Xoves, 29 Febreiro 2024 10:07

Conferencia de Juan David Díaz López sobre “A arquitectura do eclecticismo: pompa e fantasía para a cidade burguesa”

Nesta intervención o conferenciante ofreceu unha panorámica xeral sobre o estilo arquitectónico que se coñece como eclecticismo. Configurado ao longo do século XIX ao abeiro da febre dos historicismos e revivals, fragua no París do Segundo Imperio, na etapa de Napoleón III, como unha aposta estilística híbrida, imaxinativa e grandilocuente que quere encarnar o espírito liberal dun século enquistado en estéticas do pasado.


A intervención foi eminentemente didáctica con numerosos exemplos para poder entender a formación e evolución deste estilo a partir de 1850 como alternativa ao neoclasicismo da etapa anterior. É unha arquitectura moi recargada de decoración que mestura diferentes estilos que perdurará ata os anos 30 do século XX coa chegada do racionalismo e o emprego de novos materiais na construción como o formigón, o cemento, o vidro e o ferro. Prolongada a súa vixencia internacional a través de diversas modulacións formais, en España entrelázase co modernismo e aínda exhibe músculo na arquitectura monumental da década de 1920, antes de quedar estigmatizada polo discurso racionalista que, ata hai ben poucos anos, limitou o recoñecemento do seu valor patrimonial.


No inicio puxo como exemplos as pinturas dos americanos “O sono do arquitecto” (1840) de Thomas Cole, onde aparece un individuo contemplando unha paisaxe onde hai un edificio con elementos da arquitectura clásica e medieval, que nos ofrece unha visión global da historia da arquitectura. En “O sono do profesor” (1848), de Charles Robert Cockerell, presenta unha paisaxe urbana con edificios reais colocados por planos correspondendo  cada un deles a unha época e estilo, no primeiro plano a arquitectura exipcia e no último as pirámides. É un resumen da historia da arquitectura, o arquitecto xa o ten todo para poder traballar con todos os estilos e facer cousas novas con eles. O libro de Jean-Nicolas-Louis Durand, arquitecto, profesor da Escola politécnica de París, e teórico da arquitectura, vai ser un repertorio utilizado polos arquitectos para os seus proxectos. Explicou a diferenza entre o historicismo, que é unha copia dos estilos do paso, e o eclecticismo, que mestura estilos, utiliza o principio de liberdade que aquí inculca a os alumnos a primeira Escola de Arquitectura de Madrid.


A arquitectura de toda a Idade Moderna, desde o século XVI ata o XVIII, estivo marcada polo referente clásico (renacemento, barroco, rococó). Fala do eclecticismo tipolóxico que asigna o estilo do edificio ao seu uso, como o gótico ou o románico a unha igrexa, o clasicismo a un museo, un parlamento, unha bolsa, unha biblioteca; o mudéxar a unha praza de touros, etc. Para ilustralo puxo varios exemplos. A principios do século XIX vaise a rematar a catedral de Colonia en neogótico, os remates das torres van ser como os da catedral de burgos feitas por Juan de Colonia, arquitecto alemán, que introduciu en Castela o gótico flamíxero. O parlamento inglés de Westminster (1846-1865), ten elementos de carácter pintoresco, utilizando o gótico no exterior. Hai exemplos en Europa que fan as casas de concello en estilo gótico, como as de Viena de Friedrich von Schmidt (1872–1883); o Banco de Inglaterra (1792-1823) de Jean Soane, unha parte do interior semella unha igrexa; o Royal Pavillon en Brighton (1815-1823), é un pavillón de recreo estilo indio, onde se utilizan novos materiais, como as estruturas de ferro fundido. En Francia ten peso o neoclasicismo, como o exterior da igrexa da Madeleine (1806-1842) concibido por Napoleón como un templo grego, dedicado a Grande Armée, pero o interior non se corresponde coa estrutura dun templo clásico.


No II Imperio, Napoleón III fai unha transformación urbana derrubando o París antigo, promovida por  Hausmann por razóns sanitarias e de seguridade, substituíndo as rúas tortas e estreitas por grandes avenidas con edificios de varios pisos destinados a vivendas. A casa de vivendas é tamén unha creación deste período. O  primeiro andar será o principal, onde vive o propietario, e os seguintes son para aluguer, sendo a bufarda a máis económica. A arquitectura do século XIX foi renovadora na casa de pisos para aluguer e os hoteis va a imitar exteriormente á casa burguesa, convivindo varias capas sociais no mesmo edificio.


O edificio da Ópera (1861-1875), de Garnier, é un palacio de encontro colectivo burgués destinado para o lecer como o Casino de Montecarlo do mesmo autor. A ampliación do Museo do Louvre, en estilo neobarroco, con mansardas. Os edificios rematados circularmente nas esquinas, como os grandes almacéns Au Pritemps (1865) e Bon Marche (1875), no exterior vemos a pompa dos pazos.  
As galerías Umberto de Nápoles (1885-1892) é unha rúa con edificios de vivendas e locais comerciais na planta baixa cuberta cunha estrutura metálica e vidro. A Biblioteca Nacional de París de Lebroust  e a de Santa Xenoveva empregan no interior estruturas de ferro. As estacións do tren presenta no exterior un edificio nobre que oculta na traseira a cuberta metálica. Mostra unha rúa de Munich con edificios institucionais en estilo do renacemento, unha avenida con árbores, coidase o espazo público. Outro exemplo é o castelo de Luis II de Baviera (1866), mira a estilos medievais, estética do pintoresco.


En España, son edificios singulares en Madrid o Palacio de Cristal (1887) de Velázquez Bosco no  parque do Retiro, inspirado na arquitectura dos invernadoiros, con estrutura metálica e vidro; a Biblioteca Nacional e o Museo Arqueolóxico Nacional, en estilo neoclásico, utilizando no interior os novos materiais e o Casino de San Sebastián parecido ao de Montecarlo.
Pasou a EE.UU, a Escola de Chicago, cidade destruída por un incendio en 1881 que propicia a renovación construíndose novos e grandes edificios en altura, rañaceos inspirados nas torres góticas da catedral de Ruan, e o auditorio de Sullivan, con algún elemento clásico.


Rematou a conferencia co edificio da electricidade da Exposición Universal de París e algúns exemplos galegos, como o Hotel de Francia na Coruña de Coumes Gay; o Gran Hotel de Mondariz, de Jenaro de la Fuente; o Hotel Moderno de Vigo, de Pace Wiez, neobarroco; o Gran Hotel da Toxa, de Vázquez Gulias (1906); o Hotel Atlántico da Coruña (1920), de Luciano Delage Villegas, desaparecido; o Pavillón Central da Exposición Rexional de Santiago (1909) de Antonio Florez e  o edificio de la Eléctrica Lucense, de Juan Álvarez de Mendoza (1903), tamén desaparecido.

Enviar un comentario

Por favor, asegúrese de ter introducida a información marcada con (*). O código HTML non está permitido.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. +

    Día 23, sábado Viaxe a Monforte, visita ás Clarisas e a Compañía. Saída ás 9 horas. Ler Máis
  • Asemblea xeral e festa dos socios. +

    Día 12, xoves Asemblea xeral e festa dos socios. Xantar no Hotel Méndez Núñez. Actuación do grupo de música clásica Bóreas. Ler Máis
  • 1

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO