizadas nos primeiros momentos para a produción de aceite para o consumo particular, e despois o ombú (Phytolacca dioica), planta leñosa procedente de América do Sur estimada pola sombra.
Pola finca puidemos ver diferentes variedades de camelias e outras plantas arbustivas e arbóreas, algunhas exóticas, pasando polo chamado banco de Jovellanos, onde se di que o 2 de maio de 1811 asinou a Memoria en Defensa da Xunta Central, próximo á fervenza e ao muiño. Na zona do estanque hai dous exemplares de tulipero de Virxinia (Liriodendron tulipífera) e un gran reloxo de sol dos chamados austral Este estanque servía para encorar auga para regar no verán, mover o muiño e como piscifactoría. Rematamos a visita no estanque circular, con nenúfares, e na súa inmediación aínda quedan sen ser atacadas polo picudo dous exemplares de palmeiras de abanico mexicana (Washingtonia robusta), de gran porte.